Canto General

Canto General
[LIT]

Poema longo publicado en 1950 por Pablo Neruda, pseudónimo de Neftalí Ricardo Reyes Basoalto. Constitúe unha crónica do continente americano desde as civilizacións indíxenas ata a época da súa redacción e poetiza a vida errante e clandestina dun home, o propio Neruda, como un canto aos seus compatriotas anónimos, á fraternidade cos oprimidos e cos humildes e á vasteza de América. Ten a súa orixe nun Canto general de Chile concibido como un longo poema épico con elementos descritivos e líricos. A nova versión transcendeu os límites iniciais e deu cabida a un catálogo pormenorizado de ríos, plantas, paxaros, apelidos, heroes da patria ou nomes de portos. Articúlase como unha versión moderna do saber enciclopédico, na medida en que reúne múltiples temas, xéneros e técnicas a partir dun tema central: América. Cómpre mencionar ademais a pegada das Crónicas de Indias e da tradición poética especificamente hispanoamericana, sobre todo das Silvas americanas (fragmentos do poema incompleto América, 1823), de Andrés Bello, dos Cantos de vida y esperanza (1902), de Rubén Darío e da Alma américa (1906), de José Santos Chocano. Consta de quince seccións, 231 poemas e máis de quince mil versos, divididos en dúas metades de sete seccións (I-VII, IX-XV), unidas nunha sección central (VIII): a primeira comprende un reconto poético da historia política de Hispanoamérica; a segunda carece desa linearidade cronolóxica e componse de series poemáticas de contido heteroxéneo. A parte central (VIII) consta de quince monólogos dramáticos e outros dous poemas; os monólogos, que coinciden en número cos das seccións do libro, son de persoas humildes, reais e históricas, que contan as súas penalidades económicas, políticas e morais. A sección I é unha xénese americana que describe a realidade previa ao descubrimento e á conquista; celebra tanto a creación da natureza americana como as tribos e civilizacións que a poboaron. A sección II sitúase nun presente arruinado, desde o que o eu lírico mira retrospectivamente cara ao pasado e denuncia as razóns da decadencia do esplendor primixenio. Da sección III á VII poetízanse todos os episodios que sucederon durante os case cinco séculos desde 1493. A segunda metade presenta un contido máis heteroxéneo. Inclúe unha imprecación característica da Guerra Fría (IX); crónicas contemporáneas de persecución política (X); folgas sindicais (XI) e ataques partidistas (XII); cartas do autor aos seus amigos poetas (XIII) xunto cunha autobiografía (XV); e, entre estas dúas últimas, un canto ao mar (XIV). Formalmente, a obra alterna poemas metafóricos, con outros de estilo prosaico, máis directo e discursivo. En definitiva, a poética mítica e a histórica, a visionaria e a militante definen este canto á realidade diversa de Hispanoamérica.

Palabras veciñas

3 canto | 4 canto -ta | 4 canto -ta | Canto General | Canto, Pedro del | Canto,Jacinto del | Cantodorxo