Canuto
Prenome masculino derivado do latín Canutus, forma que non se empregaba como cognome na Roma imperial, senón que se trata dunha adaptación ao latín medieval dun nome persoal escandinavo: Knut, en sueco, e Knud, en danés. Ambas as formas están relacionadas probablemente co danés Knude e co sueco Knut, e correspóndense co alemán Knoten ‘nó, ligame’. Outra hipótese considérao préstamo do antigo ou medio alto alemán knûz ‘orgulloso, afouto, audaz’. Levan este nome varios reis de Dinamarca dos séculos X, XI e XII; entre eles destaca Canuto IV o Santo (1040-1086), fronte a outros santos reis escandinavos coma santo Olavo de Noruega e santo Eric de Suecia. É avogoso dos calvos. Aparece representado na iconografía cunha lanza e unha frecha, símbolos da súa morte; celébrase o 10 de xullo. San Canuto Lavard (s XI-XII), príncipe de Dinamarca e duque de Schlewig, celébrase o 19 de xaneiro.