Capela, A

Capela, A


Concello da comarca do Eume, situada na provincia da Coruña no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de San Sadurniño (comarca de Ferrol), aoS co de Monfero, ao L co das Pontes de García Rodríguez e ao O cos concellos de Cabanas (os tres do Eume), Fene e Neda, estes dous últimos na comarca de Ferrol. Abrangue unha superficie de 58,8 km 2 cunha poboación de 1.471 h (2007), distribuídos nas parroquias de Caaveiro, Cabalar e A Capela. A capital municipal, a aldea das Neves, na parroquia da Capela, atópase a 43° 25’ 40’’ de latitude N e 8° 00’ 45’’ de lonxitude O, a unha distancia de 17 km de Ferrol e 90 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ferrol e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O termo municipal da Capela está baixo o dominio climático oceánico húmido e, aínda que se atopa preto do mar, presenta certos matices de continentalización que se deixan sentir sobre todo no réxime térmico. Así, a temperatura media anual sitúase en 13,8°C e a oscilación anual medra uns 2°C respecto da costa próxima das rías de Ares e Ferrol. Redúcese a temperatura media mínima a 8,1°C no mes máis frío, xaneiro, e a máxima acada 19,6°C, que corresponde coa temperatura media do mes de agosto. O maior risco de xeadas rexístrase entre novembro e marzo, se ben o número de días ao ano libres delas é de 330. As precipitacións tamén se incrementan en relación coa área litoral polo que se recolle unha media anual de 1.915 mm, distribuídas nuns 150 días anuais, debido á disposición do relevo e a unha topografía máis elevada. O réxime pluviométrico presenta un marcado máximo invernal, pois nesa estación se recolle o 37% das chuvias fronte a unha notable seca estival nos meses do verán ao rexistrarse só o 12%, con problemas de déficit hídrico nos solos nos meses de xullo e agosto, e unhas estacións intermedias que, ao seren estacións de transición, se reparten o resto das precipitacións (primavera, 24%; outono, 27%). En canto ao relevo, pódese dicir que constitúe unha área de montaña no contexto galego, pois está situado a unha altitude media notable (400 m). A práctica totalidade do municipio inclúese na serra de Forgoselo, batolito granítico intrusivo que corta as estruturas encaixantes; está bastante aplanada, aínda que a incidencia da tectónica, as diferencias litolóxicas e a capacidade de incisión do río Eume, que circula polo extremo meridional do concello, provocaron un certo rexuvenecemento do conxunto. Aparecen relevos residuais produto da erosión diferencial por diferencias litolóxicas, que se corresponden cos límites do afloramento granítico. Así, no N, érguese o pico Fontardión, de 607 m de altitude, que serve de límite co concello de San Sadurniño. Ao S o bordo resistente refórzase co encaixe do Eume, mentres que polo O se levantan os montes Mariña (454 m) e Pena (415 m). Polo N e centro do municipio circulan os ríos que verten as súas augas no Belelle, pero o Eume, que percorre a área meridional, é o principal curso fluvial. As fragas do Eume, situadas nas beiras encaixadas deste río, constitúen un dos bosques autóctonos caducifolios máis extensos e mellor conservados en Europa.
Xeografía humana
A evolución demográfica do territorio do actual municipio nos últimos dous séculos, excluídas as sete parroquias segregadas en 1982 para anexionarse ao concello das Pontes de García Rodríguez, seguiu a tónica xeral galega de crecemento moderado ata 1950; a partir dese momento desenvolveu unha dinámica de declive, xerada pola incidencia da emigración, que non se interrompeu ata o momento presente. Así, entre 1887 (1.724 h) e 1950 (máximo poboacional con 2.182 h), o ritmo de incremento demográfico anual foi do 0,57%, aínda que entre 1910 e 1920 sufriu unha pequena crise (cun descenso medio do -0,62% anual), froito da forza que acadou a emigración cara a Arxentina e Venezuela, principalmente, e polo andazo de gripe de 1918-1919. A partir de 1950 abriuse unha fase de declive continuado que aínda non concluíu. O descenso do número de habitantes seguiu unha cadencia moi regular (cunha media do -0,54% anual), sen períodos nos que as perdas demográficas destacasen. Nos anos cincuenta e sesenta dominaba a emigración dirixida a destinos do estranxeiro, que logo se transformou nunha emigración interior, na que predominaron os traslados a Ferrol e ás Pontes. Esta emigración interna responde á demanda de man de obra nas industrias da construción naval (no caso de Ferrol) e na extractiva e na central térmica (no caso das Pontes). A comezos do s XXI o crecemento foi negativo, -3,88% (2001-2007). As perdas demográficas son basicamente froito do saldo vexetativo negativo (-6,1‰ en 2006), derivado dunha alta mortalidade (11,8‰) e dunha baixa natalidade (5,7‰). A estrutura por idades presenta un índice de senectude elevado, pois os maiores de 65 anos, que representan o 27,5% da poboación, superan amplamente os menores de 20 anos, o 12,2% dos residentes no concello. A preponderancia das mulleres na estrutura por sexos é moi leve, supoñendo o 50,71% fronte ao 49,28% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Capela é do 45,2% (53,4% a masculina e37,4 % a feminina); a taxa de ocupación é do 41,3% (49,7% a masculina e 33,1% a feminina) e a taxa de paro é do 8,8% (6,9% a masculina e 11,4% a feminina). A segregación de case dous tercios do territorio da Capela en 1983 non afectou ás bases económicas municipais, que presentan unha dobre vertente, agropecuaria e industrial. A estrutura agropecuaria é moi sólida e dá emprego ao 24,4% da poboación activa. Existe unha notable intensidade no aproveitamento gandeiro, de especialización láctea, con case 3.066 (1999) a maioría delas de raza frisona. A dimensión media das explotacións supera as 12 Ha, e presentan uns elevados índices de mecanización e un número de reses que lles permiten obter un aceptable nivel de rendibilidade. Ademais, existe un movemento cooperativo que ofrece numerosas vantaxes aos seus membros: comercialización proveitosa do leite, servizos veterinarios, facilidades na adquisición de medios produtivos, etc. O aproveitamento forestal é bastante significativo e non deixan de proliferar as repoboacións con especies de crecemento rápido (piñeiros e eucaliptos), aínda que existen considerables extensións de vexetación autóctona axeitadamente protexida. A agricultura serve de complemento das economías familiares, predominando a de autoconsumo. A practicada a tempo parcial está moi estendida, sobre todo entre os traballadores da industria e dos servizos. A industria, que dá emprego ao 22,5% dos ocupados residentes no concello, é o segundo polo arredor do que gravita a economía municipal, non polo tecido industrial propio, moi reducido, no que só sobresaen algúns serradoiros, senón pola súa forza en concellos próximos, especialmente nas Pontes de García Rodríguez e nos da Ferrolterra (Ferrol, Fene, Narón e San Sadurniño), a onde se desprazan diariamente moitos traballadores. A construción ocupa ao 14,3% dos ocupados. Finalmente, os servizos non están moi desenvolvidos, malia o seu crecemento nos últimos anos por mor da proximidade dos centros comarcais; con todo, acada o 38,7% do emprego, debido aos mesmos factores esóxenos. A principal vía de comunicación é a estrada AC-564 que atravesa a capital municiapal.
Historia
A historia das terras deste concello caracterízase pola presenza do mosteiro de San Xoán de Caaveiro, que exerceu señorío e xurisdición sobre todo o municipio, aínda que nos ss XIV e XV compartiu o dominio cos condes de Traba e a casa de Andrade. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Caaveiro e todo o territorio formaba parte da provincia de Betanzos. O municipio xurdiu coa división municipal de 1836, momento no que contaba con nove parroquias, ás que en 1925 se lles engadiu a de San Braulio de Caaveiro. En 1982 segregáronse sete freguesías, as máis orientais (Bermui, Espiñaredo, Eume, Faeira, Goente, Ribadeume e Seixo), que pasaron a integrarse no concello das Pontes de García Rodríguez e que deron lugar ao actual concello, que conta con tres parroquias e só un tercio da superficie orixinal.
Patrimonio cultural
O monumento arquitectónico máis importante da parroquia é o mosteiro de San Xoán de Caaveiro (BIC, 1976), románico do s XII con engadidos barrocos, situado nun bosque de vexetación autóctona. O santuario da Nosa Señora das Neves (s XV) conserva a lápida de san Rosendo e unha alba que pertenceu ao santo. Ao seu carón hai unha enorme pena que, pola súa estraña forma se poderia dicir que estivo ligada a cultos pagáns precristiáns. O concello conta cun museo etnográfico, o do colexio de Caaveiro das Neves-Capela, creado durante o curso 1980-1981. Do seu patrimonio natural destaca os espazos das Fragas do Eume e de Xubia-Castro, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello salientan as romarías de San Xoán de Caaveiro, o 24 de xuño, e a das Neves, o 5 de agosto. O derradeiro domingo de agosto ten lugar a festa gastronómica do Requeixo.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Eume
Extensión 58 Km2
Poboación Total 1471 h
Poboación Homes 725 h
Poboación Mulleres 746 h
Densidade de poboación 25.36 h/Km2

Parroquias

Caaveiro
Cabalar
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias