cápsula

cápsula

(

  1. s f

    Calquera cousa que teña forma de recipiente ou caixa pequena ou mesmo de bolsa.

    1. s f [BIOL]

      Cuberta ou membrana que protexe diferentes estruturas delicadas en moitos organismos. Poden presentala moitas bacterias, diversas algas, radiolarios, etc.

    2. cápsula mucosa [MICROB]

      Capa difusa externa da parede dalgunhas bacterias, con estrutura homoxénea de baixa densidade e grosor variable, composta xeralmente por algún polisacárido de aspecto mucoso. Utilízase para a produción industrial de axentes xelificantes ou viscosos a partir de microorganismos.

  2. [ANAT]
    1. s f

      Membrana que envolve un órgano ou parte dun órgano, como a cápsula adiposa do ril, que o envolve e o sostén; a cápsula de Bowman, que envolve o glomérulo renal; a cápsula de Glisson, que envolve o fígado, etc.

    2. cápsula articular

      Saco fibroso, recuberto pola membrana sinovial, que envolve unha articulación, formado por tecido conxuntivo denso con fibras coláxenas e elásticas.

    3. cápsula externa

      Capa de substancia branca do encéfalo situada por fóra do núcleo lenticular do corpo estriado.

    4. cápsula interna

      Capa de substancia branca situada entre a cabeza do núcleo caudal e o tálamo óptico, por unha parte, e o núcleo lenticular, por outra. Ten un brazo anterior e un posterior. Por ela pasan as vías piramidais motoras procedentes dos centros corticais e as vías sensitivas ou cinta de Reil. A súa lesión provoca a hamiplexia máis común, chamada capsular.

    5. cápsula suprarrenal

      Glándula suprarrenal.

  3. s f [BOT]
    1. Órgano do esperófito dos mofos que forma as esporas no seu interior. Xeralmente presenta unha forma cilíndrica, prismática ou esferoidal, e pode estar unido por un nó ou apófise. Consta dun tecido estéril que forma a parede; ás veces está provisto de estomas, dunha capa esporóxena (separada nalgúns grupos por un tecido aerífero) e dunha masa estéril central, a columela.

    2. Froito seco, pluricarpelar, sincárpico, unilocular ou plurilocular, dehiscente, e xeralmente con moitas sementes. Segundo o xeito de liberar as sementes, a cápsula pode ser: poral, coma nas papoulas; loculicida, coma nos lirios; septicida, coma no rododendro; ou ventricida, coma na xenciana.

    3. Froito, entre outras, das buxáceas.

  4. s f [AERON]
    1. Parte dun satélite artificial destinada a descender á superficie terrestre ou á dalgún outro astro.

    2. Sección tripulada, isto é, a que inclúe a cabina, dun vehículo espacial de pequenas dimensións. OBS: Tamén se denomina cápsula espacial.

  5. s f [MED]
    1. Pequeno envoltorio cilíndrico ou esférico, xeralmente constituído por dúas pezas que encaixan con outra, dunha materia insípida e soluble (como pasta de amidón ou, máis modernamente, xelatina), dentro da que se poñen determinados medicamentos que, polo seu mal gusto ou polo seu cheiro, son malos de tomar. Un tipo especial son as cápsulas entéricas que se tratan de maneira que non se disolvan no estómago, senón no intestino.

    2. Conxunto do envoltorio co medicamento incluído.

  6. s f [QUÍM]

    aso de porcelana ou vidro en forma de casquete esférico cun pequeno bico, ás veces de fondo plano, empregado en traballos de laboratorio principalmente para evaporar líquidos.

  7. s f [IND]
    1. Casquete metálico co que se pecha hermeticamente unha botella ou frasco, despois de cheas ou taponadas coa rolla.

    2. Precinto flexible, xeralmente de metal fino vernizado ou de plástico, co que se recobre o tapón ou a parte superior das botellas de viño ou doutras bebidas.

  8. s f [BÉL]

    Cilindro metálico baleiro que contén o explosivo iniciador ou fulminante e que comunica o fogo coa carga explosiva mediante a acción brusca dun percusor ou por medio da enerxía eléctrica.

  9. [FÍS]
    1. s f

      Nome de certos aparellos ou dispositivos electroacústicos.

    2. cápsula fonocaptora

      Transdutor mecanoeléctrico empregado na reprodución de discos fonográficos, que trasforma os sinais mecánicos co movemento da punta lectora en sinais eléctricos. As cápsulas clasifícanse en dous grandes grupos, segundo sexan sensibles á amplitude do movemento da punta da agulla ou á súa velocidade de desprazamento. Entre as primeiras están as piezoeléctricas, as de resistencia variable, as fotoeléctricas e as de condensador; entre as segundas, as magnéticas e as dinámicas. As cápsulas piezoeléctricas, baseadas na propiedade que teñen certos materiais de cargarse electricamente ao ser deformados, empréganse en equipos de reprodución económicos e portátiles. As cápsulas de resistencia variable baséanse na variación de resistencia dun elemento condutor ou semicondutor ao modificar as súas dimensións; as fotoeléctricas, en que a agulla soporta unha pantalla que permite o paso de máis ou menos luz cara ao elemento fotosensible; e as de condensador, en que a agulla soporta unha das placas dun condensador de forma que cando se move varía a súa capacidade. As cápsulas máis usuais son as cápsulas magnéticas. O circuíto magnético inclúe un entreferro onde se sitúa unha peza móbil solidaria á agulla a través do seu brazo, que pecha o circuíto magnético. A peza pode ser de ferro doce, cápsula magnética de ferro móbil, un imán, cápsula de imán móbil, ou unha bobina, cápsula de bobina móbil. A máis utilizada é a de imán móbil porque é capaz de dar un nivel de sinal máis elevado ca a igualdade de formatos das outras dúas cápsulas. A agulla é un dos compoñentes máis importantes da cápsula; ten que estar sometida a unha presión determinada e debe seguir as modulacións do suco coa máxima fidelidade. A capacidade de seguimento da información rexistrada no suco chámase habilidade de lectura (trackability) e é o factor máis importante. Segundo a forma, cómpre distinguir tres tipos de agulla: a esférica, a elíptica e a hiperelíptica; as dúas últimas teñen unha maior habilidade de lectura.

    3. cápsula microfónica

      Micrófono, xeralmente de carbón, empregado en aparellos telefónicos.

  10. s f [INFORM]

    Envase de plástico ou cerámica que recobre os microprocesadores instalados nos ordenadores para evitar que sexan danados.