caránxido -da

caránxido -da

(< lat Caranx, xénero depeixes)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos caránxidos.

  2. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe da familia dos caránxidos.

  3. s m pl [ANIMAL/ICT]

    Familia de peixes da orde dos perciformes, de corpo que pode ser dende alongado e fusiforme ata alto e fortemente comprimido; o pedúnculo caudal pode ser fino ou lixeiramente alto, cunha ou varias quillas laterais. A cabeza varía dende moderadamente longa e arredondada a curta, alta e moi comprimida; os ollos poden ser pequenos ou grandes, en ocasións cunha pálpebra adiposa moi desenvolvida; a boca presenta normalmente dentes, pequenos ou diminutos, en ringleiras ou bandas, presentes tamén no ceo da boca e na lingua; as aberturas branquiais son grandes. Son peixes peláxicos, moi bos nadadores, que presentan movementos máis ou menos migratorios. Xeralmente gregarios, a maior parte das especies forman cardumes, especialmente aquelas máis pequenas (caso do xurelo), que poden reunirse en bancos densos de dimensións considerables, preto do fondo, en profundidades de 100-200 m ou incluso 500 m; de aí a súa importancia pesqueira. A maioría aparecen en augas superficiais tropicais; algunhas especies teñen distribucións maioritariamente continentais e localízanse en ambientes salobres (especialmente os grupos máis novos); outras especies son peláxicas ao longo de toda a vida e localízanse normalmente na superficie ou preto dela, maioritariamente en augas oceánicas de calquera parte do mundo; unhas poucas especies teñen distribucións disxuntas e aparecen nos dous hemisferios pero sen encontrarse nas augas ecuatoriais máis cálidas. Son peixes carnívoros, voraces, cunha dieta variable en función das diferentes especies e hábitats que ocupan, e aliméntanse de invertebrados planctónicos (principalmente copépodos), camaróns, cangrexos, moluscos bentónicos, luras e ata peixes (de forma case exclusiva nalgúns xéneros). Todos teñen ovos peláxicos e a posta ten lugar normalmente durante o verán. Os grupos máis novos, por exemplo os dos xurelos, poden resgardarse dos depredadores baixo as augamares, entre os filamentos urticantes sen desencadear ningunha reacción. Constitúen esta familia uns 25 xéneros, 6 deles presentes en Galicia (Campogramma, Caranx, Lichia, Naucrates, Pseudocaranx, Seriola, Trachinotus e Trachurus) e 14 nas augas europeas. Pertencen a esta familia os xurelos, os chinchos e as castañetas xigantes. Ademais da importancia pesqueira, algunhas especies son moi cobizadas polos pescadores deportivos e apreciadas como alimento; outras empréganse como carnada ou para obter aceite. Captúranse mediante arrastre, cerco e palangre.

Palabras veciñas

Carantoña | Carantoña, Francisco | Carantoña, Xosé | caránxido -da | Caranza | Caranza | carapa