Carballiño, O
Concello cabeceira da comarca homónima, situado na provincia de Ourense no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Piñor, ao O cos do Irixo e Boborás (todos eles do Carballiño), ao S cos de Leiro (comarca do Ribeiro) e San Amaro e ao L cos de Maside e San Cristovo de Cea (todos eles do Carballiño). Abrangue unha superficie de 54,4 km 2 cunha poboación de 13.838 h (2007) distribuídos entre parroquias de Arcos, Banga, O Barón, Cabanelas, O Carballiño, Lobás, Longoseiros, Madarnás, Mesego, Mudelos, Partovia, A Piteira, Ponte Veiga, Sagra, Señorín e Seoane de Arcos. A capital municipal é a vila do Carballiño, situada a 42° 30’ de latitude N e 8° 20’ de lonxitude O, 94 km ao SL de Santiago de Compostela e 28 km ao NO de Ourense, á beira da estrada nacional N-541. Cabeceira do partido xudicial, está adscrito á diócese de Ourense (arciprestado de Carballiño-Orcellón)
Xeografía física
O concello do Carballiño localízase nunha área de transición entre os somontes orientais da Dorsal Meridiana, á altura dos Montes do Testeiro, e a depresión interior do Val do Miño. As súas terras forman parte do Val do Arenteiro e o termo municipal ten unha altitude media correspondente coa superficie de aplanamento dos 400 m. As formas do relevo articúlanse ao redor do curso do Arenteiro nunha dirección NL-SO marcada pola existencia dunha liña de fractura na que encaixa o río. Na parte máis occidental tómase contacto cos somontes do Testeiro, a unha altitude de ao redor dos 700 m, e desde aí descéndese cara ao val do Miño, de xeito que as terras do concello quedan situadas entre dous encaixamentos máis profundos: os dos ríos Avia e Barbantiño. O Arenteiro nace nos montes do Testeiro e recibe auga de pequenos afluentes como os regatos da Pedriña, Barón ou Porto. A principal elevación é o Pico Peniza de 876 m, seguida da Pena Realista de 679 m ou a Pena Grande de 606 m. Desde o punto de vista xeolóxico refórzase a idea de transición ao estar o municipio nunha área de contacto entre os materiais de xistos da Dorsal e os graníticos, de baixo contido en cuarzo e carácter moi fráxil, coñecidos como sábrego, xa característicos do Ribeiro. Por ser unha zona de fracturas, xorden mananciais de augas que polas súas aptitudes medicinais favoreceron o seu posterior aproveitamento en balnearios. Climaticamente vólvese manifestar a transición entre o dominio oceánico de montaña da área da Dorsal e o oceánico mediterráneo característico do val do Miño. Os rexistros de precipitacións medias achéganse aos 1.500 mm anuais. Os días de chuvia están entre os 100 e os 110 por ano. Presenta un déficit hídrico estival entre os 100 mm e os 200 mm anuais. Os rexistros de temperaturas tamén reflicten a dicotomía entre os sectores máis elevados e os máis baixos, con valores menores conforme se ascende en altitude. A oscilación térmica anual oscila entre os 14°C e 15°C. Os invernos son rigorosos; o mes máis frío é xaneiro con temperaturas medias de 4°C nas áreas altas e 7°C nas cotas do fondo do val. Pola súa parte, os veráns son calorosos e secos; o mes máis cálido é xullo con temperaturas medias de 19°C nas áreas altas e 21°C nas baixas. Os ventos predominantes son do SO e destaca a ausencia de néboas. Desde o punto de vista xeotectónico maniféstase como unha área estable con baixo nivel de risco natural, coa excepción das marxes aluviais do cauce do río Arenteiro, propensas a riscos de asolagamento.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello do Carballiño nos últimos dous séculos caracterízase por un constante aumento dos efectivos demográficos, unicamente freado nas décadas de 1930 (debido á depresión económica internacional de 1929 e a Guerra Civil de 1936-1939) e na de 1960 (pola intensificación dos fluxos emigratorios). O resto dos períodos marca un lento e progresivo aumento que vai desde os 8.447 h de 1900 e os 9.875 h de 1950, ata o seu máximo poboacional de todo o s XX cos 12.146 h de 1996. No s XXI pasouse dos 12.521 h de 2001 aos 13.838 h de 2007. Na secuencia intercensual destaca o crecente proceso de concentración de efectivos humanos na capital municipal, especialmente a partir de mediados de século. Se no 1900 a poboación da vila supuña un 20% da total do concello (só 1.645 h), esta porcentaxe chegou a un 40% no 1960 (3.832 h) e a máis dun 70% en 1996 (8.566 h); en 2007 esta porcentaxe ascende ao 76,52%. De xeito paralelo, o volume demográfico dos espazos rurais do concello diminuíu paulatinamente. O importante crecemento experimentado pola vila explícase en primeiro lugar pola atracción que nas pasadas décadas exerceu O Carballiño sobre os emigrantes da súa comarca que, tralo seu retorno, escolleron o núcleo urbano para establecer a súa residencia; e, en segundo lugar, pola oferta de empregos non agrarios existentes, sobre todo ata os anos oitenta. Como consecuencia da conversión da vila nun modesto foco de recepción de emigrantes, a porcentaxe de residentes non nacidos no propio concello non é moi elevada: 18,2% dos censados en 2001 e unha parte moi significativa, 1.205 persoas teñen como lugar de nacemento países estranxeiros. O retorno explica os ritmos de crecemento do municipio nos últimos anos, pois por vía natural (diferencia entre nacementos e defuncións) a evolución é negativa. A estrutura demográfica moi avellentada na o 24,6% da poboación total do municipio ten máis de 65 anos e os menores de 20 anos representan o 16,1%; o grupo intermedio representa o 59,3%. Esta estrutura explícase coas cifras do crecemento natural (2006) que é de signo negativo (-5,7‰), froito dunha natalidade moderada (7,1‰) e unha elevada mortalidade (12,8‰). Na composición por sexos dominan as mulleres, 52,84%, fronte ao 47,16% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Carballiño é do 46,5% (57,8% a masculina e 36,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,6% (51,5% a masculina e 29,2% a feminina) e a taxa de paro é do 14,8% (10,9% a masculina e 20,3% a feminina). A economía do concello do Carballiño caracterízase por posuír unha estrutura centrada no sector terciario: máis da metade da poboación ocupada residente no concello (64,47%) emprégase nos servizos, nunha porcentaxe superior á media galega. Dentro do sector destacan tres subgrupos que marcan a especialización funcional do Carballiño: a administracción pública, o comercio e a hostalería. Conta cunha boa dotación de establecementos comerciais que atenden tanto as necesidades de bens básicos da poboación da comarca como aqueloutros de carácter non cotián e máis especializados, que establecen certa competencia coa veciña cidade de Ourense. É significativo neste sentido o establecemento na vila de puntos de negocios de importantes cadeas comerciais que guían a súa expansión por criterios de límites de demanda. Factor determinante da boa oferta comercial é a composición da demanda local que se incrementa na época do verán a causa do importante volume de emigrantes que acoden de vacacións. O nivel de servizos do Carballiño corresponde ao dunha cabeceira de comarca de primeira orde do interior de Galicia. O sector financeiro é de relativa importancia no núcleo, as sucursais bancarias están atraídas polas posibilidades de captación de investimentos procedentes, fundamentalmente, do aforro dos emigrantes en destinos sudamericanos. No tocante aos servizos públicos e administrativos, na vila hai diferentes delegacións de organismos oficiais: INEM, INSS, xulgados, instituto de ensino secundario e administración tributaria, todos eles vinculados ás sucesivas políticas de descentralización administrativa impulsadas polos gobernos central e autonómico. O turismo, á marxe da especial circunstancia da recepción estival de emigrantes, ten na tradicional función balnearia un dos seus piares. O concello conta con dous balnearios: o Gran Balneario e As Caldas de Partovia. O potencial de atracción refórzase pola existencia doutros recursos de interese como o espazo natural do Parque (situado moi preto da vila, cunha extensión de 32 Ha), o conxunto histórico de Cabanelas ou actividades lúdico-gastronómicas como a Festa do Polbo. A oferta hostaleira compleméntase cos hostais e diversos locais de restauración de renome. A boa dotación comercial e de servizos confírelle ao Carballiño unha gran centralidade e atracción sobre os municipios circundantes formando unha clara comarca funcional. Por outra parte, a industria (14,6% dos ocupados) presenta un marcado carácter marxinal dentro da estrutura económica local e carece dun sector empresarial endóxeno. Tralo peche de Tanosa, o subsector da madeira, un dos máis destacados, entrou en decadencia. Pese á presenza do Polígono Industrial de Uceira (construído no 1973 ao abeiro do III Plan de Desarrollo) non se desenvolveu unha estrutura industrial destacada. A construción mantense como unha actividade de certa importancia, ligada ao auxe constructivo do núcleo urbano do Carballiño, aínda que se pode constatar unha paulatina contracción da actividade paralela ao menor investimento emigrante neste sector. En volume de emprego, a construción representa o 17,1%. Por último, o sector primario mantén unha posición residual, achegándose a valores propios de áreas urbanas. Emprega pouca man de obra (só o 3,7% na agricultura e gandaría e 0,2% na pesca) e presenta unha estrutura fundamentalmente minifundista e de autosubsistencia. A porcentaxe de terras labradas e prados é pequena, o 21,8% da superficie total do concello é superficie agraria útil; só o cultivo da vide nas terras situadas na zona meridional do concello, xa nas proximidades do Ribeiro, ten certa importancia. Predomina o uso forestal do solo, fundamentalmente piñeiro combinado con mato. A presenza gandeira é tamén meramente testemuñal. O censo de gando bovino redúcese a 107 cabezas (2007).
Urbanismo
A actividade económica concéntrase na vila do Carballiño. Este núcleo, cunha morfoloxía urbana pouco organizada, presenta frecuentes desequilibrios na altura das construcións e carece de dotacións e infraestruturas urbanas básicas. A vila configurouse ao redor do Campo da Feira, actual Praza do Emigrante, e do barrio das Flores. A primeira grande expansión tivo lugar ao final do s XIX e levouse a cabo mediante a apertura dun entramado viario, entre a estrada de Pontevedra e o barrio das Flores, que debuxou pequenas cuadras nun trazado hipodámico. A Praza Maior, que comunica este sector co Barrio das Flores, configurouse como centro cívico e comercial ao situarse alí a Casa do Concello, e conta con numerosos establecementos comerciais. O núcleo medrou moito nos últimos anos; como consecuencia deste dinamismo, o parque inmobiliario que no 1960 estaba constituído por unhas 1.000 vivendas cunha poboación de 9.771 h, en 2001, con 12.521 h o parque de vivendas medrou ata as 8.063. Este crecemento fundaméntase no forte investimento inmobiliario levado a cabo, sobre todo na década dos setenta e oitenta, polos emigrantes en Sudamérica, tanto do Carballiño como da bisbarra, que canalizaron inxentes cantidades de capital cara ao sector da construción. Non obstante , nos últimos anos esta incidencia tende a remitir ao igual có ritmo de construción. O desenvolvemento económico e urbano do Carballiño viuse favorecido pola súa condición de encrucillada de vías locais: a estrada OU-202, que a conecta co Irixo e Lalín, a OU 204, con San Cristovo de Cea, ou a OU-210, con Ribadavia. Ademais a capital do concello está atravesada pola N-541. A súa estación inaugurouse no 1956 e conta con servizo ferroviario na liña Vigo-Ourense.
Historia
O poboamento do concello remóntase á época castrexa. Deste período consérvanse os castros de Mosteiro, Meixón e Cameixa e a necrópole de Mesiego. Os romanos aproveitaron a riqueza das augas termais, especialmente as de Caldas de Partovia. Non obstante , a historia do concello está vinculada ao mosteiro de Santa María de Oseira (San Cristovo de Cea) que exerceu o dominio territorial. En 1767 os monxes de Oseira estableceron un campo de feira no lugar que hoxe ocupa a vila. O lugar elixido situábase no cruce entre o Camiño Real, que daba saída aos produtos do Ribeiro cara a Santiago de Compostela e Pontevedra, e na vía que comunicaba Ourense con Pontevedra. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello do Carballiño pertencían ás xurisdicións de Camporredondo, Castro Cabadoso, Lobás, Madarnás, Orcellón, Oseira, Partovia e Roucos. Estas xurisdicións exercíanas diversos señores civís (os condes de Lemos, os de Monterrei e os de Ribadavia) e eclesiásticos (os mosteiros bieitos composteláns de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares, e o cisterciense de Oseira). Pola súa banda, a parroquia de Arcos constituía un couto redondo. Todas estas xurisdicións e mais o couto de Arcos estaban representadas pola antiga provincia de Ourense. Coa proclamación da Constitución de Cádiz en 1812, substituíuse o réxime señorial pola administración municipal do territorio, de xeito que en 1813 se creou o concello do Carballiño. A súa vixencia rematou en 1814 coa derrogación da Constitución por decreto do Rei Fernando VII e coa restauración do Antigo Réxime. No trienio (1820-1823) xurdiron no actual territorio municipal os concellos do Carballiño, Banga, Lobás e Mouriz, integrados na provincia de Galicia. Ademais, creouse a nova provincia de Ourense, á que se adscribiron estes catro concellos. A segunda derrogación da Constitución, en 1823, supuxo a supresión do municipalismo e unha nova volta á administración señorial. En 1835, establecido definitivamente o municipalismo, configurouse o concello cos mesmos límites que na actualidade. En todos os períodos a vila foi cabeceira de partido xudicial. Durante a primeira metade do s XX o núcleo coñeceu unha época de esplendor grazas ao seu potencial económico baseado na atracción que exercía como vila turística e na existencia dun considerable sector artesanal especializado na madeira.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos cómpre destacar a igrexa de Santa Baia de Banga, románica, declarada BIC en 1981, da que sobresae no seu interior a policromía realizada polo chamado pintor de Banga, presuntamente Bartolomé García de Bahamonde. Na vila de Carballiño destacan a igrexa parroquial de San Cibrán, construída entre 1898 e 1900 sobre a vella capela de Santo Antón derrubada en 1896, o Gran Balneario (1900), a residencia Moscardó, o asilo e a igrexa de Vera Cruz, obra de Antonio Palacios e declarada BIC en 1995. O concello conta cun gran número de espazos naturais entre os que destacan as áreas recreativas de Baniño de Arcos, o Cuco, o Gran Balneario,a piscifactoría, a Pena dos Namorados, o Muíño das Lousas e o Parque Municipal cun paseo fluvial con embarcadoiro. A riqueza das augas termais amósase en tres estacións termais: o Baniño de Arcos, con fonte e estanque de titularidade pública, o Gran Balneario de Carballiño e o Balneario de Caldas de Partovia. O Carballiño caracterízase por ter un bo número de festas gastronómicas: o domingo de Entroido celébrase a Festa da Cachucha, en novembro o magosto e durante os tres primeiros domingos de agosto celébranse, respectivamente, as festas do Cabrito, do Polbo e da Empanada. A proximidade da provincia de Pontevedra e o feito de que a vila de Marín dependese do mosteiro de Oseira explican a presenza de numerosas polbeiras nesta zona e a tradición comercial das Polbeiras de Arcos. Entre as festas relixiosas destacan as de San Cibrán entre o en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Carballiño, O |
| Extensión | 54 Km2 |
| Poboación Total | 13838 h |
| Poboación Homes | 6526 h |
| Poboación Mulleres | 7312 h |
| Densidade de poboación | 256.26 h/Km2 |