Carballo
Concello da comarca de Bergantiños, situado na provincia da Coruña ao NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Situado á beira do Océano Atlántico, limita ao L cos concellos de Cerceda (comarca da Terra de Ordes) e Laracha, ao S co de Tordoia (Terra de Ordes) e ao O cos de Coristanco, Ponteceso e Malpica de Bergantiños (Bergantiños). Abrangue unha superficie de 186,8 km 2 cunha poboación de 30.091 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Cances, Carballo, Entrecruces, Goiáns, Lema, Noicela, Oza, Razo, Rebordelos, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela. A capital municipal é a vila de Carballo, situada 43° 12’ 5’’ de latitude N e 8° 41’ 5’’ de lonxitude O, 46 km ao N de Santiago de Compostela, e 33 km ao O da Coruña. Asume as funcións de cabeceira comarcal e é sede do partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Carballo sitúase baixo o dominio climático do litoral atlántico do NO, caracterizado pola suavidade térmica e o abrigo pluviométrico en comparación co resto da fachada occidental, que rexistra precipitacións moi superiores. A temperatura en xaneiro é de 10°C e, en xullo, de 19° C; os rexistros de precipitación anual oscilan entre os 1.000 e 1.250 mm, aínda que chove máis de 150 días ao ano. A explicación desta menor pluviosidade radica na propia configuración do relevo: o territorio de Carballo é basicamente unha depresión que permite o paso das frontes sen provocar ascensos das masas de aire húmido procedentes do océano. O relevo do termo municipal a penas amosa fitos de consideración: as cotas máximas son o monte de Santa Marta (de 473 m de altitude), o Monte Calvelo (389 m), As Penouquiñas (374 m) e o Seixo Branco (361 m). A homoxeneidade xeolóxica é un dos trazos máis salientables do municipio, que coincide, na súa totalidade, cun dominio dos complexos de rochas máficas, é dicir, rochas graníticas, xistos e rochas básicas. O máis salientable é a Depresión Meridiana que, en dirección N-S, arrinca dende aquí cara a Tui e Porto, testemuño da fracturación propia da oroxenia alpina. O territorio do concello está drenado pola conca do río Anllóns, colector das augas dos ríos Balsa, Bértoa, Liñeiro, Lubián, Queo e Río Grande, entre outros, que desemboca na ría de Laxe, no concello homónimo. No litoral carballés, comprendido entre a punta Saldoiro, ao L, e a de Chan de Razo, ao O, localízanse a praia de Pedra do Sal, a enseada do Ineo, e o complexo que inclúe a praia, a ría e a xunqueira de Baldaio, entre as parroquias de Razo e Rebordelos, que destaca polo seu interese natural e que constitúe un abeiro ornitolóxico de grande importancia. Foi declarada área de Interese Natural de Galicia e incluíuse na Rede Europea Natura 2000.
Xeografía humana
A poboación do concello de Carballo experimentou ao longo dos últimos 110 anos unha evolución que reflicte un crecemento notable. Segundo os datos do padrón de 2007 o continxente demográfico representa na actualidade o 165,11% respecto da cifra rexistrada no censo de poboación de 1887 (11.350). Este incremento amosa unha tendencia constante e ininterrompida, segundo se desprende das enquisas intercensuais, sen oscilacións salientables ao longo do século. A tendencia ao crecemento global no municipio obedece ao dinamismo do núcleo urbano capital, a vila de Carballo, que acadou no período 1887-1991 un incremento do 962%, mentres que no resto das parroquias o que se verifica é, agás no caso de Sísamo, unha expansión moderada ata mediados do s XX (máis ou menos dilatada segundo cada caso particular) e, a seguir, un descenso tamén moderado. Pódese observar como o concello de Carballo reproduce mimeticamente as pautas xerais que caracterizan a evolución demográfica de Galicia ao longo do s XX, definidas por unha antítese no comportamento dos medios urbano e rural, diferencias cada vez máis acentuadas segundo avanzan as décadas. O crecemento natural (2006) é negativo (4,7‰), froito dunha natalidade baixa (3,8‰) e unha alta mortalidade (8,5‰). Os menores de 20 anos representan o 17,3% do censo, fronte aos maiores de 65 que constitúen o 19,1%;o grupo intermedio representa o 60%. No que respecta á distribución por sexos, hai unha maioría de mulleres, que supoñen o 51,18% dos residentes no concello.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Carballo é do 52,3% (65,2% a masculina e 40,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,7% (58,9% a masculina e 35,5% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (9,6% a masculina e 12,5% a feminina). A consolidación da vila de Carballo como cabeceira comarcal fai que, malia a proximidade da metrópole coruñesa, se acentúe o perfil terciario do municipio, relegando a planos secundarios outros sectores, como o agrícola ou o forestal. Deste xeito, o sector dos servizos emprega o 41,8% da poboación ocupada, fronte ao 6,7% do primario, o 27,1% da industria e 24,5% da construción. De feito, as dotacións de servizos públicos de ámbito comarcal (xulgados, instituto de ensino secundario, centro de saúde) contribúen a desenvolver un tecido de actividades diversificado en atención a unha demanda que se concentra ao seu abeiro. Neste mesmo abano de actividades terciarias inscríbese tradicionalmente o turismo, cun carácter particular na historia de Carballo, vinculado ao descubrimento (1716), e inmediata posta en explotación dos mananciais de augas sulfurosas (os Baños Vellos), no lugar da Lagoa, parroquia de San Xoán de Carballo. A actividade industrial no municipio céntrase, sobre todo, no subsector da alimentación, no que o grupo Calvo é a principal empresa en facturación, que absorbeu outras sociedades carballesas dedicadas tradicionalmente ao envasado en conserva de túnidos e introduciu novas liñas de produtos con maior grao de elaboración, como os pratos precociñados. Tamén cómpre destacar o sector da construción polo volume de emprego que xera. De entre os produtos típicos do concello, o de maior sona é o pan de Carballo. A rede viaria comunica Carballo coa Coruña a través da estrada AC-552 e tamén coa Coruña pola autoestrada AG-55. O resto das comunicacións realízanse por medio de estradas locais: AC-414 con Malpica e AC-412 con Ordes, e as AC-413, AC-400 ou CP-1914.
Historia
Os primeiros vestixios de poboamento do actual concello de Carballo datan do Paleolítico: na marisma de Baldaio atopouse unha biface acheulense. Pénsase que no cume do monte Neme estivo situado un hipotético cromlech megalítico, A Eira das Meigas ou O Circo dos Xogos, desaparecido pola explotación mineira de estaño e volframio. Consérvanse os dolmens da Pedra Moura (Aldemunde) e do Muíño da Pintura, as mámoas de Queixeiro (Bértoa), Medoña (Rebordelos), Vieiro da Medoña (Lubiáns), Medoña de San Sadurniño (Aldemunde), Agra das Moas (Cances) e os Castriños de Ontón (Rus). Do período castrexo quedan o Castro de Aldemunde, o Coto do Castro de Antelo (Artes), o Castro de Queo (Bértoa), o de Cances e o de Vilachán (Entrecruces), o de Santa Helena (Lema), o de Torrevella (Noicela), o Castro Pequeno de Oza (Serantes), o de Rodo (Oza), o de Torre Pardiñas e o de Nión (Razo), o de Ribeira (Sísamo), o de Guntián (Sofán) e o de Vilela. A presenza romana, alentada polas minas de estaño, acredítase no s I co trazado da vía XX, per loca maritima, do Itinerario de Antonino e coa ponte sobre o Lubiáns en Montecelo (reconstruída na época medieval). En 1127 Afonso VII dooulle o couto de Aldemunde á condesa dona María. O incipiente burgo de Carballo pasou a depender do mosteiro bieito de Soandres en 1418 que foi absorbido, ao redor do 1500, polo mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. O descubrimento do manancial de augas sulfurosas en 1716 e a súa explotación marcou o principio do desenvolvemento de Carballo, pola afluencia que acadaron os seus baños. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o territorio do actual concello pertencían ás xurisdicións de Mens, Xallas, Ardaña, Bergantiños, Bértoa, Caión, Erboedo e Rus, ademais do couto redondo de Carballo. O señorío exercíano distintos señores civís e eclesiásticos: entre estes últimos, o arcebispo de Santiago era señor da xurisdición de Xallas e o mosteiro bieito compostelán de San Martiño Pinario era o titular da de Rus; aos condes de Altamira e de Graxal correspondíanlles, respectivamente, as parroquias de Cances (xurisdición de Mens) e de Ardaña; varios fidalgos eran señores das parroquias de Bértoa e Berdillo, mentres que o marqués de Alcañizas era señor das parroquias carballesas de Lema, Noicela e Rebordelos. A xurisdición de Bergantiños, que incluía as parroquias de Aldemunde, Artes, Goiáns, Oza, Razo, Sísamo, Sofán e Vilela, era señorío de reguengo. Pola súa parte, o couto redondo de Carballo era administrado polo marqués de San Xoán de Carballo. Estas parroquias pertencían á antiga provincia da Coruña, agás as parroquias de Entrecruces e Cances, que, ao seren propiedade de señores composteláns, pertencían á provincia de Santiago. Ao promulgarse a Constitución de 1812 a administración señorial substituíuse polo municipalismo e Galicia converteuse en provincia única. A súa primeira etapa de vixencia truncouse trala derrogación da Constitución por Fernando VII en novembro de 1814 e a rehabilitación do sistema señorial. Restaurada a Constitución en 1820, naceron os concellos de Sísamo, Rebordelos e Sofán (dentro do actual territorio carballés), que formaban parte do partido xudicial de Sísamo. A segunda derrogación da Constitución decretada por Fernando VII supuxo a fin destes concellos en 1823. En 1834 formouse o novo partido xudicial de Carballo, que substituíu o de Sísamo e aprobouse o proxecto de creación do concello de Carballo en 1836, integrado polas 18 parroquias actuais. Ao abeiro do esplendor dos baños, a mediados do XIX, xurdiu unha pequena burguesía urbana que impulsou a edificación e a pavimentación das rúas, ademais de protagonizar unha intensa vida cultural na vila. As pegadas da arquitectura modernista desapareceron pola voracidade urbanística do século XX. Ademais neste século consolidouse a posición de Carballo como cabeceira da comarca de Bergantiños.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan no eido da arquitectura relixiosa: a igrexa románica de Sísamo, con planta e ábsida rectangular, e a barroca de Rus, construída nos ss XVII e XVIII con planta de cruz latina e cúpula sobre pendentes no cruceiro. Como mostras da arquitectura civil destacan os pazos de Gontade, en Ardaña; os de Vilardefrancos, Ermeade, Aspallas e Vilar, en Artes; o de Cambrelle, en Razo; e o do Souto, en Sísamo. En 1920 o arquitecto Xulio Galán construíu o edificio da Casa do Concello, que funcionou como tal ata 1974. A nova Casa do Concello é obra de José Manuel Rey Pichel que tamén realizou o complexo parroquial de San Xoán Bautista. No edificio do antigo cárcere da xurisdición de Bergantiños, rehabilitado por Manuel Gallego Jorreto, sitúase o Museo de Bergantiños e a Biblioteca Municipal. No eido da arquitectura popular sobresaen os cruceiros de Rus e Entrecruces, os dous con ménsula, o de Sofán de 1660 e o de Ardaña de finais do s XVIII, amais dos petos de ánimas de Brea e Cruces da Vila. A vila de Carballo conta coas áreas naturais do Parque do Anllóns e do Parque do San Martiño. No río Grande están as fervenzas de Sampaio e Entrecruces. Na costa destaca o espazo natural de Baldaio-Razo formado por dunas, marismas e a lagoa de Baldaio. O espazo da Costa da Morte foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as romarías de Santo Adrián de Sofán e Santa Lucía en Artes, xunto coa festa de San Xoán e a festa do Pan.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Bergantiños |
| Extensión | 186 Km2 |
| Poboación Total | 30091 h |
| Poboación Homes | 14689 h |
| Poboación Mulleres | 15402 h |
| Densidade de poboación | 161.78 h/Km2 |