Caria

Caria

Antiga rexión do SO de Asia Menor, á beira do Mar Exeo. Limitaba ao N por Lidia e ao L por Licia e Frixia. Os montes máis importantes eran o Laturo ao O e o Fénix ao SL. O río Meandro servía de fronteira natural con Lidia e xunto cos seus afluentes, Marsias e Harsapo, formaba un val fértil con abundantes pastos nos que se centraba a produción. A rexión presenta costas moi recortadas con diversos accidentes xeográficos como o cabo Posidio, o golfo de Jaso, a península de Halicarnaso e o cabo Artemiso, e fronte a elas situábanse diversas illas, como Pátmos, Leros, Kálimnos e Rodas. Aínda que a orixe do pobo cario non está clara, sábese que utilizaban unha lingua propia, o cario, e que se relacionaban cos fenicios e exipcios. As súas cidades principais eran Mileto, Halicarnaso e Cnido. No s VI a C Caria estivo baixo o poder de Lidia e posteriormente de Persia, mentres que as comunidades independentes da costa formaron parte da confederación de Delos. No s IV a C, a satrapía de Caria, gobernada por unha dinastía autóctona, estableceu a capital en Halicarnaso. Despois da conquista de Alexandre o Grande, Caria pasou a depender de Exipto, Siria e Macedonia, e posteriormente de Rodas e Pérgamo. No s II a C formou parte da provincia romana de Asia e no 1336 foi conquistada polos turcos.

Palabras veciñas

cargo | cargoso -sa | cargueiro | Caria | Cariacica | cariado -da | cariante