Carlos I de Borgoña

Carlos I de Borgoña

o Temerario (Dijon 1433 - Nancy 1477) Duque de Borgoña (1467-1477), fillo e sucesor de Filipe o Bo e de Isabel de Portugal. Participou na Liga do Ben Público contra Luís XI de Francia e, a través do Tratado de Conflans (1465), conseguiu a vila de Somme e o protectorado borgoñón de Liexa e, polo Tratado de Péronne (1468), acadou a exención de Flandres da xurisdición do Parlamento de París. A rivalidade con Luís XI, sen embargo, proseguiu cunha serie de accións bélicas separadas por treguas. Non conseguiu do Emperador Federico III a concesión da dignidade real, malia que dominou un vasto territorio que foi incrementando durante a súa vida. Sexismundo, duque de Austria, declaróuselle vasalo e polo Tratado de Saint-Omer de 1469 entregoulle a Alta Alsacia, Sundgau e o condado de Pfirt. Renato de Lorena tivo que cederlle diversas prazas fortes en 1473. Tamén incorporou ao estado borgoñón o ducado de Gelderland e o de Zutphen (1473). Axudou o arcebispo Ruprecht de Colonia na loita co seu cabido, sostido polo emperador, pero tivo que retirarse do sitio de Neuss (1474-1475). A aventura alemá motivou a desarticulación da alianza entre Borgoña, Aragón e Inglaterra contra Luís XI, ao non poder prestar a axuda prometida a Eduardo IV de Inglaterra. En 1475 asinou unha tregua por nove anos con Luís XI e enfrontouse á Baixa Unión (1473), formada por Basilea, Colmar, Mülhausen, Estrasburgo, Schlettstadt e Baden, que induciu á Alta Alsacia á revolta, á que se adheriron Sexismundo de Austria (Unión de Constanza) e Renato II de Lorena, alianza formada polo rei francés para loitar contra o duque de Borgoña. Foi vencido polo suízos en Grandson e Murten en 1476, e morreu nunha batalla preto de Nancy. Despois da súa morte, os estados que lle foran submisos reaccionaron contra a súa política absolutista e centralizadora, que quedou sen efecto. Creou un exército permanente, que foi o mellor equipado do seu tempo.