Carmen
Novela de Prosper Mérimée publicada inicialmente na Revue des deux mondes, en 1845, e con formato de libro, en 1847, co engadido dun capítulo final de carácter erudito e ensaístico. Narra a degradación progresiva do protagonista, don José Navarro, nos seus intentos de acadar e manter o amor da xitana Carmen. Os trazos que definen a trama están bosquexados nunha obra anterior do mesmo Mérimée, as Lettres adressées d’Espagne (Cartas enviadas desde España, 1831). A novela articúlase a partir da narración dun arqueólogo que, na busca dun lugar histórico en Andalucía, decide protexer un bandido que se fugara. Meses despois volve atopar o bandoleiro na véspera da súa execución e asiste ao relato da súa vida. Don José Navarro fora degradado do seu cargo de brigadier no exército e castigado tras deixar escapar por amor a Carmen. A súa degradación continúa cando mata por celos a un lugartenente co que a sorprende, feito que o obriga a desertar e a comezar unha vida errante na que vai acumulando crimes e sufrimentos, tamén unha liberdade descoñecida. Carmen vaise distanciando del e namórase dun picador. Ante a inevitable perda da xitana, don José decide matala; malia todo, ela prefire o seu destino tráxico á privación da súa liberdade. Ao final engádese un breve estudo sobre a psicoloxía, os costumes, as crenzas, a historia e a lingua dos xitanos. Consta de catro capítulos cunha estrutura complexa na que se mesturan as voces narrativas. A percepción externa do narrador, que ve na xitana unha beleza estraña e salvaxe, complétase coa de don José, que revela unha personalidade demoníaca; no último capítulo danse as claves que lle permiten ao lector comprender os códigos culturais que moven a heroína no seu comportamento. Trátase dunha historia de amor e de morte na tradición de Tristán e Iseo, La Celestina ou Romeo e Xulieta, pero escrita segundo os canons do romanticismo, coa presenza dunha paixón que transforma a un suboficial en bandido e asasino. Xunto ao tema do home destruído por unha paixón que ilumina a súa vida durante un breve instante, está o da traxedia que xorde da tensión entre dúas maneiras opostas de entender o mundo: a orde social que simbolizan o exército e a Igrexa, representada por don José, e a liberdade da vida á marxe das imposicións da lei que encarna Carmen, concibida como un prototipo de muller xitana.