Carneiro

Carneiro
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nun alcume aplicado a individuos brutos e cabezóns. Documéntase desde moi cedo na Idade Media: “Alvitu Carneiro” (doc nº [942-977] en J. Mª Andrade Cernadas O tombo de Celanova, 1995, p 223). Adoita aparecer castelanizado coa forma Carnero.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Apelido procedente do lugar de Carneros, na provincia de León, rexistrado tamén como Carnero. Espallouse por Zamora e Galicia e tamén pasou a Portugal. As súas armas levan, en campo de goles, unha banda de prata, cargada de tres flores de lis de azul, e acompañada de dous cordeiros andantes de prata, un arriba e outro abaixo. Os de Galicia levan, en campo de prata, unha árbore de sinople, afroitada de ouro e un carneiro de sable atravesado ao pé do tronco.