Carnota

Carnota


Concello da comarca de Muros, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Dumbría (comarca de Fisterra) e Mazaricos (Xallas), ao S co de Muros (Muros) e o Océano Atlántico, ao L con Muros e Mazaricos(Xallas) e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 70,9 km 2 cunha poboación de 5.017 h (2007), distribuídos nas parroquias de Lariño, Lira, O Pindo, San Mamede de Carnota e Santa Columba de Carnota. A capital municipal, a vila de Carnota, situada na parroquia de Santa Columba, está a 42° 49’ 20’’ de latitude N e 9° 5’ 20’’ de lonxitude O, 130 km ao SO da Coruña e 88 km ao O de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Muros e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O termo municipal está situado baixo o dominio climático oceánico húmido e pertence ao subtipo galego do litoral atlántico do NO, caracterizado pola notable suavidade térmica e por precipitacións abondosas. O réxime térmico está influído directamente polo mar que a penas deixa sentir o inverno (a temperatura media mínima rexístrase en febreiro con 11°C) e refresca o verán (a temperatura media máxima é a do mes de agosto, con 21°C), feito que favorece unha mínima oscilación anual (10°C). A temperatura media anual sitúase en 14°C. As xeadas, nestas condicións térmicas, son inexistentes na chaira costeira. Os fluxos ciclónicos do O e do NO non atopan ningún obstáculo ata chegar á parte oriental do municipio, onde hai relevos de 500 m de altitude, nos que descargan abundantes precipitacións (2.000 mm de media anual nas serras e 1.650 mm nas terras baixas costeiras). As correntes perturbadas do SO teñen unha menor incidencia, xa que deixan boa parte da súa humidade no seu percorrido polas Rías Baixas e as plataformas occidentais galegas. O ritmo pluviométrico presenta un máximo de chuvias moi marcado durante o inverno (estación na que se recolle o 35% do total da precipitación anual) e unha seca estival acusada (nos meses do verán só se rexistra o 12%), que ocasiona problemas de aridez en xullo e agosto. O resto das precipitacións repártense nas estacións intermedias (primavera, 26%; outono, 27%) e adoptan un carácter de estacións de transición. Estas precipitacións distribúense nunhas 150 xornadas de chuvia ao ano. O relevo do concello presenta dúas áreas ben diferenciadas: o sector oriental é elevado, constituído por restos de antigas superficies de erosión de cumes aplanados, que acadan as súas máximas cotas no Montevós (478 m de altitude), A Forcada (471 m) e o Monte Pindo, intrusión granítica do período herciniano, que ten o seu cumio na Moa con 641 m de altitude. Esta elevación é un batolito de granito calcoalcalino de biotita que presenta un aspecto agreste, con variadas microformas erosivas, froito de diferencias mineralóxicas: penedos, moas, castelos, domos, taffonis, pías, etc. Estes relevos caen de xeito brusco cara á chaira litoral, que non é uniforme, pois ao N da punta de Caldebarcos desenvólvese unha costa rochosa e abrupta, só interrompida nos areais do Pindo e do Porto de Quilmás. Ao S ábrese a enseada de Carnota, con importantes formacións areosas e de marisma (Gándara de Caldebarcos), na que destaca a praia de Carnota, con 7 km de arco. A rede hidrográfica caracterízase pola baixada de numerosos regos das serras, ademais do río Xallas, de maior importancia, que serve de fronteira setentrional do municipio ata a súa desembocadura na fervenza de Ézaro (concello de Dumbría), no límite coa parroquia do Pindo. O espazo de marisma da praia de Carnota fórmano os ríos Valdediós e Louredo. Máis ao S desaugan no mar os regos de Muíños e Lariño. O municipio conta con numerosos espazos naturais de gran valor ecolóxico e paisaxístico: o Cadoiro do Xallas, o Monte Pindo, as marismas de Caldebarcos e a praia de Carnota (con importantes nidificacións e refuxio de aves migratorias limícolas), e a Punta dos Remedios.
Xeografía humana
A maioría da poboación carnotá aséntase na franxa litoral occidental, de xeito moi diseminado, mentres que a montañosa área oriental está practicamente deshabitada. A evolución demográfica nos últimos dous séculos amosa un claro período expansivo dende 1887 (ano do primeiro censo, no que se contabilizaron 5.288 h de dereito) ata 1950, cando se acadou o máximo de poboación (7.196 h); deste xeito a poboación medrou a un ritmo medio do 0,6% anual. Durante este período, a rendibilidade que se tirou da agricultura no pouco terreo dispoñible, gañado ao mar, e da gandería, permitiu manter un crecemento vexetativo elevado, que logrou contrarrestar as primeiras ondas emigratorias cara a América. O paulatino aumento da densidade demográfica era insostible, pois os limitados recursos económicos non chegaban para ofrecer unha calidade de vida digna, e durante os anos cincuenta a emigración foi masiva, cunha caída da poboación dun 0,8% cada ano, para logo estancarse nos anos sesenta. Entre 1970 e 1991 produciuse de novo un forte episodio emigratorio, encamiñado ás principais cidades galegas (A Coruña e Santiago de Compostela fundamentalmente) e españolas, acompañada dunha diminución notable da natalidade, de xeito que Carnota perdeu anualmente durante este período o 0,5% da súa poboación. Esta tendencia negativa parecía rematar no seguinte quinquenio (1991-1996), cunha subida do 2,7%, e reiniciouse de novo no período 1996-1998, pechado cun descenso do 3,42%. O motivo desta diminución está no crecemento vexetativo negativo e no rexurdimento da emigración atlántica, con destino preferente ás Canarias. Nos inicios do s XXI a poboación descendeu nun 8,44% entre 2001 e 2007. O grao de avellentamento, froito da intensa emigración, é notable, cun 11,2% da poboación menor de 20 anos e cun 29,5% de maiores de 6%; o grupo intermedio representa o 59,2%. Esta situación de avellentamento incide directamente na baixa natalidade (3,5‰) e no incremento da mortalidade (13,5‰), que se traduce nun saldo vexetativo negativo, -10‰ (2006). Como consecuencia da sobreemigración masculina e da maior esperanza de vida feminina, as mulleres dominan na estrutura por sexos da poboación, e constitúen o 52,14% fronte ao 47,85%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Carnota é do 43,1% (53,9% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,4% (47,4% a masculina e 28,4% a feminina) e a taxa de paro é do 13,1% (12,1% a masculina e 14,4% a feminina). As deficiencias na accesibilidade de Carnota aos centros neurálxicos galegos foi historicamente un dos maiores atrancos para o desenvolvemento da súa economía que, non obstante, intenta lograr un aproveitamento axeitado dos recursos locais. O sector primario mantén unha grande importancia, co 24,2% dos empregos. A agricultura acolle ao 3,2% dos ocupados e oriéntase fundamentalmente ao autoconsumo familiar e vese moi pouco complementada pola gandería. A silvicultura está a coller un gran pulo mediante a repoboación das terras altas (preto do 70% do espazo) con especies de crecemento rápido como os piñeiros e eucaliptos. Ao redor do mar xira a actividade económica principal: por unha banda, a pesca acolle o 14,9% da poboación ocupada, asentada sobre todo no N (Porto Quilmás no Pindo) e S (Porto Cubelo en Lira), así como no veciño porto de Muros; e por outra banda, é a base da industria local, articulada arredor de varias conserveiras, pero sobre todo na acuicultura, que conta con dúas granxas de engorde de rodaballo e outras especies como a robaliza e o ollomol (Stolt Sea Farm S A é a máis importante do mundo en terra, cunha produción que sobrepasa as 1.500 t anuais) amais de varias cetáreas de marisco. Outras industrias destacadas son as de primeira transformación da madeira, con algúns serradoiros que aproveitan os recursos forestais locais, e unha fábrica de plásticos en Lariño con 30 empregados. En conxunto, o sector industrial xera o 23,2% do emprego. A construción, favorecida polo emerxente sector turístico, baséase sobre todo na edificación de segundas residencias, que ocupa o 17,3% dos traballadores que habitan no concello. O sector terciario é o que acolle máis emprego, co 413% da poboación ocupada, e está favorecido polo afastamento de grandes centros urbanos, por ter unha elevada poboación flotante de turistas na temporada estival e uns continxentes significativos de traballadores empregados na mariña mercante. A taxa de actividade é baixa, 41,4%, debido ao avellentamento e á escasa participación da muller no mercado laboral. A principal vía de comunicación é a estrada AC-550 Fisterra-Tui que percorre de N a S todo o municipio ao longo da costa entre Ézaro e Lariño, e a AC-400.
Historia
A antigüidade do poboamento de Carnota constátase na presenza de pegadas da cultura megalítica (3500-2000 a C), como a mámoa conservada en Pedra Marrada. No mesmo lugar apareceron tamén unhas cistas funerarias correspondentes á Idade do Bronce (1500-600 a C). Non se coñecen poboados da época castrexa, pero sábese que o Monte Pindo constituíu un enclave sagrado durante a época prerromana. Na Idade Media este territorio pertenceu á xurisdición do condado de Cornatum, propiedade dos Trastámara. No s XIV a casa de Lemos fíxose coa súa posesión grazas a unha cesión de Afonso XI. Máis tarde volveu a mans dos Trastámara, que o perderon dun modo definitivo a prol do condado de Lemos a mediados do s XV. A Revolta Irmandiña destruíu os castelos situados no Pindo e Lira, que non se volverían levantar por orde de Isabel a Católica. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Carnota pertencían ás xurisdicións de Corcubión (Santa Columba de Carnota e Lariño), Muros (San Mamede de Carnota) e A Serra (Lira), encadradas dentro da provincia de Santiago baixo o señorío do conde de Altamira, do arcebispo de Santiago e do marqués da Serra, respectivamente. A comezos do s XIX, durante a Guerra da Independencia, as súas poboacións sufriron o saqueo dos invasores franceses. Coa instauración dos axuntamentos constitucionais en 1813 establecéronse dous, o de Santa Columba de Carnota e o de San Mamede de Carnota, adscritos á provincia de Galicia. En 1814, derrogada polo Rei Fernando VII a Constitución de 1812, volveuse á administración señorial. En 1820 restableceuse a Constitución e tamén dous concellos, que en 1822 se integraron na nova provincia da Coruña: o seu período de vixencia prolongouse ata a segunda supresión da Constitución en 1823, e substituíronse de novo polas antigas xurisdicións. A restauración definitiva do municipalismo data de 1835; daquela, ambos os dous concellos uníronse dando orixe ao actual, que non experimentou dende entón variación ningunha nos seus límites, aínda que si o nacemento dunha nova parroquia, a do Pindo, segregada en 1970 de San Mamede de Carnota.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello sobresaen a igrexa barroca de Santa Columba de Carnota e a neoclásica de San Mamede de Carnota, que acolle no interior un retablo do s XVIII, obra de Xosé Ferreiro. En Lira e Carnota sitúanse os dous hórreos meirandes de Galicia, ambos os dous cunha lonxitude de 35 m, construídos en 1768. No Monte Pindo existe unha inscrición preto do cumio, datada no s X, que parece indicar a existencia no lugar dun castelo, hoxe desaparecido. Do seu patrimonio natural destaca os espazos de Carnota-Monte Pindo e do Monte e a Lagoa de Louro, declarados Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Santa Columba, a de San Mamede e a de San Clemente no Pindo, así como a romaría da Nosa Señora dos Remedios en Lira.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Muros
Extensión 70 Km2
Poboación Total 5017 h
Poboación Homes 2401 h
Poboación Mulleres 2616 h
Densidade de poboación 71.67 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias