carolinxio -xia
(< antropónimo Carlomagno)
-
adx
Relativo ou pertencente a Carlomagno e á súa dinastía.
-
adx
Relativo ou pertencente á época dos soberanos carolinxios.
-
s
Membro da dinastía carolinxia.
-
s
m pl
Familia franca que dominou a Galia, a Xermania occidental e a Italia do norte entre mediados do s VIII e finais do s IX. Os carolinxios, descendentes da familia austrasiana dos Pipínidas, orixinarios de Liexa, consolidáronse no cargo de mordomo de palacio dos reis merovinxios e acumularon máis poder ao frear a expansión musulmá e erixirse en renovadores do Imperio de Occidente, apoiados pola institución eclesiástica. O fillo ilexítimo de Pipino de Héristal, Carlos Martel (714-741), detivo os musulmáns en Poitiers no 732 e, desde o 737, gobernou sen a autoridade superior do soberano merovinxio. Con Pipino o Breve (751-768) produciuse o destronamento do último rei merovinxio (751) e Pipino, recoñecido pola nobreza e consagrado polo arcebispo Bonifacio (legado do Papa Zacarías), foi elixido rei de todos os francos. Trala morte do seu fillo Carlomán, a herdanza foi recollida integramente por Carlos que, convertido en Carlomagno (768-814), foi coroado emperador no Nadal do 800 polo Papa León III. No Tratado de Verdún (843) estableceuse a división do Imperio Carolinxio en mans dos herdeiros de Carlomagno: Lotario I recibiu o reino central, Luís o Xermánico o reino oriental e Carlos II o Calvo o occidental. Iniciouse así un proceso de división e desmembración que levou á progresiva disolución do Imperio, polo que o poder pasou a mans das dinastías locais. En Xermania, os carolinxios foron substituídos polos príncipes de Saxonia e en Francia polos Capetos.
-
arte carolinxia
[ARTE]
Arte da corte imperial que floreceu principalmente entre os reinados de Carlomagno (morto no 814) e Carlos o Calvo (823-877). Caracterízase polo retorno ás formas clásicas, pola persistencia de temas merovinxios, pola adaptación de temas irlandeses e pola asimilación de ideas orixinarias de Bizancio e de Oriente chegadas polo norte de Italia. A arquitectura carolinxia introduciu as igrexas con pórtico e torres frontais como a de Corvey (885), as criptas situadas case ao mesmo nivel que a nave como a de Saint-Germain de Auxerre, os deambulatorios e os piares cruciformes que sosteñen a bóveda. Destacan a capela redonda de Aquisgrán e as basílicas de Saint-Denis (775), Fulda (819) e Centula (799). Non se conservan mostras da escultura monumental. Os capiteis empregados son corintios ou compostos, e os motivos decorativos forman entrelazados de orixe oriental ou irlandesa. O único ciclo completo de pinturas murais conservadas, con escenas do Antigo Testamento e do Novo Testamento, está en Müstair (Grisons), e na cripta de Saint-Germain de Auxerre hai escenas da vida de santo Estevo. Destacan os mosaicos de Aquisgrán, de Germigny-des-Prés (Orleans), feitos por Teodolfo, bispo de Orleans, de Saint-Quintin (Picardía) e de San Marcial de Limoges. Consérvanse moitos máis exemplos da miniatura; entre elas destaca o evanxeliario de Goldescala (780), primeiro ensaio dun estilo bizantino que non tivo continuidade. Despois dos chamados evanxeliarios de Ada, un segundo grupo no contorno de Exinardo, produciu os de Saint-Médard de Soissons (827), de carácter clasicista. A escola de Ebon realizou en Reims o salterio de Utrecht (830), de tendencia helenística, ata que o arcebispo Hincmar levou a escola a Tours para facer a primeira Biblia de Carlos o Calvo (833) e recuperar a sobriedade antiga. Durante a segunda metade do s IX, coa escola de Drogon e Metz, as imaxes que ocupan a páxina enteira orixinaron as iniciais historiadas. Entre as escolas rexionais sobresae a de Sankt Gallen. En canto á ourivería, destaca o altar de ouro de santo Ambrosio de Milán (850).
-
ciclo carolinxio
[LIT]
ciclo carolinxio.
-
escritura carolinxia
[ESCR]
Tipo de escritura minúscula que caracterizou a reforma cultural do Imperio Carolinxio. A súa xénese foi o resultado dun longo proceso de estilización das escrituras que estaban en uso, proceso realizado polos copistas dos mosteiros situados entre o Rin e o Loire durante os ss VIII e IX. Co impulso da chancelería carolinxia, a nova letra espallouse durante o s IX por todo o Occidente. A época clásica da escritura carolinxia estendeuse desde a segunda metade do s IX ata a primeira metade do s X, período no que se empregou indistintamente para redactar libros e documentos. Posteriormente, sufriu o efecto de dous fenómenos paralelos: a transición cara ao gótico e a cursivización. A escritura xenuína recuperárona os humanistas, que lle deron o estilo que, con lixeiras variacións, chegou ata a actualidade.