Cárpatos
[rom: Carpat; eslovaco, polaco e ucraíno: Karpaty] Serra de dobramento alpino situada ao SL de Europa central que describe un arco duns 1.300 km de lonxitude desde Bratislava (Eslovaquia) ata Orsova (Romanía). Aínda que contemporánea dos Pireneos, foi menos modelada polas glaciacións cuaternarias. Formada por grandes vertentes e concas interiores, o seu relevo está recuberto na maior parte por un frondoso bosque, excepto pequenas zonas de pastos de altura. A orixinalidade da súa vexetación débese á flora, rica en especies orientais, ao feito de que a acción humana foi relativamente feble sobre os bosques e ás diferencias de piso basal nas diferentes partes do arco carpático. Esta serra forma o enlace entre os Alpes e os Balcáns e está constituída polas seguintes unidades: os Cárpatos Negros e Brancos; os Beskides occidentais, entre Polonia e Moravia; o Arva Magura; o Alto e Baixo Tatra (2.043 m), ao S da Eslovaquia central; os Beskides do L, na zona onde conflúen as fronteiras de Polonia, Ucraína e Eslovaquia; as montañas de Rodna e os Cárpatos meridionais ou Alpes de Transilvania (2.544 m), onde enlazan cos Balcáns. Os Cárpatos son un centro de dispersión de augas que alimentan os nacementos dalgúns dos principais ríos de Europa central (Vístula, Oder, Tisza, Dniéster, Prut). No seu interior está a conca transilvánica, formada por mesetas e outeiros. O arco está atravesado por numerosos pasos entre os que destaca o da Torre Vermella, entre Transilvania e Valaquia. Constitúen unha das maiores zonas mineiras de Europa.