carracha

carracha

(< raíz preindoeuropea carr-)

  1. s f [ANIMAL]

    Arácnido da orde dos ácaros, de corpo aplanado e sen segmentación visible. Os adultos presentan catro pares de patas (nalgunhas especies só dous pares) e tres as larvas, e o cefalotórax ou o prosoma fusionado co abdome. Aínda que miden normalmente uns poucos milímetros, acadan os 3 cm logo de alimentarse debido á dilatación que sofre o seu corpo. Existen unhas 700 especies de carrachas que constitúen parasitos externos de anfibios, aves, mamíferos e réptiles, dos que obteñen sangue grazas aos quelíceros, propios dos arácnidos, que aparecen como pequenas coitelas coas que corta a epiderme, á vez que segregan substancias anticoagulantes. Respiran por traqueas con dous estigmas e presentan debaixo da boca unha estrutura alongada, ou hipóstoma, provista de pequenos garfos que suxeitan o animal ao hospedeiro. Portan no extremo das patas unhas pequenas ventosas. Algunhas especies, principalmente as que afectan ao gando doméstico, poden picar ao home e ser transmisoras de protozoos, ricketsias, virus, bacterias e fungos. Constitúen, despois dos mosquitos, os principais transmisores de enfermidades do mundo. Os axentes infecciosos transmíteos a nai aos 3.000 ovos que conforman a súa descendencia. As larvas hexápodas quedan suxeitas entre a vexetación ata que pasa un animal ao que se amarran e parasitan durante uns días, para logo deixarse caer e mudar no chan; este proceso repítese no seguinte estado ninfal. Os xéneros máis coñecidos son Dermacentor e Ixodes, e especialmente común é a especie I. ricinus que afecta ao gando é ao home.

    Sinónimos: carracho, carrapata, carrapato, carraza.
  2. s f

    Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros que corresponde ás voces ‘faba’, ‘xudía’ e ‘feixón’.