Carral
Concello da comarca metropolitana da Coruña, situado na provincia homónima no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Culleredo e Cambre (A Coruña), ao S co de Ordes e co enclave parroquial de Bruma, pertencente ao concello de Mesía (ambos os dous na comarca de Ordes), ao L co concello de Abegondo (A Coruña) e ao O cos de Cerceda (Ordes) e Culleredo. Abrangue unha superficie de 48 km 2 nos que acolle unha poboación de 5.647 h (2007), distribuídos nas parroquias de Beira, Cañás, Paleo, Quembre, Sergude, Sumio, Tabeaio e Vigo. A capital municipal é a vila de Carral, situada na parroquia de Paleo, a 43° 13’ 12’’ de latitude N e 8° 21’ 15’’ de lonxitude O, 18 km ao S da Coruña e 47 km ao N de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Carral está baixo o dominio climático oceánico húmido e pertence, dentro dos subtipos galegos, ao do litoral atlántico do NO, aínda que o seu rebordo montañoso occidental e máis a área en forma de meseta meridional (elevada entre os 300 m e os 400 m de altitude) presentan caracteres típicos do subtipo das plataformas occidentais. O réxime térmico presenta unha notable suavidade invernal no val de Barcia, con 9,6°C de temperatura media en xaneiro, o mes máis frío, e un incremento das temperaturas máximas estivais respecto á costa (a media do mes de agosto chega aos 20,6°C). A temperatura media anual sitúase en 15°C e a oscilación en 11°C. As xeadas son moi infrecuentes neste ambiente térmico temperado, aínda que nos sectores occidental e meridional, máis altos, non son excepcionais no inverno. As precipitacións son pouco abondosas (unha media anual de 1.156 mm), pois á situación de abrigo aerolóxico respecto dos fluxos do SO da área costeira das Mariñas hai que engadir a protección local dos montes do Xalo, na área occidental do concello, que actúan como pantalla pluviométrica. O réxime de distribución das precipitacións presenta un claro máximo invernal, estación na que se recollen o 36% das chuvias, aínda que nas estacións intermedias tamén chove abondo: na primavera rexístrase o 26% do total anual e no outono o 28%. A época estival, en cambio, presenta unha acusada seca (só se recolle o 10% da precipitación anual) que se traduce en déficit hídrico nos solos durante os meses de xullo e agosto. A chuvia repártese en 140 xornadas anuais de precipitación. A estrutura xeomorfolóxica do municipio inscríbese dentro do Complexo de Ordes, composto por pregamentos deitados ao L, arrasados durante o Terciario, cunha litoloxía dominante de xistos que presentan un baixo grao de metamorfismo. O relevo componse dunha sucesión de bloques erguidos e outros afundidos pola tectónica, de xeito que o sector occidental é un horst granítico (os montes do Xalo de 450 m de altitude) e toda a área central unha depresión (vales de Barcia e Carral) drenada polo río Barcés e os seus afluentes, tributarios do Mero. Ao S do concello hai un chanzo topográfico que eleva o terreo a unha altitude media de entre 300 m e 400 m, denominado Superficie de erosión fundamental de Galicia. No extremo NL sitúase o encoro de Cecebre, espazo de excepcional riqueza ecolóxica que acolle numerosas aves migratorias durante o inverno e a época de cría.
Xeografía humana
A dispersión da poboación ao longo de todo o municipio é notable, aínda que tende a concentrarse nos núcleos de Carral e Tabeaio. A evolución demográfica que experimenta dende o primeiro censo de poboación de 1887 (data na que se rexistraban no concello 4.668 h) foi similar á do conxunto de Galicia: tivo unha etapa de expansión que se prolongou ata 1950 e a partir de entón comezou a descender. Así entre 1887 e 1950, o concello coñeceu un incremento medio anual da súa poboación da orde dun 0,48%, aínda que entre 1900 e 1920 tivo un certo estancamento malia o saldo vexetativo positivamente alto (só medrou un 0,08% anual), debido á forte incidencia do primeiro movemento emigratorio cara a América e ao andazo de gripe de 1918. Dende 1950 ata 1970 existiu unha forte perda de efectivos (0,93% de media cada ano) ante a forza da emigración exterior. Esa perda detívose durante os anos setenta, momento no que se deixaron notar xa as repercusións da accesibilidade do municipio dentro do eixe de crecemento A Coruña-Vigo e a súa pertenza á área de influencia directa da cidade herculina. Entre 1970 e 1981 gañou poboación a un ritmo medio do 1% anual. A partir desa data e ata 1996, volveu decrecer o continxente demográfico; pois o saldo vexetativo foi negativo. Malia que o decrecemento foi do 0,36% cada ano entre 1991 e 1996 só perdeu o 0,08% anual da súa poboación, feito que mostra un estancamento desta tendencia negativa. Dende entón o crecemento foi unha constante: 1% entre 1996 e 2001 e 7,84% entre 2001 e 2007. Esta evolución tradúcese nun avellentamento bastante significativo da súa estrutura por idades, na que os maiores de 65 anos supoñen o 22,4% da poboación, fronte ao 15,1% con menos de 20 anos; o grupo intermedio representa o 62,5. O saldo vexetativo é negativo, -2,2‰ (2006), froito dunha mortalidade (10,4‰) que supera á natalidade (8,2‰). A proporción entre sexos é favorable ás mulleres, que supoñen o 51,28% da poboación fronte ao 48,71%.
Xeografía económica
A localización de Carral na área de influencia da urbe coruñesa e a súa situación no eixe A Coruña-Vigo, a área de maior desenvolvemento en Galicia, condicionan a economía municipal. A taxa de actividade (2001) do concello de Carral é do 49,1% (63% a masculina e 35,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,7% (58,4% a masculina e 31,7% a feminina) e a taxa de paro é do 8,9% (7,2% a masculina e 11,7% a feminina). As actividades agropecuarias están orientadas a abastecer o mercado herculino e vense favorecidas pola fertilidade dos vales de Barcia e Carral, cunhas características edáficas e climáticas moi aptas para os cultivos. O sector emprega o 7,4% da poboación activa na agricultura e gandaría. Os cultivos en invernadoiro e as froiteiras (hortalizas, fresas, kiwis) están moi estendidos e ofrecen boa rendibilidade. A gandería tamén ten importancia, tanto a bovina (1.390 cabezas en 1999), como a porcina (1.350 cabezas), ademais da cría de animais destinados á peletería (visón e raposo). Moitas das persoas que teñen a súa ocupación principal noutros sectores practican a agricultura a tempo parcial, fundamentalmente en explotacións dedicadas ao autoconsumo, importante complemento das economías domésticas. As actividades pesqueiras ocupan ao 0,2%. A maioría dos traballadores da industria (23,6%) e da construción (17,1%) desprázanse diariamente a outros concellos da área metropolitana coruñesa ou mesmo á Coruña. Non obstante , tamén existe unha industria local composta por unha rede de pequenas empresas nas que destacan os subsectores dos materiais de construción, a primeira transformación da madeira e as panaderías (máis de vinte no concello, todas elas artesanais e de carácter familiar). A construción, pola súa banda, desenvólvese con éxito no concello ante a demanda de edificios da vila e favoreceu o desenvolvemento do comercio e das restantes actividades terciarias, que en conxunto dan emprego ao 51,8% dos traballadores residentes no concello. Os transportes, a administración pública e os servizos sociais son outros subsectores que cómpre resaltar. De todos os xeitos, para os servizos máis especializados os residentes no concello acoden á capital comarcal, A Coruña. A principal vía de comunicación, que percorre o municipio de N a S, é a estrada nacional N-550 que a une coa Coruña e con Santiago de Compostela. Polo extremo SL tamén cruza a estrada AC-542, de Betanzos a Mesón do Vento.
Historia
A etapa máis antiga de poboamento humano da que se ten noticia en Carral correspóndese coa cultura castrexa (s VI a C-II d C), da que sobresaen dous poboados, O Castro, en Tabeaio, e Castro de Ameás, en Cañas. No ano 1227 Fernando III outorgou privilexios á vila pola participación dos habitantes de Carral na toma de Baeza. No s XIX viviu o seu episodio histórico máis coñecido: os fusilamentos de Carral (1846). Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Carral pertencían ás xurisdicións de Betanzos (parroquias de Cañas, Tabeaio e Vigo) e Miraflores (parroquia de Sergude), ambas representadas pola provincia de Betanzos, e tamén á do Val de Barcia (Beira, Quembre, Paleo e Sumio), adscrita á provincia de Santiago; o señorío da xurisdición de Miraflores correspondíalle ao conde de Lemos e o do Val da Barcia ao conde de Altamira, mentres que a xurisdición de Betanzos era de reguengo. Co establecemento do sistema municipal emanado da Constitución de 1812, suprimiuse a administración señorial durante os períodos de 1813-1814 e de 1820-1823. Daquela, as parroquias do actual concello de Carral foron adscritas a tres partidos distintos, o de Betanzos (Vigo e Cañas), o da Coruña (Tabeiro e Sergude) e o de Poulo (Beira, Paleo, Quembre e Sumio). O concello xurdiu coa división municipal de 1836, cando se constituíu o axuntamento de Paleo, con capital na vila de Carral, que posteriormente lle daría nome ao concello: “axuntamento de Carral, parroquia de Paleo”.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os pazos construídos entre os ss XVI e XVIII. O pazo da Ribeira (Quembre), fundado en 1562 por Vasco da Fraga e Raposo, ten planta rectangular; nesta parroquia atópase tamén o pazo de Esperante do s XVIII; en Sumio consérvase o pazo de Viladesuso, construído a principios do s XVIII por Francisco Santiso Vilardefrancos; e o pazo de Herves, do s XVI, hospedou a Mariana de Neoburgo a fins do s XVII, cando tras desembarcar en Ferrol se dirixía á Corte para casar con Carlos II. Outras construcións pacegas son as casas nobres de Valbén (Vigo), Vista Real (Cañas) e Gundizal (Beira). A Torre de Pardo Bazán foi declarada BIC en 1994. Entre as pontes conservadas destacan as de Tablas e As Cabras. Nas Barcielas construíuse en 1905 un acueducto, o segundo dos realizados en España. Na capital do concello erixiuse en 1904 o monumento aos mártires de Carral, obra de Juan Álvarez Mendoza. Do patrimonio natural destaca o espazo natural do encoro de Abegondo-Cecebre, declarado Lugar de Interese Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan en Carral as da Virxe do Socorro o 8 de setembro, en Tabeiao as de Santa Isabel o 6 e 7 de xullo, e en Paleo as de Santo Estevo o 26 de decembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 48 Km2 |
| Poboación Total | 5647 h |
| Poboación Homes | 2751 h |
| Poboación Mulleres | 2896 h |
| Densidade de poboación | 117.65 h/Km2 |