Carreira
-
[ONOM]
Apelido procedente dun topónimo que fai referencia á existencia no lugar dun camiño polo que circulaba o carro. Documéntase no s XIV: “Pero Martinez da Careyra” (doc ano 1310 en E. Portela Silva “La región del obispado de Tuy en los siglos XII-XV”, en Compostellanum 20, 1975, p 385). A mesma orixe ten o apelido Carreiro. Ambos os dous aparecen frecuentemente castelanizados (Carrera e Carrero). No caso de Carreiro non se pode descartar a posibilidade de que a súa orixe estea nun alcume profesional que se lle aplicaba a individuos que tiñan por oficio facer ou reparar carros.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que trae como armas, en campo de sinople, dúas cadeas de ouro, postas en banda. Outra variante leva, en campo de azul, unha barra de ouro, cargada dun león rampante de goles, mirando cara ao flanco sinistro.