carrocería

carrocería

(< carroza)

s f [TECNOL]

Parte do automóbil que serve para aloxar os pasaxeiros, protexer os mecanismos e transportar as equipaxes. Comprende a carrocería propiamente dita, coas portas e os vidros, o capó do motor, o portaequipaxe e os gardalamas. A carrocería normalmente está feita de pranchas de aceiro soldadas, pero tamén se emprega o aluminio e os plásticos. Vai montada sobre o chasis e, se esta montaxe é ríxida, aumenta notablemente a resistencia á deformación. Nese caso coñécese como monocarrocería ou carrocería monobloque. Nalgúns casos, a carrocería soa, sen chasis, é a que forma o soporte total do vehículo: carrocería autoportadora. A preocupación por eliminar os accidentes ou minimizar o risco, principalmente en choques frontais e laterais, xerou unha serie de medidas de seguridade convertidas en normas internacionais, como as MVSS dos EE UU e a VDA de Alemaña. A carrocería inclúe a estrutura fixa e os elementos móbiles. A primeira é unha estrutura de gran rixidez, que ten que soportar sen deformarse os esforzos exercidos pola carga dos vehículos, polos esforzos dinámicos e do pavimento. Só poderá deformarse de maneira controlada polas cargas de choque previstas. Os elementos móbiles son os que participan como factores de seguridade pasiva. As carrocerías tenden a ser aerodinámicas, cun baixo coeficiente de rozamento do aire, pois pola carrocería pérdese máis do 30% da potencia do motor, co conseguinte aumento do consumo. O axuste das diferentes partes da carrocería faise unindo as pranchas, mediante sistemas de unión por puntos de soldadura eléctrica, entre 3.000 e 5.000 puntos por vehículo. Unha vez que a carrocería está axustada e os elementos móbiles montados, pero aínda sen fixar de todo, sométese a unha serie de tratamentos sucesivos que conseguen protexela das inclemencias atmosféricas.