Cartago
Antiga cidade situada na costa do norte de África, a 17 km de Tunes. Foi orixinariamente unha colonia fenicia, fundada, segundo a tradición, no ano 814 a C pola lendaria Raíña Dido, irmá do rei de Tiro. Edificada nunha península do golfo de Tunes, dispuña de dous grandes portos comunicados por un canal e protexidos pola fortaleza de Byrsa. Orixinariamente o estado cartaxinés foi monárquico, pero converteuse en dominio dunha oligarquía constituída pola nobreza e os grandes comerciantes e industriais, que se reunían nunha asemblea análoga ao Senado romano. No s VI Cartago someteu as tribos libias que habitaban no N de África, anexionou as vellas colonias fenicias e dominou as costas africanas desde o Atlántico ata Exipto, xunto coas Illes Balears, Sardeña, Malta e parte de Sicilia. O seu poder marítimo permitiulles formar un imperio no mar dedicado ao comercio da madeira do Atlas, a prata, o marfil, o ouro e o chumbo, xunto coa fabricación de cerámica, alfaias e cristalerías. A relixión que practicaban tiña un gran número de deuses, entre os que destacan Baal-hammon, Melkart e Tanit. Melkart asimilouse posteriormente con Heracles e a deusa Tanit, unha divindade tutelar, identificouse coa deusa romana Xuno. No culto das divindades púnicas levábanse a cabo, con motivo da vendima ou da recolleita, sacrificios humanos, case sempre de nenos, destinados á parella dos deuses Baal-hammon e Tanit. A derrota dunha expedición púnica en Himera pola coalición das cidades gregas de Siracusa e Agrigento, no 480 a C, coincidiu cun cambio na dirección política de Cartago orientada, na segunda metade do s V, á creación de grandes explotacións agrícolas no interior do Magreb, onde se mesturaron coa poboación libia. Cartago mantivo unha longa guerra coas cidades gregas de Sicilia durante o s IV, na que saqueou as colonias gregas de Selinonte, Himera e Agrigento, e, pola súa parte, os gregos atacaron as cidades de Motyé e a propia Cartago. Os cartaxineses foron derrotados no 276 a C por unha coalición grega, pero o seu dominio na illa de Sicilia quedou asegurado despois da marcha de Pirro. A situación complicouse cando Hierón II de Siracusa, un dos oficiais de Pirro, atacou Messana e os mamertinos, mercenarios campanos, pediron axuda a Cartago e Roma. Ante o desembarco das tropas romanas, Siracusa e Cartago aliáronse, o que deu orixe á Primeira Guerra Púnica. Despois da Terceira Guerra Púnica, Roma decidiu, no 148 a C, converter o territorio nunha nova provincia. A caída do estado cartaxinés debeuse á debilidade derivada da súa escasa poboación e dos territorios pouco extensos que constituíron a súa base, compensada coa potencia económica que se baseaba no comercio marítimo, sobre todo cos pobos indíxenas do litoral mediterráneo occidental. Os romanos reedificárona como colonia romana no ano 29 a C, en tempos do Emperador Augusto, seguindo as indicacións de Xulio César, co nome de Colonia Iulia Concordia Carthago. A cidade romana medrou rapidamente, poboada por romanos e por elementos de diversos puntos do Mediterráneo. Chegou a ser a cidade máis importante do mundo romano despois de Roma e Alexandría, e o primeiro porto das provincias africanas occidentais. Foi un destacado centro intelectual no que viviron Tertuliano e Agostiño de Hipona e no que se celebraron, a partir do s II, diversos concilios e sínodos, coma o do ano 248, presidido polo bispo Cibrán. Conquistada polos vándalos no 439, o xeneral bizantino Belisario reconquistouna no 533, ano no que pasou a formar parte do Imperio Bizantino. As epidemias e as persecucións relixiosas reduciron a poboación e, trala invasión musulmá do 698, acabou sendo abandonada e substituída como núcleo urbano en favor de Tunes. Da época cartaxinesa non se coñecen vestixios da cidade, que foi arrasada polos romanos no 146 a C; quedan, sen embargo, a estrutura do porto, un santuario chamado Salambó, dedicado a Tanit e a Baal-hammon, e un gran conxunto de necrópoles.