cartaxinés -sa
(< lat carthaginensi)
-
adx
Relativo ou pertencente a Cartago ou aos cartaxineses.
-
s
[HIST]
Individuo dun pobo fenicio que habitou a cidade de Cartago.
-
s
m
[HIST]
Pobo de raíz fenicia, tamén denominado púnico, que tivo como centro a cidade de Cartago, no actual territorio de Tunes. Orixinariamente era unha factoría comercial que os fenicios estableceron no Mediterráneo central e occidental e, excepcionalmente, chegou a ser unha colonia de poboamento. Durante os ss VII e VI a C espallaron a súa influencia sobre outras colonias fenicias, na costa do N de África, ao O de Cartago, e no estreito de Xibraltar. Desde o s VI a C toparon coa competencia grega e mantiveron unha serie de guerras cos gregos de Sicilia, que acabaron sen unha conquista total malia estableceren factorías no oeste da illa. A política expansiva cara ao Occidente dirixiuna a familia dos bárquidas: Amílcar Barca, Asdrúbal e, sobre todo, Aníbal, pero viuse atrancada pola nova potencia que se creara no Occidente, Roma. As loitas entre cartaxineses e romanos orixinaron as tres Guerras Púnicas. A primeira (262-241 a C), acabou coa consolidación do dominio romano en Sicilia; a segunda (219-202 a C) supuxo un fracaso para os cartaxineses, a pesar da grande aventura de Aníbal. A terceira liquidou o estado cartaxinés e supuxo a destrución total da cidade de Cartago no 146 a C. Os cartaxineses conservaron sempre as tradicións do seu país de orixe, Fenicia, xunto coa lingua e a escritura. Non se coñece moito da arquitectura cartaxinesa, que recibiu influencias helénicas xa desde o final do s IV a C, pero si que se encontraron esculturas de terra cocida, con finalidade relixiosa, nas tumbas e nos santuarios. Entre as actividades artesás, orientadas ao intercambio cos mercados exteriores, foron moi importantes o vidro e a ourivería, entre outras.