Casas de Galicia

Casas de Galicia

Asociacións sen ánimo de lucro formadas por galegos ou descendentes de galegos residentes nunha determinada cidade, rexión ou país, que teñen como fins principais os proxectos de carácter cultural, recreativo, educativo e benéfico. As Casas de Galicia están espalladas por todo o mundo e non existe ningún tipo de uniformidade entre elas dada a distinta capacidade económica das mesmas. Así, por exemplo, as situadas no territorio español, como a Casa de Galicia de Gipuzkoa, de León, de Ondarroa, de Las Palmas de Gran Canaria ou de Valladolid, son modestas asociacións con orzamentos axustados baseados nas cotas dos socios. A súa actividade cultural céntrase na organización de cursos de galego, grupos de música ou baile tradicional, equipos deportivos e a edición de forma irregular de revistas, como é o caso de Aturuxo, a revista da Casa de Galicia de Las Palmas de Gran Canaria. Non obstante , existe un grupo de Casas de Galicia situadas en cidades e países que recibiron durante décadas galegos emigrados que non presentan estas carencias económicas. Os paradigmas destas Casas poderían ser a Casa de Galicia de Montevideo ou a de Nova York. A Casa de Galicia de Montevideo naceu no ano 1917 como consecuencia da unión de todas as asociacións de galegos existentes en Montevideo e axiña estableceu unha mutua de seguros que lles permitira aos socios ter asistencia sanitaria de forma gratuíta. Mais as súas finalidades tamén tiñan un marcado carácter cultural vinculado á promoción e prestixio da cultura galega. Foi así como se fundou na Casa de Montevideo un orfeón e un instituto de formación primaria e secundaria, chamado desde 1924 Curros Enríquez, e no que tamén se impartía formación de carácter mercantil e administrativa. Ademais, nestas Casas organizáronse importantes ciclos de conferencias nas que participaron diversos intelectuais como Castelao, Xavier Bóveda, Ramón Otero Pedrayo ou Francisco Fernández del Riego. Editábase de forma regular a revista Alma Gallega e unha colección de libros, a colección Ronsel, integramente en galego. Conta cun patrimonio artístico composto por obras de Asorey, Castelao, Colmeiro, Rodríguez Blanco ou Prieto Nespereira. A Casa de Nova York, fundada no ano 1940 como consecuencia da unión das diferentes asociacións galegas da cidade do Hudson, sen ter o carácter mutualista da Casa de Montevideo, leva a cabo un importante labor de promoción da cultura galega a través da organización de parladoiros literarios, ciclos de conferencias e mesas redondas, e conta cun grupo de baile e música tradicional. Non obstante , a súa actividade cultural máis importante ten un carácter filantrópico e permitiu o desenvolvemento dalgunhas institucións galegas como a Academia Galega, o Instituto de Filoloxía da Fundación Fermín Penzol, en Vigo, e importantes doazóns á Universidade de Santiago de Compostela. Existen tamén outras Casas de Galicia destacadas en diversas cidades e capitais como Caracas, São Paulo, fundada en 1955, e París, fundada no ano 1959.