cascuda
(< casca)
Insecto da familia dos blátidos pertencente á orde dos ditiópteros, de corpo deprimido e cabeza parcialmente oculta baixo un prototórax grande e con forma de escudo. A boca é mastigadora, as antenas longas e finas, as patas espiñentas con tarsos de cinco artellos, dous cercos patentes ao final do abdome, dous pares de ás dos que o anterior é correoso e mantense horizontalmente sobre o dorso. Aínda que algunhas especies son vivíparas, en xeral as femias depositan os ovos nun casulo ou en ootecas de consistencia dura e cor castaña que poden transportar con elas durante varios días. A larva, segundo a especie, aumenta de tamaño entre 6 e 12 veces. Este grupo de insectos sufriu poucos cambios fundamentais dende a súa aparición no Carbonífero superior hai 250 millóns de anos. Coñécense máis de 3.500 especies de distribución principalmente tropical. Entre outras, destacan a cascuda doméstica americana , Periplaneta americana, de ata 8 cm de lonxitude, que é unha excelente voadora; a cascuda cavernícola , do xénero Nocticola, especie cega de hábitos cavernícolas; o xénero Attaphila, que vive asociado ás formigas; o xénero Cryptocercus, que se alimenta de madeira morta que dixire coa axuda de protozoos simbióticos; e a cascuda australiana , do xénero Panesthia, que habita no chan en grupos familiares formados por un macho adulto, unha femia e ata vinte crías. En Galicia habitan en lugares quentes das casas a cascuda negra (Blatta orientalis), orixinaria de Asia, duns 25 mm, de corpo negro e brillante, e cun par de ás desenvolvidas os machos e as femias só con vestixios de ás; e a cascuda rubia (Blatella germanica) de cor parda, 21 mm de lonxitude e os dous sexos con ás ben desenvolvidas.