castrapo
(< cast(elán)
ariante da lingua castelá, empregada nalgúns rexistros en Galicia, que se caracteriza pola interferencia do galego en todos os planos da lingua. Na fonética cómpre destacar entre outros trazos do galego: a entoación (lentitude das sílabas pretónicas, prolongación da sílaba tónica e descenso vertical pronunciando con rapidez a postónica ou final), a distinción de dous timbres vocálicos no e e o (medio-aberto e medio-pechado), harmonización vocálica (vicino, piquiñito), o mantemento de -e paragóxico nalgunhas formas de imperativo (sale de ahí por sal de ahí), o seseo (casar por cazar) e a gheada (aghua, luegho). En morfoloxía, é habitual, entre outros, o uso do sufixo -iño (hasta lueguiño, graciñas), o desuso dos tempos verbais compostos, os presentes de subxuntivo analóxicos (dea, sea), o uso da perífrase dar + participio como equivalente de ‘ser capaz de’ + infinitivo, uso da forma neutra interrogativa lo que? e confusións de xénero (el miel, el sal). En sintaxe, cómpre destacar o uso do pronome de solidariedade (Estos nuevos programas te son muy complicados), a supresión da preposición a con verbos de movemento en contextos perifrásticos (voy comer, vamos ver), o emprego de más para reforzar a conxunción (Pablo y más María) e as construcións do tipo ahí lo está con interferencia da fórmula galega velaí está. En léxico, é habitual, entre outras, a utilización de termos como colo por regazo, reseso por revenido, parvo por tonto, etc, ou expresións como y luego?, con interferencia da forma galega e logo, e a locución de aquella co significado en castelán de “en aquel entonces”.