Castrelo do Val
Concello da comarca de Verín, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Vilariño de Conso (comarca de Viana), ao L co da Gudiña (Viana), ao S cos de Riós, Vilardevós, Verín e Monterrei, e ao O co de Laza (todos eles da comarca de Verín). Abrangue unha superficie de 122 km 2 cunha poboación de 1.242 h (2007) distribuída nas parroquias de Campobecerros, Castrelo do Val, Gondulfes, Nocedo do Val, Parada da Serra, Pepín, Piornedo, Portocamba e Servoi. A capital é o lugar de Castrelo do Val, na parroquia de Castrelo do Val, situada a 41° 59’ de latitude N e 7° 25’ 20’’ de lonxitude O, 190 km ao SL de Santiago de Compostela e 78 km ao SL de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Verín e á provincia e diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio de Castrelo do Val localízase case que na súa totalidade baixo o dominio climático oceánico de montaña, agás unha reducida superficie no SO no que rexe un clima oceánico continental. Situado nun espazo de alta montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, que orixina un prolongado período frío desde novembro ata abril, de xeito que a temperatura media anual se establece nos 9,1°C. A temperatura media do mes máis frío, decembro, baixa ata os 2,6°C mentres que a do máis cálido, agosto, só acada os 16,3°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,5°C. A precipitación anual media é de 1.810 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36% das precipitacións recóllese nos meses do inverno e o 35% no outono, fronte ao 9% do verán, mentres que a primavera adopta un comportamento de estación de transición e presenta valores medios (20%). O relevo pódese dividir entre o bordo nororiental da depresión de Monterrei, estendida polo extremo SO do concello, e as montañas integradas nos contrafortes da serra do Invernadeiro (territorio integrado en boa parte no espazo natural serra de Queixa-montes do Invernadeiro). A primeira coincide cun sector superficialmente reducido, con altitudes comprendidas entre os 400 m e os 700 m, drenado polo río Támega e os seus afluentes. A segunda, territorialmente máis extensa, abrangue o L e o N do concello, accidentado por montañas con altitudes superiores aos 800 m que culminan na Pena Nofre, de 1.291 m, situada no límite entre as parroquias de Piornedo e Servoi. Este segundo sector está drenado polo río Camba e os afluentes do río Mente. A rede hidrográfica caracterízase pola superposición de varias concas fluviais. A máis importante é a do río Támega que delimita o concello no seu extremo sudoccidental e recibe o río Castrelo que, á súa vez, recolle as augas dos ríos Pepín, Ribas e Servoi; este conxunto fluvial rega as parroquias de Castrelo do Val, Pepín, Nocedo do Val e Servoi. A segunda conca en importancia é a do río Camba que, tras cruzar o N do municipio seguindo unha dirección O-L, atravesa as parroquias de Campobecerros e Portocamba. Finalmente, a conca do río Mente é a terceira en importancia; correspóndelle a este concello a súa cabeceira, orixinada nunha serie de regos que, xa fóra dos límites municipais, darán lugar a este río tras drenar as parroquias de Parada da Serra e Piornedo; estes regos, todos de dirección NO-SL, son o Abraiguitos, o Porto e, sen pertencer á cabeceira pero igualmente tributario do Mente, o Macairados.
Xeografía humana
Desde 1887 a evolución experimentada pola poboación caracterízase pola merma constante de efectivos demográficos: tan só en 1940 superou lixeiramente a poboación rexistrada ao remate do s XIX. Este mesmo ano, ademais de constituír o máximo demográfico, pódese tomar como o punto de inflexión que define dúas fases ben definidas: unha etapa inicial un tanto errática, cunha tendencia final cara ao estancamento demográfico, e unha segunda etapa presidida pola continua perda de poboación. A primeira das fases pode dividirse en subfases, unhas de reducción poboacional (de 1887 a 1900 e de 1910 a 1920, con taxas de crecemento medio anual do -0,65% e do -0,99%, respectivamente) e outras de ascenso demográfico (de 1900 a 1910 e de 1920 a 1940, cun incremento anual do 0,53% e do 0,89%, respectivamente) nunha etapa marcada polo estancamento debido á influencia da emigración. Desde 1940, as perdas de poboación foron constantes, primeiro limitadas (entre 1940 e 1970 a reducción da poboación foi dun -0,43 % de media anual), para logo intensificarse (entre 1970 e 1996 acadaron unha taxa de crecemento anual medio do -2,17%); este retroceso está vinculado á continuidade dos movementos migratorios, crecentes especialmente cando se abren os mercados laborais europeos e cando hai demanda de man de obra nas áreas máis industrializadas, feito que erosiona decisivamente a resistencia demográfica dun concello de montaña con escasos recursos. Nos comezos do s XXI o descenso cifrase en -3,27%. En 2006 o crecemento natural foi do -14,6‰, froito dunha baixa natalidade (3,6‰) e unha elevada mortalidade (18,2‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 8,5% da poboación, fronte aos maiores de 654 anos que son o 41%; o grupo intermedio representa o 50,5%. A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,42 % fronte ao 48,85% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Castrelo do Val do 35,5% (45,2% a masculina e 20,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 27,3% (37,7% a masculina e 17,1% a feminina) e a taxa de paro é do 16,2 % (16,5% a masculina e 15,4% a feminina). No sector primario traballa o 10% da poboación ocupada. A superficie cultivada esténdese polo 12,8% do territorio, unha extensión reducida por mor do carácter esencialmente montañoso deste concello. Os principais cultivos son o centeo, a pataca e as forraxeiras, seguidas do millo e o viñedo. Os pastos ocupan o 2,22%, destinados ao pastoreo con rabaños de ovellas. A presenza do gando bovino é pouco importante, pois só conta con 86 vacas (2007) orientadas sobre todo á produción cárnica. A industria dálle traballo ao 11,9% da man de obra e redúcese a pequenos talleres, moitas veces de carácter semiartesanal, dedicados a abastecer as áreas próximas. A construción emprega o 25,7% da poboación ocupada, aínda que os postos de traballo radican principalmente en Verín. O sector terciario é a principal fonte de emprego, co 52,3% dos traballadores; por mor do limitado equipamento comercial e de servizos do concello, a maior parte dos integrantes do sector traballan no comercio e nos servizos de Verín. A principal vía de comunicación do concello é a estrada que comunica con Laza, xunto coa vía de ferrocarril de Medina del Campo a Ourense e Vigo, que ten unha estación na parroquia de Campobecerros.
Historia
A antigüidade do poboamento constátase pola existencia do castro de Cabanca. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Castrelo do Val repartíanse entre as xurisdicións de Gondulfes (que incluía as parroquias de Gondulfes e Pepín), Laza do Conde e Don Diego (parroquias de Campobecerros e Portocamba), Monterrei (Castrelo do Val e Nocedo do Val), e Piornedo e Servoi (con cadansúa parroquia homónima). O señorío sobre estas xurisdicións correspondíalles a diversos señores leigos e eclesiásticos: os condes de Monterrei, ademais de ser señores da xurisdición de Monterrei, mantiveron a súa autoridade en Laza do Conde e Don Diego, que compartían a parroquia de Portocamba co marqués de Tenebrón; a xurisdición de Gondulfes estaba baixo a xurisdición do bispo de Ourense; a de Piornedo baixo o bispo de Valladolid e a de Servoi correspondíalle á abadía do mesmo nome. A actual parroquia de Parada da Serra formaba parte entón da de Campobecerros e estaba sometida á xurisdición do conde de Monterrei; esta parroquia ten a súa igrexa matriz no concello da Gudiña e creouse a efectos estatísticos en 1981, xa que o lugar de Veiga de Nostre quedou no interior dos límites municipais de Castrelo do Val. Todas estas xurisdicións estaban representadas na antiga provincia de Ourense. Co establecemento da Constitución de 1812 suprimiuse esta administración señorial, substituída por unha administración municipal; a experiencia truncouse en 1814 ao asinar o Rei Fernando VII o decreto de derrogación da Constitución, feito que supuxo a restauración das antigas xurisdicións. Rehabilitada a Constitución en 1820 tralo golpe do coronel Riego, establecéronse os concellos de Gondulfes e Castrelo do Val, integrados no partido xudicial de Monterrei e na provincia de Galicia. En 1822 estes concellos adscribíronse á nova provincia de Ourense e en 1823 un segundo decreto derrogatorio da Constitución promulgado polo Rei Fernando VII tivo como consecuencia unha nova supresión do municipalismo e a súa substitución pola ordenación territorial propia do Antigo Réxime. En 1835 produciuse a implantación definitiva da administración municipal. Daquela xuntáronse os dous concellos anteriores no actual, denominado concello de Castrelo, e pasou a integrarse no partido xudicial de Verín. En 1842 a denominación oficial mudouse pola de Castrelo do Val, para diferenciarse do concello de Castrelo de Miño e evitar confusións que puideran dar lugar a erros administrativos ou de calquera outra natureza.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Santa Cruz de Gondulfes do s XVIII, San Vicente de Pepín do s XIX, Santiago de Campobecerros do s XX e o núcleo histórico de Nocedo do Val, no que cómpre salientar a igrexa de San Salvador, construída no s XX. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan a celebración de San Xoán, en Servoi, coa Noite do Lume Novo; as de Santa Marta, en Fontefría (Servoi); A Asunción, en Castrelo do Val; e o Magosto, en Campobecerros.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Verín |
| Extensión | 122 Km2 |
| Poboación Total | 1242 h |
| Poboación Homes | 623 h |
| Poboación Mulleres | 619 h |
| Densidade de poboación | 10.18 h/Km2 |