Castrelos, pazo de
Situado na parroquia de Castrelos (Vigo), no Parque Municipal Quiñones de León, coñécese tamén como Pazo Quiñones de León. Ten a súa orixe nunha antiga torre coñecida como Torre de Lavandeira que sufriu as incursións portuguesas de 1665. Os seus donos, Benito Tavarés e Ana Ozores de Soutomaior, construíron en 1670 o edificio que substituíu a torre anterior. Ten planta rectangular cun corpo central enmarcado entre dúas torres ameadas. Ao corpo central engadíuselle a principios do s XX unha nova ala que se prolongou ata a capela. A fachada principal destaca pola disposición regular e xeométrica dos vans e a decoración cun grande escudo dos Tavarés e outros máis pequenos coas armas dos Castro, Ozores, Soutomaior e Oia. A fachada posterior dá ao xardín que se divide en diversos espacios: un xardín de rosais, un xardín francés, obra dun xardineiro portugués cunha disposición xeométrica, e un xardín inglés formado por grandes extensións verdes cun pequeno estanque e rodeado por unha corredoira de paso. Fernando Quiñones de León, marqués de Alcedo, cedeuno ao concello de Vigo o 12 de decembro de 1924 coa condición de que non saíse nunca do dominio público e que se destinase a museo de arte e parque público, coa denominación de Parque de Quiñones de León. Non obstante , a cesión non foi efectiva ata 1934. É sede do Museo Municipal Quiñones de León.