catenaria

catenaria

(< lat catēnārĭa ‘propio da cadea’)

  1. s f [MAT]

    Curva que adopta unha cadea, unha corda, etc, perfectamente flexible e cunha carga uniformemente repartida en toda a súa lonxitude, fixa polos extremos e suspendida libremente. A expresión matemática desta curva vén dada pola ecuación y=a·ch (x/a), onde a é a distancia desde o punto máis baixo da curva ata o eixe de abscisas de referencia.

  2. s f [TRANSP]

    Tendido de cables que constitúen a liña aérea de contacto dos ferrocarrís eléctricos e tranvías, disposto de tal xeito que o cable de contacto queda á mesma altura sobre a vía en todos os seus puntos. Consta, esencialmente, dun cable portador, pendurado dos postes ou pórticos de suxeición, que sostén o cable de contacto mediante uns péndulos. O cable de contacto está suxeito aos postes mediante uns tensores transversais illantes que evitan as oscilacións. Na catenaria composta, o cable de contacto pende dun cable portador auxiliar paralelo ao primeiro que, á súa vez, pende do principal. Esta disposición mellora a flexibilidade do fío ao paso do pantógrafo e permite que as velocidades sexan superiores a 120 km/h. A catenaria con suspensión en Y mellora a flexibilidade e modifica o cable portador co engadido de anacos de cable auxiliar (cables en Y), dos que penduran os péndulos próximos aos soportes. A catenaria dos tranvías redúcese ao simple cable de contacto, sen cable portador. Deste xeito, cos abaneos verticais ao paso do trole, non pode superar os 40 km/h de velocidade.

Palabras veciñas

catena | Catena, Vincenzo | catenal | catenaria | catenoide | catenulado -da | catepsina