Catoira

Catoira


Concello da comarca de Caldas, situado na provincia de Pontevedra no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Valga, ao L co de Caldas de Reis (Caldas), ao S co de Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés) e ao O co esteiro do río Ulla, separado de Rianxo (da comarca do Barbanza). Abrangue unha superficie de 29,4 km 2 cunha poboación de 3.480 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abalo, Catoira, Dimo e Oeste. A capital municipal é a vila de Catoira, na parroquia de Catoira, situada a 42° 40’ de latitude N e 8° 43’ de lonxitude O, 37 km ao SO de Santiago de Compostela e 35 km ao N de Pontevedra. Está adscrito ao partido xudicial de Vilagarcía de Arousa e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Catoira está baixo o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, propio do litoral das Rías Baixas. Ao estar situado na transición entre a desembocadura do río Ulla e a ría de Arousa, está condicionado pola penetración da influencia marítima matizada pola protección ofrecida polo macizo do Barbanza, factores que dan lugar a unhas condicións climáticas caracterizadas por temperaturas suaves e precipitacións relativamente abundantes. A temperatura media anual é de 14,7°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, é de 9,2°C, e a do mes máis quente, xullo, é de 19,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 20,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 254. A precipitación media anual é de 1.586 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival: o 36% das precipitacións recóllese nos meses do inverno e o 34,8% no outono, fronte ao 10,5% do verán, mentres que a primavera se mantén en valores intermedios (18,7%). No tocante ao relevo, o concello de Catoira esténdese entre o macizo do monte Xiabre e a transición entre o río Ulla e a ría de Arousa, dúas unidades que neste sector seguen unha dirección NL-SO. Como consecuencia, pódese dividir o concello en tres bandas paralelas en función da súa altitude e con idéntica dirección: unha primeira consiste nunha estreita chaira litoral, ampliada no centro e no N do termo municipal, que coincide coa conca do rego Catoira; a segunda, máis larga no S do municipio, é unha banda de transición con alturas comprendidas entre os 100 m e os 300 m; por último, o macizo do Xiabre e as súas prolongacións cara ao N bordean o municipio e serven de límite co concello de Caldas de Reis e parte dos de Valga e Vilagarcía de Arousa. As máximas elevacións correspóndense co Xiabre (de 641 m de altitude) e o Fontebecha (372 m), os dous na parroquia de Dimo. A costa de Catoira é baixa e rectilínea, e nela destacan algunhas pequenas illas como a do Rato e as Telleiras. A rede fluvial está presidida pola conca do Ulla, que na súa desembocadura sérvelle de límite oeste. Neste treito, forma parte do espazo natural denominado A Foz do Ulla; outro curso fluvial destacado é o Catoira, que nace na parroquia de Dimo, como consecuencia da unión de augas de regos menores procedentes do Xiabre, como son o Beco e o Caseiro, e articula a maior parte da rede hidrográfica do municipio; á altura da capital do concello recibe o río Caldón, procedente tamén do Xiabre, que desemboca na ría de Arousa. Outros ríos menores son o Freixeiro e o Abalo que, tamén procedentes do Xiabre, verten directamente na ría máis ao S do Catoira.
Xeografía humana
A poboación do concello de Catoira ten como principal criterio definitorio a súa evolución positiva e constante. Este comportamento positivo está en relación directa coa súa localización litoral e a proximidade a un centro urbano moi dinámico como é Vilagarcía, feito que se reflicte na existencia limitada de movementos emigratorios. Desde 1887, só na década de 1980 se coñeceu unha fase de perda de poboación, que medrara ata 1981 un 1,11% de media anual. Durante este período (1887-1981), o crecemento tivo un ritmo moderadamente variable para cada un dos intervalos censuais; correspondeu o máximo para os anos vinte, cun 1,37% de taxa media anual, e o mínimo para os corenta, cun 0,41%. Os anos oitenta foron de leves perdas de poboación, cifradas nunha taxa de crecemento do -0,11% de media anual; finalmente, os primeiros noventa supuxeron unha continuación do seu comportamento positivo ao medrar un 0,4% cada ano. Os inicios do s XXI a poboación descendeu un -3,65% (2001-2007). O crecemento natural en 2006 foi negativo (-1,4‰) froito dunha natalidade moderada (8,5‰) e unha alta mortalidade (9,9‰). O resultado desta evolución é unha poboación relativamente nova no contexto galego, onde os menores de 20 anos representan o 16,47% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 21,2%; o grupo intermedio representa o 62,4%. A distribución por sexos mostra un leve desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,37% fronte ao 48,62%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Catoira é do 52,4% (65,6% a masculina e 40% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,4% (58,3% a masculina e 31,3% a feminina) e a taxa de paro é do 15,3% (11,1% a masculina e 21,9% a feminina). Tanto a pesca coma a agricultura e a gandería son actividades minoritarias: suman conxuntamente o 2,9% dos ocupados. A agricultura, subsector que rexistra unha forte presenza de traballo a tempo parcial por activos non agrarios, ten como principais cultivos o millo e a vide; por outra parte, as extensas superficies repoboadas con coníferas e eucaliptos eríxense nunha importante fonte de ingresos para as economías familiares. A presenza da gandería é residual, agás o armentío porcino, do que se contabilizan 102 cabezas reprodutoras (2005), e o bovino con 34 cabezas (2007). A industria é unha importante fonte de emprego: dálle traballo ao 39,3% da man de obra, a práctica totalidade en industrias manufactureiras, como as fábricas de materiais de construción (Mosaicos Hierro e Produtos Ulla), ou o serradoiro (Serrerías Rodríguez). A construción acolle o 13,8% dos traballadores residentes no concello, dedicados fundamentalmente á construción de pequenos edificios ou á albanelería, ademais daqueles con postos de traballo instalados en vilas veciñas, como Vilagarcía, Caldas de Reis ou Padrón. O terciario é o sector de actividade con maior importancia na estrutura económica local, pois emprega o 44% dos ocupados, tanto no reducido equipamento comercial e de servizos do concello coma na veciña Vilagarcía ou en territorios máis afastados como Padrón, Pontevedra ou Santiago de Compostela. A principal vía de comunicación é a estrada PO-548. Tamén destaca o ferrocarril e conta cunha estación na vila de Catoira, na liña ferroviaria A Coruña-Vigo.
Historia
A estratéxica localización de Catoira na desembocadura do río Ulla favoreceu o asentamento de grupos de poboación. Os primeiros restos coñecidos son un establecemento romano datado no s I d C e dedicado a diversas actividades comerciais. As noticias sobre este territorio son escasas ata chegar á Idade Media; nesta época os bispos santiagueses converteron este territorio nun importante bastión defensivo fronte ás incursións desde o mar, principalmente dos normandos e dos musulmáns. O bispo Diego Xelmírez favoreceu o crecemento da vila ao dotala dun recinto amurallado e coas torres fortificadas reconstruídas. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Catoira pertencían ás xurisdicións de Cordeiro (que integraba as parroquias de Abalo e Dimo) e de Sobrán (que incluía as parroquias de Catoira e Oeste). O señorío destas xurisdicións correspondíalle, respectivamente, ao arcebispo de Santiago de Compostela e ao conde de Maceda, e ambas as dúas estaban representadas na provincia de Santiago. Esta administración señorial foi substituída, ao promulgarse a Constitución de 1812, por unha administración municipal. O derrogamento da Constitución por decreto do Rei Fernando VII, en 1814, supuxo a restauración das antigas xurisdicións. En 1820, ao proclamarse de novo a Constitución, estableceuse o axuntamento de Dimo, adscrito ao partido xudicial de Padrón e á provincia de Galicia, e que integraba as parroquias de Abalo, Catoira, Dimo e Oeste. En 1822 o concello pasou a integrarse no partido de Caldas de Reis e na provincia de Vigo. En 1823 foi suprimida de novo a Constitución e con ela o sistema municipal, co conseguinte retorno á ordenación territorial propia do Antigo Réxime. En 1835, restablecido definitivamente o municipalismo, o concello constituíuse coa modificación da súa denominación por Catoira e coa súa integración na provincia de Pontevedra, cidade que substituíra a Vigo como capital. No que respecta á súa adscrición xudicial, pertenceu ao partido de Caldas de Reis ata 1965, ano no que desapareceu; logo desa data incluíuse no de Pontevedra e desde 1982 no de Vilagarcía de Arousa.
Patrimonio cultural
Na parroquia de Catoira consérvanse gravados rupestres, declarados BIC (1975) Das construcións defensivas levantadas durante a Idade Media perviven na actualidade as Torres do Oeste (BIC, 1931), erixidas polo arcebispo Xelmírez, e que tiñan a misión de impedir o desembarco de invasores que puidesen poñer en perigo a cidade de Santiago de Compostela. Foron declaradas BIC en 1931. No antigo Camiño Real que ía ata Santiago de Compostela consérvase unha ponte medieval. Do seu patrimonio cultural destaca o Sistema Fluvial Ulla-Deza declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello sobresaen as de San Antón no Oeste e en Dimo, e a Romaría Viquinga, declarada de Interese Turístico, no contorno das Torres do Oeste.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Caldas
Extensión 29 Km2
Poboación Total 3480 h
Poboación Homes 1692 h
Poboación Mulleres 1788 h
Densidade de poboación 120 h/Km2

Parroquias

Abalo
Catoira
Dimo
Oeste
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias