caza
(< cazar)
-
s
f
[CAZA]
Acción e efecto de cazar. No Paleolítico foi o medio de vida e de subsistencia, mentres que no Neolítico (7.000 a C) foi un importante complemento da agricultura. Os últimos cazadores e recadadores localizábanse ata hai pouco en América do Norte, nas terras baixas de América do Sur, en Australia e en certas zonas de Siberia, de África e do sudoeste asiático. A súa práctica implicaba a existencia dunha poboación espallada e de baixa densidade, e adoitaba estar asociada a determinadas culturas e rituais máxicos propiciatorios. Nas culturas do Oriente Próximo, era unha actividade de lecer que practicaba a aristocracia que se transmitiu a Grecia, a Roma e, en xeral, á Europa medieval. Posteriormente, desenvolvéronse a montería e a cetrería. Ao aparecer as armas de fogo, modificáronse as técnicas anteriores e isto motivou a especialización dos cans (cans de mostra, de caza, de rastrexar, de presa). A caza salvaxe, sobre todo a caza maior, diminuíu co crecemento demográfico dos ss XVII e XVIII. Na época moderna relaciónase a caza co deporte. En cinexética clasifícase a caza en función do peso e das características da presa. Denomínase caza maior aquela na que as pezas teñen un peso superior a 10-12 kg e caza menor a que captura pezas máis pequenas (sobre todo coellos, lebres, perdices, paspallases, pombas, patos e gran variedade de paxaros pequenos). O método máis utilizado é o chamado caza á man ou á mala, na que o cazador co can e a escopeta, só ou en grupo, vai polo monte intentando levantar a caza; outra variedade é a chamada esquivar a caza, na que cómpre a actuación dos batedores. Na caza maior utilízase como sistema máis estendido a caza ao axexo, nalgúns casos con engado. As cacerías máis espectaculares denomináronse chasse à courre (caza de montería), onde un gran número de cabaleiros intentaban acadar a presa en campo aberto, cun gran despregamento de medios. A caza de albufeira e a caza de aves acuáticas utilizan as técnicas de axexo e a batida. Nas modalidades de caza sen armas, destaca a caza con casses ibicencas (practicada nas Illes Balears), na que os cans rodeaban a presa. Son populares as diversas modalidades de caza con trampa e dentro desta a caza con reclamo e a caza con liga ou con trampa e a caza con furón, moi difundida aínda que prohibida pola lexislación vixente. A regulamentación legal sobre a caza afecta aos intereses entre dereito de caza e propiedade, e normalmente cómpre unha licenza para poder practicala. Ademais dos terreos de caza libre, hai parques, refuxios ou reservas nacionais e coutos particulares ou locais onde a caza está limitada. En época de veda a caza está prohibida e a súa periodicidade depende das especies e dos lugares. Os tipos de caza están limitados ou prohibidos e as pezas cazadas son propiedade de quen as mata ou as captura.
A caza en Galicia
A actividade cinexética deportiva en Galicia está condicionada basicamente por dous tipos de factores: os de índole ecolóxica, nos que se integran aspectos xeolóxicos, climáticos e de vexetación que teñen incidencia sobre a presencia das especies cinexéticas; e os relacionados co poboamento humano, co réxime de propiedade e co aproveitamento dos montes, que inflúen sobre a xestión da práctica cinexética. Algunhas especies de caza menor sufriron a desaparición de actividades tradicionais como o cultivo de cereais en estivadas, causa da escaseza de perdices en Galicia. O espallamento da poboación, concentrado principalmente no terzo costeiro occidental, e a súa distribución en multitude de núcleos propiciou a humanización do territorio e a división en parcelas do monte, feito reflectido no modelo de xestión cinexética do territorio, ao aparecer numerosos coutos de caza, ligados normalmente ás freguesías, que evolucionaron cara á confluencia en unidades de xestión de maior superficie.
Fauna característica
O número de especies de caza existentes en Galicia non é moi alto en relación con outras áreas da Península Ibérica. Especies de caza maior como o rebezo, a cabra montesa, o gamo ou o muflón están ausentes ou escasean, e as características da caza menor que abundan noutras rexións, escasean en Galicia. O coello, moi abundante en certas localidades, está bastante castigado por frecuentes brotes de mixomatose; a lebre, en xeral escasa, é máis común cara ao interior ca na costas; e as poboacións autóctonas de perdiz común desapareceron na maior parte da franxa costeira e non abundan no resto do territorio xunto coa perdiz charrela, que ocupa as serras orientais por riba de 1.300 m de altitude. A práctica totalidade das zonas húmidas, de escasa superficie, considéranse refuxios de caza polo que a captura de aves acuáticas non reviste interese. En Galicia non existe media veda, polo tanto, a captura de rula común e do paspallás limítase a principios de tempada. No que atinxe á caza maior, as pezas principais son o corzo e o xabaril, ambos os dous en expansión. O primeiro ocupa case todas as zonas con hábitat favorable, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense, e frecuentemente nas serras orientais. O xabaril habita en toda Galicia dende a década de 1980, favorecido polo abandono de usos tradicionais do monte e polo incremento do mato mesto. O cervo, reintroducido, só se caza nun número moi reducido de coutos.
Lugares para cazar
Unha das características da actividade cinexética desenvolvida en Galicia é a ausencia de grandes superficies de caza, tan comúns noutros puntos da xeografía da Península. Pola contra, a proliferación de terreos xestionados por sociedades cinexéticas privadas, dentro dos límites dun só concello, foi unha das notas características ata finais do s XX, de maneira que Galicia chegou a contar cun esaxerado número de coutos privados de caza, probablemente reflexo da gran dispersión da poboación rural galega. No ano 1998, das 2.954.896 ha de superficie total de Galicia, os terreos sometidos a réxime cinexético ocupaban un total de 2.563.296 ha, das que 2.437.204 pertencían aos 797 coutos privados de caza existentes nese ano. Coa aprobación en 1997 da nova lei de caza de Galicia, evolucionouse desde os antigos coutos, con superficies ínfimas que dificultaban tanto a práctica como a xestión cinexética, cara aos novos Terreos Cinexéticamente Ordenados, que substitúen os vellos coutos. Estes terreos de xestión cinexética privada deben ter un mínimo de 2.000 ha de superficie, para ser aprobados e incluídos nos rexistros da Xunta e presentar un plan de ordenación e xestión cinexética que concrete cuestións como as especies a cazar, a cantidade de capturas, o número de días de caza, o número de cazadores por xornada, as áreas de refuxio, etc. Estes plans teñen unha vixencia de cinco anos. Dos coutos existentes, os máis frecuentes son os dedicados á caza menor, aínda que cada vez son máis os que aproveitan especies como o xabaril e o corzo, dada a tendencia á expansión que estas dúas especies rexistraron. A Reserva Nacional dos Ancares é a única existente en Galicia. Foi creada en 1966 e conta cunha superficie de 7.975 ha. En 1998 existían en Galicia un total de 13 zonas de caza controlada, xestionadas por sociedades de cazadores mediante concurso. Á sociedade correspóndenlle a maior parte dos permisos de caza na zona, cun número de permisos diarios reservado para cazadores que non sexan membros seus, feito que está en función da superficie da zona. As licencias para cazar expídenas os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O panorama galego tendeu progresivamente cara á concentración de terreos cinexéticos, co aumento das superficies dos coutos privados. Malia isto, unha parte dos aproximadamente 77.000 cazadores existentes en Galicia cazan en coutos privados de comunidades como Castela e León, onde se ofrecen mellores posibilidades para cazadores de pluma, dada a situación que atravesan en Galicia algunhas especies como a perdiz común. OBS: Na tradición oral recóllense ditos como: “Andar a caza co furón morto. Fala moito da caza e mércaa na praza. Uns erguen a caza e outros mátana”. -
s
f
Arte de cazar.
Ex: Ten varios libros de caza.
Sinónimos: cinexética. -
s
f
-
Animais que se cazaron ou que poden cazarse.
Ex: Antano había máis caza nos nosos montes.
-
Carne dos animais cazados.
Ex: Vai coa escopeta ó monte, pero despois non come a caza que trae.
-
-
s
f
[BÉL]
Acción de perseguir un barco a outro para efectuar un recoñecemento, combatelo ou capturalo, ou dunha aeronave a outra, especialmente construída con esta finalidade.
-
s
m
[BÉL]
Avión militar, xeralmente monopraza, de gran velocidade e de elevada potencia de fogo, destinado a asegurar o dominio do espazo aéreo contra os avións inimigos. Os primeiros cazas, aparecidos ao inicio da Primeira Guerra Mundial, eran aparellos de observación dotados de armamento. A partir do 1915 creáronse novos tipos de avións dedicados só a actuar como cazas. Durante a Segunda Guerra Mundial, a arma máis importante foi a metralladora, ata que apareceu o canón automático de calibre pequeno. Existen dous tipos de caza que non teñen relación co concepto orixinario: o interceptor ou avión de superioridade aérea, para as misións aire-aire, e o cazabombardeiro, para misións aire-terra.
-
caza de bruxas
Persecución contra calquera persoa, sen considerar a súa inocencia ou culpabilidade, dependendo unicamente de acusacións políticas e acompañada dun certo elemento de histeria. O senador Joseph McCarthy dirixiu, entre 1940 e 1960, unha campaña de caza de bruxas nos EE UU contra persoas sospeitosas de ter simpatías prosoviéticas ou comunistas, que incidiu especialmente en intelectuais e artistas da industria cinematográfica de Hollywood.
Frases feitas
-
Andar á caza. Pretender conseguir algo de todas as formas posibles.
-
Andar á caza de grilos. Entreterse en cousas sen importancia.
-
Axotar a caza. Perder un negocio por actuar de forma precipitada e cunha mala administración.
-
Dar caza. Alcanzar, coller aquilo que se persegue.
-
Esperar a caza. Obrar con prudencia.
-
Levantar?espantar a caza (para que se poña a mellor tiro). Actuar de forma rápida e sen meditar as cousas, normalmente facendo o contrario do que se debía facer.
Refráns
- A cazador novo, can vello.
- A espera caza calquera.
- Becho que voa, levalo á cazola.
- Can alcuceiro, nunca bo coenlleiro.
- Can de boa raza, se hoxe non caza, mañá caza.
- Can de caza quere ser de raza.
- Can ladrador, mal cazador.
- Can que morde non ladra en van.
- Cazador e troiteiro nin ten boa meda nin bo palleiro.
- Cazador sen morral caza pouco e caza mal.
- Fala moito da caza e mércaa na praza.
- Labrego cazador, coellos na cociña e fame no comedor.
- Non hai mellor caza cá que se fai con cans vellos.
- O azor no pau e o falcón na mau.
- Ó mellor cazador váiselle a lebre.
- O oficio do gato é matar o rato.
- O paxaro da devesa, un o axexa e outro o pesca.
- Quen mata a arbela sabe máis ca ela.
- Se cazares, non te gabes; e, se non cazares, non te enfades.
- ¡Malia o cazador tolo que anda atrás dun paxaro para coller outro!