cazón

cazón

(< lat v *cattione < latcattu ‘gato’)

  1. [ANIMAL/ICT]
    1. s m

      Quenlla da familia dos triáquidos, coa primeira aleta dorsal pequena, arredor de 2/3 da aleta caudal e triangular, e máis adiantada ca as aletas pélvicas. Presenta unha boca con menos de 110 fileiras de dentes en cada mandíbula, sen barbadelas alongadas e con sucos labiais externos pequenos.

    2. cazón branco [port: cação pintado; cast: musula estrellada; ingl: starry smooth houd] [Mustelus asterias, Fam dos triáquidos]

      Quenlla de ata 1,4 m, de cor gris a marrón por enriba, con numerosas manchas brancas, e branca por debaixo. Presenta un fociño suavemente redondeado, coa distancia entre os orificios nasais de 1,3 veces o ancho da mesma, coa boca de perfil triangular, ollos ovais e cinco fendas branquiais curtas. As aletas dorsais teñen un perfil similar, aínda que a segunda é un pouco máis pequena; as aletas pectorais son anchas e a aleta caudal presenta unha gran fenda subterminal no lóbulo superior; o lóbulo inferior está algo desenvolvido. Os dentes son case tan anchos coma longos. Son ovovivíparos, paren normalmente 20 crías, de 30 cm. Acadan a madureza sexual aos 80 cm. Habita en fondos de area e lama ata os 100 m de profundidade, dende as Illas Shetland e o S de Noruega ata as costas africanas e o Mar Mediterráneo. Aliméntase, sobre todo, de peixes, cangrexos e moluscos. A carne emprégase para a súa comercialización.

    3. cazón común [port: perna de moça; cast: cazón; ingl: tope shark] [Galeorhinus galeus, Fam dos triáquidos]

      Quenlla de ata 2 m de lonxitude, de coloración gris a marrón por enriba e branca por debaixo. A primeira aleta dorsal é triangular, a segunda aleta dorsal, máis pequena e case do mesmo tamaño ca a aleta anal, cunha gran fenda subterminal no lóbulo superior da aleta caudal. O fociño é longo e cónico, con ollos en forma de améndoa, e cunha membrana nictitante externa. Ten o espiráculo ben desenvolvido, dentes similares nas dúas mandíbulas, os tres anteriores rectos e o resto oblicuos, cunha cúspide primaria e varias menores na marxe externa. Presenta cinco fendas branquiais, curtas e de tamaño similar, a cuarta e a quinta están sobre ou detrás da orixe da aleta peitoral. Está presente en todos os mares, agás no NO do Atlántico e no NO do Pacífico. Na costa L atlántica distribúese dende o arquipélago da Madeira ata Islandia e N de Noruega; é raro no Mediterráneo, pero común no litoral galego. Vive nas proximidades do fondo, entre os 40 e 100 m, e aliméntase, sobre todo, de peixes e luras. É unha especie ovovivípara, que logo dun ano de xestación pare ata 45 crías, dun tamaño aproximado de 35 cm. Péscase con palangre e ao corricán. Comercialízase a súa carne, pero a maioría das capturas de Galicia destínanse á exportación. Pode consumirse, cortado en tacos ou filetes, fritido, asado ou á grella, sempre adobado.

    4. cazón liso [port: cação liso; cast: musola; ingl: smooth-hound] [Mustelus mustelus, Fam dos triáquidos]

      Quenlla de ata 1,5 m, coa superficie dorsal de cor gris ou marrón, e branca por debaixo. Presenta un fociño algo arredondado, coa distancia entre os orificios nasais de máis de 1,4 veces o ancho da mesma. Distribuído pola plataforma continental dende Irlanda e o canal da Mancha ata as costas africanas, está presente tamén no Mediterráneo. Vive por riba dos 150 m e aliméntase, sobre todo, de peixes, cangrexos e moluscos. Paren, ao longo de todo o ano, ata 20 crías de 35 cm, que acadan a madureza sexual aos 75 cm. Ten unha escasa importancia económica.

  2. adx

    Termo do latín dos chafoutas ou xerga dos albaneis que corresponde á voz ‘castelán’.

Palabras veciñas

cazoleiro -ra | cazoleta | cazolo | cazón | cazonal | Cazoneira | Cazorla