CCD
Dispositivo encaixado en carga. Consiste nun transistor MOS de canle moi longa, con moitas portas próximas entre si, que constitúen co substrato un condensador MOS capaz de almacenar carga. A carga almacenada nun destes condensadores pode transferirse ao seguinte, por iso tamén recibe o nome de dispositivo de transferencia de carga (CTD). Estes dispositivos empréganse como rexistros de desprazamento ou como memorias en serie de alta densidade de integración, pero as súas principais aplicacións danse no campo da reprodución da imaxe porque permiten obter unha réplica eléctrica dunha escena visible sen ruído temporal. Os sensores, os detectores e os analizadores de imaxe das cámaras de TV levan dispositivos CCD, constituídos por unha matriz de condensadores MOS na que se almacena a carga orixinada polos fotóns incidentes coa que se constitúe unha imaxe dixitalizada. Tamén se utilizan nos filtros, nos convertedores de imaxe infravermella-visible, nos radares, etc. Orixinalmente, o CCD construíase con silicio pero agora xa se utilizan outros semicondutores segundo a marxe de lonxitude de onda que se queira detectar, como o InSb, o HgCdTe, etc.