Cedeira

Cedeira


Concello da comarca de Ferrol, situado na provincia da Coruña no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao O co Océano Atlántico, ao S cos concellos de Cerdido (comarca de Ortegal) e Valdoviño, e ao L cos de Cariño e Ortigueira (ambos os dous da comarca de Ortegal). Abrangue unha superficie de 85,4 km2nos que acolle unha poboación de 7.482 h (2007) distribuídos nas parroquias de Cedeira, Cervo, Esteiro, Montoxo, Piñeiro, Régoa, San Román de Montoxo e Teixido. A capital municipal é a vila de Cedeira, situada a 43° 39’ 20’’ de latitude N e 8° 3’ de lonxitude O, 22 km ao NL de Ferrol e 127 km aoó NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ortigueira e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O termo municipal de Cedeira está baixo o dominio climático oceánico húmido. Dentro dos subtipos galegos pertence ao do litoral atlántico do NO, caracterizado pola suavidade térmica e as abundantes precipitacións. Non obstante , cómpre matizar dúas áreas ben diferenciadas en función de factores topográficos: as serras do Eixil e da Capelada protexen as terras baixas centrais e do S do municipio dos ventos dominantes do O e NO; así mesmo, os fluxos ciclónicos do SO chegan con pouca intensidade pola interposición das Rías Baixas e das plataformas occidentais. Deste xeito, os rexistros de precipitacións amosan unha clara disimetría entre os sectores altos e expostos das serras, onde se superan rexistros de 2.000 mm anuais, e as terras abrigadas, que recollen unha media de 1.200 mm ao ano. O réxime pluviométrico marca un máximo invernal, época na que se recollen o 35% das chuvias. Fronte a isto, hai unha relativa seca estival (só se rexistra o 12% das chuvias), acompañada da aridez dos solos de xullo e agosto. A primavera e o outono quedan como estacións de transición con porcentaxes intermedias (26% e 27%, respectivamente). As néboas, as xornadas de ceos toldados (190 ao ano) e os días con chuvia (155 ao ano) son moi frecuentes. O réxime térmico reflicte unha suavidade notable, con 13°C de temperatura media anual, ten 10°C de oscilación, tanto no inverno coma no verán pola influencia directa do mar: a temperatura media mínima é a do mes de xaneiro con 9°C e a temperatura media máxima é a de agosto, con 19°C. As xeadas son moi excepcionais nas terras baixas pero son frecuentes nos invernos nos cumios da Capelada. Aínda que a súa estrutura xeomorfolóxica, composta por rochas básicas, ultrabásicas e gneises, presenta bastante uniformidade, o relevo reflicte unha gran diversidade. Durante o Ordovícico e ata o Devónico, existiu unha área de subducción entre dúas placas continentais, seguida dunha obdución que elevou os materiais que aparecen na superficie (anfibolitas, peridotitas, ecloxitas, serpentinitas). Esta estrutura tradúcese en tres áreas ben diferenciadas: no SO aparece a serra do Eixil, inmediata á costa, que con dirección N-S culmina no monte Vilar de 394 m de altitude; na área setentrional e oriental sitúase a serra da Capelada, que se prolonga ata o Cabo Ortegal, no concello de Cariño. Presenta uns cumios con forma de meseta (O Cadro, 620 m; Poza de Auga, 572 m; Outeiro, 454 m; Candieira, 398 m) que sufriron intensamente as glaciacións cuaternarias. Esta serra cae ao mar en grandes acantilados que, na Vixía Herbeira, no límite con Cariño, presenta 617 m de desnivel, un dos maiores da Europa Occidental; finalmente, cara ao S, a serra descende de xeito máis pausado ata a ría de Cedeira, na que se encaixan abundantes regos (Mestas, Condomiñas, Porto do Cabo, Pontigas, Braxe, Castro, etc) que forman pequenos vales nos que se asenta a poboación. A ría é pequena cunha estreita embocadura. Coñece procesos de amoreamento, tanto areentos como lamacentos, sobre todo na enseada de Esteiro. A serra da Capelada, a Illa Gabeira e Punta Candieira son espazos naturais protexidos.
Xeografía humana
A poboación concéntrase preto da ría e nos vales dos ríos Condomiñas e Mestas, mentres que as áreas das serras (NO, N e L) están case deshabitadas. Unha boa parte dos cedeirenses viven na vila capital (o 61%, 4.712 h en 1996). A evolución demográfica experimentada dende o primeiro censo de 1887 (4.782 h) reflicte continuos altibaixos, paralelos á historia económica contemporánea. Así, ata 1940 coñeceu un notable crecemento sostido, con taxas medias do 1,67% anual para todo o período. O saldo vexetativo era moi positivo e na vila instaláronse numerosas fábricas de conserva e salgadura, co conseguinte progreso económico da vila que se expandiu máis alá do río Condomiñas e orixinou o Ensanche. Este temperán desenvolvemento fixo que a primeira vaga emigratoria galega cara a América fose pouco importante, aínda que si existiu, con numerosas saídas a Cuba, Puerto Rico, Arxentina e Uruguay. Durante os anos corenta do s XX, a crise económica da posguerra incidiu no peche de varias conserveiras e no declive da pesca. A poboación descendeu ata 1950 un 0,6% de media anual. Na década seguinte, a actividade pesqueira acadou un novo pulo que favoreceu o crecemento demográfico (0,9% anual). En 1960 rexistrouse o máximo poboacional (8.411 h) pero, a partir de entón, a industria conserveira entrou nun declive definitivo. Diante da precariedade das condicións nas que se desenvolvían as actividades pesqueiras e da escasa rendibilidade que proporcionaban aos seus traballadores, a emigración aumentou primeiro cara á Europa Occidental (Suíza, Alemaña e Reino Unido) e logo cara ás grandes cidades españolas e galegas (A Coruña, principalmente). Deste xeito, ata 1991, produciuse un descenso anual medio do 0,37% nos efectivos humanos. Ata 1996 aumentou un 0,8% anual, que coincidiu cunha etapa de expansión da vila e que desenvolveu a súa área de influencia de mercado e de servizos administrativos básicos. A vila medrou nestes últimos anos cara á parroquia de Piñeiro, cunha axeitada planificación urbanística que respectou o núcleo antigo. Os inicios do s XXI marcan un leve descenso demográfico: -0,24% entre 2001 e 2007. A estrutura demográfica presenta un elevado grao de avellentamento, no que os maiores de 65 anos (25,9%) superan os menores de 20 (14,1%); o grupo intermedio representa o 60% da poboación. En 2006 o saldo vexetativo é moi negativo (-5,5‰), froito dunha baixa natalidade (6,7‰), superada por unha mortalidade que medra (12,2‰). As mulleres(50,05%) superan levemente os varóns (49,94%) debido á maior esperanza de vida.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cedeira é do 43% (57,1% a masculina e 29,6% a feminina); a taxa de actividade é do 38% (52,1% a masculina e 24,6% a feminina); e a taxa de paro é do 11,6% (8,7% a masculina e 16,9% a feminina). A economía baséase na pesca, silvicultura e sector servizos. A pesca emprega o 15,1% da poboación ocupada. A flota dedícase fundamentalmente ás artes de volanta de baixura. Esta actividade potenciouse coa mellora do porto e coa modernización da flota. Os aproveitamentos agropecuarios (8,8% dos activos) están cambiando de orientación, xa que a importancia gandeira decrece en favor do aproveitamento forestal, cun masivo repoboamento de piñeiros e eucaliptos. As axeitadas condicións climáticas e edafolóxicas potencian o uso forestal, que ocupa o 82,64% da superficie municipal. A construción (11,8% dos traballadores) adecúase ás demandas da edificación, centradas na vila. A industria (16,6%), pouco desenvolvida, céntrase na primeira transformación de madeira e dos produtos pesqueiros. Por último, o sector servizos (47,7%) consolidouse, favorecido pola área de influencia comercial e administrativa propia da vila, que, sen embargo, depende de Ferrol para servizos especializados. O turismo tamén coñeceu certo desenvolvemento grazas á explotación dos atractivos naturais do concello. A taxa de actividade é baixa, 40,3 % (1996), pois o peso dos pensionistas é moi alto. A principal vía de comunicación, a estrada AC-566 que o comunica con Ferrol.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana, descubertos sobre todo na serra da Capelada, son do período megalítico (3500-2000 a C). No concello catalogáronse numerosas mámoas ou medoñas, entre as que destacan a de Cervo e as de Montoxo, onde apareceron útiles de pedra pulimentada; outros restos megalíticos son o xacemento de Pedra Chantada e as mámoas de Monteagudo, Candales e Penadaguia. Durante a época castrexa (XI a C-IV d C), o territorio estivo habitado polos lapatiancos ou labacengos, pobo prerromano que deixou constancia do seu hábitat no Castrum Stativum (As Alcaiás), no que se atopou un torques de ouro; e noutros castros, como o das Croas, o de Magoira, o da punta Sarridal e o de Pantón. O topónimo Cedeira parece ter unha orixe romana, en concreto da voz cetaria, que significa ‘lugar onde abundan as baleas’. Señorío dos condes de Traba no s XII, o mosteiro de Oseira recibiu varias posesións, confirmadas por Fernando III o Santo, no territorio cedeirense no século seguinte. No s XIV pasou aoó condado de Lemos (unido no s XVI á casa de Andrade), ao que Enrique II concedeu a potestade de nomear alcaldes e xuíces. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cedeira pertenceron á xurisdición de Cedeira, que formaba parte da provincia de Betanzos; o señorío correspondíalle ao conde de Lemos. A promulgación da Constitución de 1812 implicou a supresión da administración señorial e a súa substitución pola municipal, co conseguinte establecemento dos concellos de Esteiro, Cedeira e Régoa, que foron adscritos á provincia de Galicia. Estes concellos, en vigor nos períodos 1812-1814 e 1820-1823, suprimíronse despois da promulgación dos decretos do Rei Fernando VII, que derrogaron a Constitución e restauraron o Antigo Réxime. A rehabilitación definitiva do municipalismo en 1835 supuxo a creación do concello de Cedeira, adscrito ao partido de Ortigueira e á provincia da Coruña, sen que se rexistrasen variacións posteriores. Os conflitos internos durante o s XIX deixáronse sentir neste territorio, sobre todo cando a accidentada topografía favorecía as accións guerrilleiras das partidas carlistas. A mediados do s XIX desenvolveuse a industria de salga, que acadou moita forza ata 1940. No paso do s XIX ao XX, Cedeira tivo unha intensa vida cultural, confirmada coa publicación de varios xornais e semanarios como El Horizonte, Nueva Cedeira e La Antorcha.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello, declarado en 1953 Municipio de Interese Turístico, destacan varios monumentos. No seu núcleo urbano sitúase a igrexa parroquial de Nosa Señora do Mar, construída en estilo gótico tardío no s XV, remodelada en séculos posteriores. No seu interior destacan as capelas da Concepción e da Nosa Señora do Parto, ambas as dúas do s XVI, e o sepulcro de Alonso de Piñeiro do s XV. A fortaleza da Concepción construíuse a mediados do s XVIII para defender a ría e acolle un museo e un miradoiro. O santuario de Santo André de Teixido, construído entre os ss XVI e XVIII, mestura elementos pagáns, relixiosos e etnográficos. No seu interior destaca o retablo barroco (1729) e a imaxe-relicario manierista de santo André. A peregrinación a este lugar é obrigada, pois o dito popular di que a el “vai de morto quen non foi de vivo”. Preto do santuario está a Fonte do Santo que, segundo a tradición, mana debaixo do altar da igrexa. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa Ártabra, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas destaca a da Nosa Señora do Mar coa celebración da procesión marítima e da xira da patroa. O curro e a rapa das bestas da Capelada ten lugar o domingo anterior ao san Xoán. Outras festividades importantes son a festa de Samaín, celebrada os primeiros días de novembro coincidindo con Defuntos, e a festa popular de Volve á Vila, celebrada o primeiro sábado despois das festas da patroa.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ferrolterra
Extensión 85 Km2
Poboación Total 7482 h
Poboación Homes 3737 h
Poboación Mulleres 3745 h
Densidade de poboación 88.02 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias