Cee
Concello da comarca de Fisterra, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos municipios de Muxía e Dumbría (comarca de Fisterra), ao S coa ría e co concello de Corcubión, ao L co de Dumbría, e ao O cos de Fisterra e co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 57,5 km 2 e cunha poboación de 7.555 h (2007) distribuídos nas parroquias da Ameixenda, Brens, Cee, Lires, A Pereiriña e Toba. A capital municipal é a vila de Cee, situada a 42° 57’ 20’’ de latitude N e 9° 11’ de lonxitude O, 89 km ao O de Santiago de Compostela e 96 km ao SO da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Corcubión e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio do concello de Cee está baixo o dominio climático oceánico húmido. No conxunto das variedades galegas pertence ao subtipo do litoral atlántico do NO. A interposición das Rías Baixas e das plataformas occidentais galegas sitúan este municipio ao abrigo das correntes perturbadas do SO, pero recibe a influencia directa dos ventos e borrascas do O e NO. Caracterízase pola suavidade térmica e as abundantes precipitacións. A temperatura media anual chega aos 14,3°C. As temperaturas máximas e as mínimas son moderadas xa que se benefician do efecto dulcificador do mar, que tempera o inverno (a temperatura media mensual mínima rexístrase en febreiro, con 9,7°C) e suaviza o verán (a temperatura media mensual máxima é a de agosto, con 19,4°C), de xeito que a oscilación térmica anual é pequena (9,7°C). O risco de xeadas é practicamente inexistente, pois as mínimas absolutas invernais baixan de 0°C só moi excepcionalmente. O total pluviométrico acada os 1.650 mm anuais, cunha distribución estacional que concentra a maior parte das chuvias no inverno (33% do total) e no outono (31%). A primavera preséntase como estación de transición, cun leve descenso porcentual das precipitacións (25%), mentres que o verán rexistra unha acusada seca (só se recollen o 11% das precipitacións anuais), o que xera un déficit hídrico e a conseguinte aridez dos solos durante os meses de xullo e agosto. O ceo toldado e as xornadas de chuvia son frecuentes (185 e 150 días ao ano, respectivamente). O seu relevo inscríbese dentro dos últimos tramos da meseta gradual do Xallas, que vén cara ao mar, fendida polos ríos Castro e Lires, ao N (que forman a ría de Lires), e polos ríos Cee e Brens, ao S, que desembocan na ría de Corcubión. A súa estrutura xeolóxica pódese relacionar co dominio xistoso da Galicia central e occidental, de cronoloxía paleozoica, formada por metasedimentos de ortogneises granulares de dúas micas con migmatización. As maiores alturas sitúanse no límite oriental con Dumbría, na parroquia da Pereiriña, dende onde van descendendo cara ao mar (Alto de Monte Maior, 405 m de altitude; San Pedro, 371 m; Legua Seca, 322 m; Petón de Armada, 296 m; Sete Grises, 302 m; e Vela, 126 m, xa preto da costa. Este concello dá ao mar por tres lugares diferentes: ao S, na beira occidental da ría de Corcubión ata a enseada de Ézaro; ao NO, na pequena ría de Lires; e ao SO, na praia de Estorde, situada no arco fisterrán. Estes tramos abertos ao Atlántico contrastan notablemente coa costa rochosa e recortada que domina neste sector de transición entre a Costa da Morte e as Rías Baixas.
Xeografía humana
A evolución demográfica contemporánea de Cee é peculiar dentro de Galicia, pois experimentou un crecemento poboacional continuo sen afectarlle a penas os efectos da emigración, que mermou a poboación na maior parte do territorio. No primeiro censo (1887) contaba con 3.694 h, que non deixaron de medrar ata 1981 (7.234 h) a un ritmo medio uniforme do 1,02% anual. A súa temperá industrialización, coa instalación da fábrica de Carburos Metálicos (1903), dos estaleiros e do banco, fundado en 1927 polo industrial Perfecto Castro Canosa, serviu para financiar o desenvolvemento empresarial, favoreceu en gran medida a fixación da poboación, que non necesitou recorrer á emigración para atopar emprego. As crises económicas dos anos trinta e corenta non impediron o progreso demográfico, sustentado nun crecemento vexetativo notable e na chegada de xentes da comarca fisterrá para traballar nos seus establecementos industriais. Na década dos oitenta, tanto a industria de carburos coma os estaleiros entraron nunha profunda crise, que rematou cunha importante regulación de persoal. Esta circunstancia propiciou que a poboación descendese un 2,15% entre 1981 e 1991. Unha vez superada a crise, experimentouse un novo aumento demográfico (1,25% anual entre 1991 e 1996), favorecido pola instalación dun hospital comarcal e a crecente importancia terciaria do núcleo capital. Esta nova expansión caracterizouse polo asentamento de nova poboación, chegada dende os municipios próximos, xa que o saldo vexetativo se presentaba negativo (-1,22‰ en 1996). Entre 1996 e 2001 o crecemento situouse no -2,55%. Non obstante os inicios do s XXI marcan unha tendencia positiva, o 5,45% de aumento entre 2001 e 2007. A vila de Cee concentrou a maior parte do crecemento demográfico. A construción de vivendas foi moi importante, mesmo variou a morfoloxía do núcleo que medrou cara á parroquia de Brens, onde está situada a fábrica de carburos. Primou a densificación en altura, con materiais constructivos diferentes aos tradicionais e con pouco control urbanístico, o que despersonalizou o aspecto do espazo urbano. Nas parroquias setentrionais (A Pereiriña, Lires e Toba) predomina o hábitat disperso, mentres que no S a presenza da vila favorece a concentración da poboación. A natalidade moderada (8,5‰) e a mortalidade alta (9,2‰) fan que o crecemento natural (2006) sexa de signo negativo (-0,7‰). O avellentamento non é moi notable grazas á escasa incidencia da emigración, aínda que comeza a dar mostras del. Os menores de 20 anos representan o 17% e os maiores de 65 o 20%; o grupo intermedio representa o 62,9%. As mulleres superan en número aos varóns (51,8% de mulleres fronte ao 48,19% de homes) como consecuencia da súa maior esperanza de vida.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cee é do 47,9% (63,2% a masculina e 34,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,6% (57% a masculina e 27,7% a feminina) e a taxa de paro é do 13,1% (9,8% a masculina e 18,8% a feminina). Dende comezos do s XX a economía ceense xirou arredor do seu tecido industrial e das súas funcións como centro comarcal de toda a área fisterrá. O sector primario ten pouca importancia, pois acolle só o 8,7% da poboación ocupada; dentro del, a agricultura só destaca na zona setentrional do municipio, a máis afastada da vila, e emprega o 5,1% da poboación activa. Só o 17% do territorio é apto para o uso agrícola. Estas actividades permanecen nun estadio pouco desenvolvido, practicadas, sobre todo, na esfera doméstica, en explotacións traballadas directamente polos seus titulares e polas familias. Destaca o cultivo do millo e os produtos destinados ao autoconsumo, como patacas e hortalizas. A gandería non é significativa. A pesca foi unha actividade moi notable ata a arrancada do sector industrial e dedicábase, fundamentalmente, á captura de cetáceos; sen embargo, entrou en declive e quedou reducida a un 3,6% dos traballadores residentes no concello. En Lires existe unha destacada piscifactoría de cría de troita e salmón. A actividade industrial, que foi a base do desenvolvemento económico do municipio, representa o 18,4% do emprego. As súas empresas principais son Ferroatlántica S L, dedicada á produción e distribución de todo tipo de aliaxes de ferro. A estrutura empresarial complétase coa presenza de varios serradoiros que aproveitan a riqueza forestal (o 68% da superficie está dedicada a usos forestais) e cunha industria hidroeléctrica. O espectacular crecemento urbanístico da capital municipal favoreceu o pulo da construción, que dá emprego ao 18,3% dos traballadores. Tradicionalmente, os servizos son unha actividade económica determinante para a vila (54,6% dos ocupados). O seu papel de cabeceira comarcal, cunha distancia considerable a núcleos de maior entidade, potencia o comercio, o transporte, a hostalería e a administración pública e servizos sociais. As principais vías de comunicación son a estrada AC-552, A Coruña-Fisterra, e a estrada AC-550, Cee-Tui, que bordea todo o litoral das Rías Baixas, ademais da AC-445 que chega ata Fisterra.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana descubertos son do período megalítico (3500-2000 a C). No territorio do concello catalogáronse numerosas mámoas, entre as que destacan as do alto de San Pedro e Pedras Negras (A Pereiriña) e as do monte de Sembra (Toba). Durante a época castrexa (ss XI a C-IV d C) o territorio estivo habitado polos nerios, pobo prerromano que deixou a súa constancia nos castros de Son (Cee), do monte do Castro (Lires) e outros dous na Pereiriña e Toba. Ata o s XVI a penas hai referencias ao municipio, aínda que se sabe que o histórico porto da vila de Cee constitúe un dos enclaves máis antigos de Galicia. Nese século, a pesca de cetáceos era a actividade principal, o que proporcionou unha gran puxanza económica. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cee pertencían ás xurisdicións de Corcubión (parroquias da Ameixenda, Brens, Codesos, Lires, A Pereiriña e Toba) e Cee (vila de Cee), representadas na provincia de Santiago. O señorío destas xurisdicións correspondíalles ao conde de Altamira e ao arcediago de Trastámara. No transcurso da invasión napoleónica, os franceses saquearon a vila e destruíron a maior parte do seu patrimonio. Unha vez concluída a guerra e expulsadas definitivamente as tropas bonapartistas, promulgouse a Constitución de 1812 que suprimiu a administración señorial do territorio e a substituíu por un réxime municipalista. Neste territorio, a nova lexislación concretouse na creación do concello de Cee, vixente nos períodos 1812-1814 e 1820-1823. Ambos os dous decretos do Rei Fernando VII, derrogatorios da Constitución, supuxeron a restauración do Antigo Réxime e a súa organización territorial xurisdiccional. A rehabilitación definitiva do municipalismo produciuse en 1835. Dende aquela non se rexistraron variacións na composición do concello de Cee pois integra as mesmas parroquias, coincidentes tamén coas que formaban parte dos primeiros axuntamentos constitucionais de 1812 e 1820.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca a vila de Cee, onde sobresae a igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira. Da primitiva fábrica gótica do s XVI consérvase o presbiterio e a bóveda nervada. No s XVIII co obxecto de defender a ría construíuse o castelo do Príncipe, declarado BIC en 1994. Levantado polos enxeñeiros Llovet e Lemaur, actualmente é unha residencia privada. No eido da arquitectura civil destacan os pazos urbanos de Cee, Brandariz e, sobre todo, o de Cotón, construción do s XVIII que conserva na fachada un escudo no que aparece a flor de lis da Inquisición. Cómpre salientar, ademais, a sede do Museo Fernando Blanco de Lema e, dentro da arquitectura popular, o conxunto de hórreos da Casa do Camiño de Vilar de Toba. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Interese Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as da Virxe da Xunqueira e as romarías de Santo Adrián, en Toba, e a da Pereiriña, na ermida de San Pedro Mártir.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Fisterra |
| Extensión | 57 Km2 |
| Poboación Total | 7555 h |
| Poboación Homes | 3641 h |
| Poboación Mulleres | 3914 h |
| Densidade de poboación | 132.54 h/Km2 |
Parroquias
| Ameixenda, A |
| Brens |
| Cee |
| Lires |
| Pereiriña, A |
| Toba |