1 celtismo
(
-
s
m
Coñecemento e estudo da lingua, da literatura e da cultura celta.
-
s
m
[LING]
Teoría lingüística que afirma que moitas das linguas modernas proveñen de linguas célticas.
-
s
m
[LING]
Palabra ou xiro propios das linguas célticas que pasou a outras linguas veciñas ou que estaban en contacto. Os antigos celtismos que se poden detectar nas linguas posteriores correspóndense co fenómeno lingüístico do substrato.
-
s
m
[HIST]
Movemento político, social e cultural que presume a pervivencia dunha cultura ou “espírito” celta en diferentes comunidades etnonacionais e/ou relixiosas do mundo. Doutrinalmente, o celtismo nega a desaparición do mundo celta como realidade histórica e afirma a súa continuidade no presente por medio do recurso ideolóxico do Volksgeist (‘espírito do pobo’). O celtismo susténtase non tanto na arqueoloxía ou rexistro de datos históricos vinculados ás manifestacións que se puideran asociar á cultura celta (Hallstatt, La Tène, arte irlandesa do I milenio, etc), senón na súa condición de constructo ideolóxico ao servizo duns intereses específicos no mundo contemporáneo. Na medida en que o celta representa unha opción diferenciada respecto a outras expresións, como a latina ou a semita, resulta esencial na configuración de identidades que procuran a súa definición no exercicio excluínte da alteridade.
As orixes do celtismo
O celtismo remóntanse ao Renacemento, pero non será ata o s XVIII cando se produza un maior interese por el. O Romanticismo favoreceu que o celtismo se fose afianzando en toda Europa, impulsado tanto pola emerxencia e posterior consolidación do estado nacional (o caso francés) como polos nacionalismos periféricos opostos a un estado centralista (o caso galego). Así, no transcurso da guerra franco-prusiana, o celtismo foi fondamente cultivado desde as institucións culturais do estado galo, que promoveu as escavacións dos xacementos de Gergovia (escenario da derrota de Xulio César contra os galos) e Alesia (lugar do triunfo dos romanos contra os galos). No Reino Unido, sen embargo, o celtismo serviu aos movementos nacionalistas opostos ao proceso de construción do estado británico e forneceu unha identidade común ás periféricas nacións de Irlanda, Escocia ou Gales. No caso español tampouco faltaron tentativas celtistas amparadas no estado (por exemplo, o troco dos iberos polos celtas promovido durante os primeiros anos do franquismo por autores como Almagro Basch ou Martínez Santaolalla). Non obstante , foi o celtismo periférico, principalmente aquel de inspiración galeguista, o que acadou un maior impacto social. En Italia, a crise do estado nacional puxo de relevo un novo celtismo asociado con algunhas rexións (Valle d’Aosta, Ladinia, Fiuli, Occitania, Valtellina, etc). Nos anos noventa consolidouse un celtismo europeísta, liderado pola UE, e un celtismo que serve de alianza estratéxica entre algunhas nacións sen estado do arco atlántico europeo, coñecidos tradicionalmente como Países Celtas (Bretaña, Cornualla, Escocia, Gales, Galicia, Irlanda e Man). Por último, tamén se constata un auxe celtista na extrema dereita occidental que se estende desde a Fronte Nacional de Jean Marie Le Pen ata os grupos neonazis europeos e sudistas norteamericanos.
Historiografía
O celtismo, como elemento vertebrador da historia nacional ao redor da raza celta, xurdiu en Europa no s XIX e prolongouse durante o s XX e XXI; sen embargo, sempre se cuestionou a súa validez científica, malia que os traballos de Brocca, vinculando lingua celta e trazos antropométricos, ou de Kosinna, partidario da existencia dunha unidade harmónica entre raza, lingua e cultura celtas, revestiron de certo carácter científico as teses celtistas. Esta corrente forma parte dun sistema máis amplo, o arianismo, e foi un instrumento de utilidade ideolóxica para algúns nacionalismos de corte etnicista que o converteron nun mito historiográfico. Neste sentido, o celtismo, creado a partir de observacións lingüísticas, arraigou con forza na socioloxía, na politoloxía e na historiografía do s XIX, grazas á súa utilidade política. Obras como Essai sur l’inegalité des races humaines (1853-1855), de Gobineau, ou La lutte des races (1893), de Gumplowicz, fundamentaron a lei de permanencia dos tipos físicos e a desigualdade das razas, e sentaron as bases do mito arianista baseándose na superioridade da raza aria. Partindo dese discurso ideolóxico presente no discurso científico, elaboráronse as primeiras doutrinas etnonacionalistas baseadas na superioridade da raza celta. En Francia os primeiros elementos desta corrente atópanse na obra do historiógrafo positivista Fustel de Coulanges, que chegou a reclamar para o celta a superioridade fronte ao xermánico; sen embargo, a expresión máis elaborada do racismo galo atópase nos traballos de Barres, quen explorou unha liña aberta por Vaillant, Bouquet, Jullian, Quinet ou De Jubainville. O Reino Unido acolleu algúns dos desenvolvementos historiográficos máis importantes do celtismo; sen embargo, a diferenza do caso galo, o celtismo das Illas Británicas non foi formulado en función das necesidades de lexitimación do estado nacional, senón en función do desafío dos movementos nacionalistas periféricos aos procesos de construción do estado e da nación. A principios do s XVIII, a obra de Edward Lhuyd adiantou o traballo intelectual preciso para a mistificación celtista. Este mito espallouse e no 1817 Walter Scott recreou literariamente a figura de Rob Roy, presentado como auténtico celta aos escoceses das Highlands. A identidade celta acadou unha ampla difusión entre os distintos grupos étnicos non ingleses das illas. En Galicia o celtismo serviu de base para a afirmación da identidade da nación galega fronte ao estado de base hispánica. Foi Verea Aguiar, na obra Historia de Galicia (1838), quen introduciu o interese polo mundo celta na nosa historiografía baseándose na identificación de presuntos elementos celtas tanto nos castros como en restos arqueolóxicos doutro tipo, sobre todo mámoas. Esta identificación acientífica foi continuada pola maioría dos historiadores decimonónicos. Así, Martínez de Padín, na súa obra Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia (1849), estendeuna a unha ampla serie de monumentos. Tamén en Vicetto, quen escribiu unha recreación mítica ausente de rigor científico, se recolle unha identificación semellante no primeiro volume da súa Historia de Galicia (1865), na que ademais se presenta o elemento céltico como auténtica cerna da Volksgeist galega. Posteriormente, autores como Saralegui Medina, autor de Estudios sobre la época céltica en Galicia (1867-1894), e Barros Sivelo, quen escribiu Antigüedades de Galicia (1875), afianzaron a crenza celtista. Con todo, foi Murguía quen levou o celtismo ás súas cotas máis destacadas. Segundo se desprende de dúas obras fundamentais de Murguía, Historia de Galicia (1865) e Galicia (1888), o elemento céltico é a principal xustificación da “personalidade” de Galicia, concibida como expresión espiritual da raza; para Murguía a historia da nación galega é a historia da raza celta. No s XX, Vicente Risco foi o artífice da fusión entre os mitos céltico e atlantista no seu afán polo diferencialismo con respecto ao elemento mediterráneo, e da fusión do celtismo e catolicismo. Logo duns anos de retroceso do celtismo como corrente historiográfica, a mediados dos anos oitenta, algúns arqueólogos e historiadores recuperaron a cuestión desenvolvendo un discurso historiográfico no que o descritivo deixa paso ao prescritivo, que evidencia certa nostalxia do vello celtismo, por unha banda, e vocación etnonacionalista, pola outra.
Literatura
A orixe do celtismo literario cómpre buscala nas obras The Bard (O bardo) e The Descent of Odin (O descenso de Odín), da autoría de Thomas Gray, e na produción de William Collins, Thomas Chatterton e, sobre todo, de James MacPherson, quen publicou Fragments of ancient poetry (Fragmentos de poesía antiga, 1761), os poemas “Fingal” (1761) e “Temora” (1763) e Poems of Ossian (Poemas de Ossián, 1765). Non obstante , os textos atribuídos ao bardo Ossián eran en realidade unha falsificación do propio MacPherson (fragmentos de cantos pertencentes á tradición popular, que Macpherson insertou nunha composición épica da súa autoría). O éxito acadado marcou o romanticismo europeo. No Reino Unido, ao igual que noutros estados nacionais, o celtismo literario facilitou a produción mitolóxica necesaria para a emerxencia dos nacionalismos periféricos. Autores, como George William Russell ou William Butler Yeats, contribuíron ao movemento cultural denominado “renacemento celta” e á secesión irlandesa. A literatura galega dos ss XIX e XX tamén estivo marcada polo movemento celta que achegou a temática diferencialista precisa para a emerxencia do etnonacionalismo galego. A obra poética de Eduardo Pondal marcou o momento da consolidación do celtismo literario en Galicia e foi a máxima expresión literaria do celtismo. Influenciado polo traballo de MacPherson, reelaborou, en clave lírica e non épica, as escenas do celtismo máis puro e cuñou así un celtismo literario que continuou Ramón Cabanillas en Na noite estrelecida (1926). Posteriormente outros autores, como Xosé Luís Méndez Ferrín, cultivaron o celtismo literario galego, en obras como Amor de Artur e Retorno a Tagen Ata.
Artes plásticas e música
Desde as artes plásticas decimonónicas, o celtismo sempre foi inspiración das máis variadas correntes estéticas. Temas como o heroe celta Cu Chulainn, Artur, Ossián e tantos outros foron recreados en repetidas ocasións: desde o neoclasicista O Soño de Ossián, de Jean August D. Ingres, ata o neosimbolista Regreso de Artur, de Joseph Stonely, pasando polo Ossián romántico de Peter Kraft. O éxito da temática celta é aínda maior nos xéneros menores: gravados, como os traballos de Jean Godefroy, ou as máis diversas expresións de artesanía anónima. Coas transformacións estéticas do s XX, o celtismo sobreviviu con altibaixos. Nas expresións artísticas contemporáneas, como o cine, o cómic e outras, acadou éxitos como As aventuras de Astérix o Galo, Brave Heart, Highlanders e Rob Roy. A influencia do celtismo na música remóntase ao s XIX e ao auxe do movemento romántico; os compositores buscaban as raíces nas tradicións musicais populares. O celtismo entrou así na música clásica da man de certos compositores, como Niels Gade ou Friedrick L.-E. Kunzen, autores de diversas composicións sinfónicas, ou de Jean François Le Sueur, compositor da corte de Napoleón Bonaparte. Así mesmo, o celtismo cumpriu a súa función ideolóxica na invención de tradicións musicais.
Relixión
O celtismo, tamén presente no terreo relixioso, é unha das máis consolidadas expresións das novas formas de espiritualidade, como demostra o druidismo de Stonehenge, o vaticinio mediatizado polas runas ou a extensión do tarot celta.