Cendón
Apelido que ten a súa orixe nun antropónimo en función patronímica ou nun topónimo homónimo. Tanto o topónimo como o patronímico remiten ao prenome de orixe xermánica Cendone, voz derivada do gótico *kind- ‘descendencia, estirpe’. O prenome Cendone ou as súas variantes (Cendone, Cedon, Zendo, etc) documéntanse moi cedo na Idade Media en textos latinos: “Cindon” (doc ano 959 en P. Loscertales de García de Valdeavellano, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol I, 1976, p 530). O nome de lugar ten a súa orixe nunha villa cendoni, atestada xa no s XIII. Como apelido documéntase no s X: “Fromaricus Cendoni” (doc ano 885 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 308), “Petro Cendon” (doc ano 1140 en Manuel Lucas Álvarez, “La colección diplomática del Monasterio de San Lorenzo de Carboeiro”, Compostellanum II, 2, 1958, p 291).