Cenlle

Cenlle


Municipio da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos do Carballiño, Punxín e San Amaro (comarca do Carballiño); aoó L co de Toén (comarca de Ourense); ao S cos de Castrelo de Miño e Ribadavia; e ao O con Beade e Leiro (todos eles no Ribeiro). Abrangue unha superficie de 29 km 2 cunha poboación de 1.513 h (2007), distribuídos nas parroquias da Barca de Barbantes, Cenlle, Esposende, Laias, Osmo, A Pena, Razamonde, Sadurnín, Trasariz e Vilar de Rei. A parroquia de Esposende está dividida entre os concellos de Cenlle e Ribadavia. A capital é o lugar de Xubín, na parroquia de Razamonde, situada a 42° 19’ 7’’ de latitude N e 8° 4’ de lonxitude O, 102 km ao SL de Santiago de Compostela e 21 km ao O de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Cenlle está baixo o dominio climático oceánico-mediterráneo. Situado entre os vales do río Miño e do río Avia, rodeado de montañas, os rexistros termopluviométricos vense influenciados por este factor topográfico, especialmente no tocante ás relativamente baixas precipitacións e ás altas temperaturas do verán. A temperatura media anual é de 14,8°C. A temperatura media do mes máis frío, decembro, é de 7,8°C, e a do máis cálido, xullo, é de 22,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 26,5°C. O número de días ao ano libres de risco de xeadas é de 224. A precipitación anual media é de 792 mm, cun réxime de distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36,1% da precipitación recóllese nos meses do inverno e o 32,4% no outono; pola contra, no verán só se rexistran o 11,4% das chuvias, o que provoca un certo déficit hídrico nos solos; e na primavera, que se comporta como unha estación de transición, contabilízanse valores intermedios (20,1% da precipitación total anual). En canto ao relevo, o seu territorio pódese dividir en tres sectores: o val do Miño, o val do Avia e o interfluvio montañoso entre ambas as dúas concas. A primeira das unidades mencionadas, o val do río Miño, correspóndese cunha estreita banda de terreo cunha altitude media situada entre os 100 e os 300 m, que leva unha dirección basicamente NL-SO e que forma parte do espazo natural das ribeiras do Miño; trala construción do encoro de Castrelo de Miño este sector quedou parcialmente asolagado, co que minguou a súa superficie. A segunda unidade, a conca do río Avia, situada na parte occidental do concello, mantén características semellantes aínda que se diferencia por seguir unha dirección meridiana e por ocupar unha extensión menor. A terceira unidade de relevo separa as dúas anteriores; correspóndese cun contraforte montañoso de altitudes comprendidas entre os 300 e os 500 m, aliñados cunha dirección predominantemente NL-SO. Neste último sector destacan como principais elevacións o monte A Corredoira (de 489 m de altitude, na parroquia de Cenlle), o Piñeiro (de 477 m, na de Osmo) e o Názara (con 415 m no seu cumio, na de Cenlle). O principal curso de auga que drena este concello é o río Miño, que permanece encorado en todo o seu percorrido e baña as parroquias da Barca de Barrantes, Laias, Razamonde e Trasariz. O Miño recibe varios regos pequenos, con dirección N-S, como son o Farcixo e o Fareixina, que nacen no veciño municipio de San Amaro e percorren a parroquia de Razamonde. O outro gran río que drena o concello é o Avia que, discorrendo polas parroquias de Pena e Esposende, serve de límite occidental ao concello e recibe o rego de Lentille no linde entre esas dúas parroquias.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello ao longo dos dous últimos séculos caracterízase pola alternancia de dúas fases ben diferenciadas que teñen na cata censual de 1950 o seu punto de inflexión. Ata esa data a poboación municipal medrou cun ritmo medio do 0,64% anual e a partir de 1950 o sentido da súa evolución foi diametralmente oposto, de tal xeito que os efectivos demográficos rexistrados ao remate da serie analizada son menos da metade da correspondente a 1887, por mor dun descenso verificado entre 1950 e 1996 a un ritmo medio do -1,6% de media anual; só se estabilizou a poboación na primeira metade da década de 1990, coa perda dun único habitante nese intervalo. Os lugares receptores desta emigración foron os núcleos máis industrializados de Galicia e de España (principalmente as áreas metropolitanas de Vigo, Bilbao e Barcelona), así como os países máis desenvolvidos de Europa Occidental e os destinos americanos máis tradicionais. Nos comezos do s XXI a poboación descendeu nun -4,60% entre 2001 e 2007. O crecemento natural (2006) é negativo (-11,9‰), froito dunha moi baixa natalidade (2,9‰) e unha elevada mortalidade (13,9‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 8,3% da poboación fronte aos maiores de 65 anos que son o 39,1%; o grupo intermedio representa o 52,6%. A distribución por sexos amosa un desequilibrio a prol das mulleres que constitúen o 52,74 % da poboación fronte ao 47,25%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cenlle é do 35,6% (49,1% a masculina e 24,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 29,7% (40,4% a masculina e 20,7% a feminina) e a taxa de paro é do 16,7% (17,8% a masculina e 14,9% a feminina). No sector primario traballa o 11,9% da poboación ocupada. A superficie agraria útil é 419 Ha. Incluído na comarca do Ribeiro, o principal e case que exclusivo cultivo é o viñedo, que ocupa o 89,38% das terras de labor. Os pastos ocupan un espazo moi reducido, só o 1,47% da superficie municipal, feito que indica a escasa importancia do gando bovino ao contar cun censo de só 125 cabezas (2007) predominantemente orientadas á produción cárnica. Maior importancia posúe o gando porcino, do que se contabilizan 1.235 prazas reprodutoras e 600 de ceba nas abundantes granxas, adheridas ás cooperativas COREN. As actividades industriais acollen o 24% da man de obra; destaca no sector unha empresa especializada na elaboración de viños, Bodegas Alanis, aínda que son os establecementos industriais localizados na cidade de Ourense e a súa periferia urbana os que xeran a maior parte dos empregos no sector dos obreiros residentes no concello. A construción emprega só un 9,8% da poboación ocupada. O sector terciario é o de máis actividade, pois dá ocupación ao 54,3% dos traballadores; debido ao reducido equipamento comercial e de servizos do concello e á proximidade da cidade de Ourense, moitos destes traballadores, ao igual que sucede no sector industrial, desprázanse a cotío á cidade das Burgas. As principais vías de comunicación son a estrada nacional N-120 e a autovía das Rías Baixas A-52, que permiten a comunicación con Vigo, Ourense e Ribadavia; ademais da liña do ferrocarril de Ourense a Vigo, con estación na parroquia de Barbantes. Por último, cómpre citar a estrada que parte da nacional N-120 e permite a comunicación con San Amaro e O Carballiño.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Cenlle son os castros conservados na Pena e en Esposende. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cenlle estaban repartidas nas xurisdicións de Roucos (parroquias de Cenlle, Esposende, Navío, Osmo, A Pena, Trasariz, Vilar de Rei e Erbededo), Camporredondo (Razamonde e Sadurnín) e Maside (Laias), representadas en Cortes pola antiga provincia de Ourense. O señorío da xurisdición de Camporredondo compartíano o conde de Fefiñáns e o mosteiro benedictino compostelán de San Martiño Pinario. O conde de Ribadavia era señor das xurisdicións de Roucos e Maside, compartida esta última co seminario da vila de Viveiro. Esta administración señorial foi suprimida pola proclamación da Constitución de 1812 e substituída pola administración municipal, co que xurdiu o concello de Cenlle. Esta nova administración municipal tivo dous primeiros períodos de vixencia entre os anos 1812-1814 e 1820-1823; ambos os dous decretos derrogatorios da Constitución, asinados polo Rei Fernando VII en 1814 e 1823, supuxeron a restauración provisional do Antigo Réxime e do seu sistema señorial de organización territorial. En 1835 restableceuse definitivamente o municipalismo e constituíuse novamente o concello de Cenlle, integrado no partido xudicial de Ribadavia e na nova provincia de Ourense. En 1865, a parroquia de Navío, que pertencera á xurisdición de Camporredondo e aos primeiros concellos constitucionais de Cenlle, segregouse e incorporouse ao concello de San Amaro. Tamén houbo variacións na súa configuración parroquial: en 1893 foi suprimida a parroquia de Erbedelo, que se incluíu na de Razamonde.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan a igrexa de Razamonde, que conserva unha porta románica do s XIII, e os santuarios de San Bieito en Cuñas do Monte (1721) e o da Virxe de Areas, construído en 1834 en estilo barroco. No concello hai diversos pazos, entre os que sobresaen o de Riobó ou Casa Grande do s XVIII en Osmo, o de Lentille en Esposende e a Casa de Pardo e a Casa dos Ulloa. Do patrimonio natural destacan a área recreativa de Barbantes e un pequeno balneario ás beiras do río Miño. Entre as festas que teñen lugar no concello cómpre salientar as de san Bieito en Cuñas e Laias no mes de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 29 Km2
Poboación Total 1513 h
Poboación Homes 715 h
Poboación Mulleres 798 h
Densidade de poboación 52.17 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias