centralismo
(< central + -ismo)
-
s
m
[POLÍT]
Estrutura política e administrativa na que o poder se exerce exclusivamente dende unha área moi restrinxida, como unha administración ou poder central. As bases do principio político centralista apareceron na Península Ibérica durante a Alta Idade Media como resultado da afirmación do poder real fronte ás aspiracións da nobreza. A finais da Idade Media o fenómeno do centralismo estendeuse entre as monarquías máis homoxéneas de Europa como Inglaterra, Francia, Portugal, Castela ou Aragón, que prolongaran o seu dominio político e territorial polas zonas limítrofes máis febles. As primeiras mostras de centralismo castelá apareceron no reinado de Afonso XI, coa figura do regidor, un representante do poder real nos municipios. A dinastía dos Trastámara loitou por fortalecer o poder central do monarca fronte ao partido dos nobres, pero non foi ata a época dos Reis Católicos cando se acadou a unidade nacional cun grao maior de centralismo, aínda que conservando as divisións organizativas en reinos. O reinado dos Habsburgo foi unha etapa de goberno descentralizada, con tentativas para diminuír a autonomía dos diversos reinos no época de Filipe II e durante o goberno do conde-duque Olivares. Coa difusión das ideas absolutistas, caraterísticas das sociedades modernas que buscaban a concentración do poder político e xurídico no rei, o poder do monarca aumentou favorecido pola decadencia das Cortes, a perda de poder da nobreza e a desaparición da autonomía municipal. A dinastía borbónica, na figura de Filipe V, emprendeu unha profunda centralización cos Decretos de Nova Planta (1707), que anulaban os privilexios dos reinos de Aragón, Catalunya, València e Navarra. A Constitución de 1812, que reflectía un carácter claramente burgués, liberal e centralizador, impúxose na posterior división en provincias de Javier de Burgos (1833), sometidas á administración única e centralizada. Navarra e o País Vasco perderon parcialmente a súa autonomía durante o s XIX, pero conservaron un réxime fiscal especial. O centralismo apareceu en Francia no seu proceso de formación como estado moderno, cando absorveu politicamente a outros estados máis febles, entre outros o ducado de Borgoña (1493) e de Bretaña (1532). Ao longo dos ss XVI-XVIII, a monarquía absolutista impúxose como sistema de goberno e caracterizouse pola creación dun réxime fiscal centralizado para soster o aparato político do estado e pola consolidación dunha forza militar capaz de asegurar o poder político e social. Durante a Revolución Francesa de 1789 o centralismo absolutista foi substituído polo novo estado centralizado e burgués, introducido polos xacobinos. Os representantes, elixidos polos cidadáns, conferíanlle o poder executivo ao goberno, quen o detentaba case en exclusiva, e nomeaba e dirixía as autoridades políticas e administrativas, que exercían o poder por delegación. Na Francia napoleónica o centralismo baseouse na figura do prefecto que era o responsable diante do goberno da nova unidade xeográfica e administrativa (departamento), composta por varias unidades municipais. Durante o s XIX consolidouse en Francia a centralización e elimináronse particularismos rexionais, amais das institucións características do Antigo Réxime. A finais do s XIX apareceron en España unha serie de movementos opostos ao centralismo (federalismo, cantonalismo e nacionalismo, entre outros), que tiveron especial forza no País Vasco e Catalunya. Estes movementos descentralizadores acadaron durante a Segunda República a súa conclusión cando se aprobaron os estatutos de autonomía. Desaparecidos durante o franquismo polo marcado centralismo estatal, na actualidade as tendencias a favor da descentralización administrativa dominan o panorama, defendendo o protagonismo das rexións ou unidades territoriais menores.
-
centralismo democrático
[POLÍT]
Principio que inspira a organización dos movementos políticos e sindicais, especialmente os comunistas, que intenta unir democracia e unidade ao potenciar a cohesión política e ideolóxica e evitar a formación de fraccións ou tendencias internas.