Centre National d’Art et de Culture Georges Pompidou
Centro cultural internacional establecido en París, coñecido tamén como Centre Beaubourg ou Centre Pompidou. Promovido polo presidente Georges Pompidou, inaugurouse en 1977. Está situado nun edificio construído polos arquitectos Renzo Piano e Richard Rogers, gañadores do concurso internacional convocado en 1971. Ademais de ter un importante arquivo documental, conta cunha biblioteca, hemeroteca, centro de deseño, discoteca, fototeca e cinemateca, e organiza numerosas actividades, como exposicións antolóxicas e revisións dos movementos artísticos dos ss XX e XXI. Ocúpase tamén da xestión do Musée National d’Art Moderne (MNAM) dende 1993. O edificio acolle tamén o Institut de Recherche et Coordination Acoustique/Musique (IRCAM) e un Centro de Creación Industrial (CCI).