centrismo

centrismo

(

s m [POLÍT]

Forma de goberno específica de Italia (1948-1958) constituída ao redor de dous eixes: o anticomunismo e o atlantismo (adhesión á OTAN no 1949). Nos seus gobernos participaron o Partido Socialdemócrata Italiano (PSDI), Democracia Cristiana (DC), Partido Republicano (PR) e Partido Liberal (PL). Na primeira lexislatura dos gobernos de centro aprobáronse unha serie de normas que respondían ao principio de reformar dende arriba. Despois desta etapa de goberno, na que se consolidou a democracia, a DC converteuse na forza política que defendeu o consenso entre as clases e o progreso material. No ámbito español, o centrismo xurdiu ao redor do partido Unión de Centro Democrático (UCD), creado dende o goberno e formado por elementos herdeiros do franquismo coa finalidade de presentarse ás eleccións de xuño de 1977. Contou co apoio popular na primeira fase da transición, cando se aprobou a lei de reforma política e se convocaron as eleccións ás Cortes constituíntes que consensuaron a Constitución de 1978. Rematado o proceso de disgregación das institucións franquistas, a UCD deixou de contar co apoio popular. A dimisión do presidente do goberno e líder da UCD, Adolfo Suárez, o 29 de xaneiro de 1981, e a derrota do partido nas eleccións de outubro de 1982, debéronse, entre outros factores, á crítica interna no partido, aos ataques da oposición, á ameaza do golpismo e á crise económica.