Cepeda
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe en topónimos homónimos. O nome de lugar de carácter abundancial Cepeda remite ao latín *cippetu, derivado de cippu ‘cepo’. Aínda que a voz galega cepo pode ter varios significados na toponimia, é posible que remita á abundancia no lugar da parte inferior das árbores que queda no terreo unha vez cortado o toro. Documéntase no século XV: “Afonso de Çepeda” (doc ano 1483 en X. Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, vol II, 1967, p 205).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe procedente da vila salmantina de Cepeda. O seu tronco constitúeo Vasco Vázquez de Cepeda, señor de Cepeda, que acompañou o Rei Afonso XI no sitio de Xibraltar. Estendeuse por Galicia, León, Asturias, Zamora, Palencia, Valladolid, Ávila, Toledo, Extremadura e Andalucía. Á rama de Ávila pertenceu santa Teresa de Xesús. As súas armas levan, en campo de goles, unha vide cun acio, follas e gabiáns, de ouro.