Cerceda
Concello da comarca de Ordes, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Laracha (comarca de Bergantiños) e Culleredo (A Coruña); ao S cos de Tordoia e Ordes (Ordes); ao L cos de Carral (A Coruña) e Ordes; e ao O cos de Carballo e Laracha (ambos os dous en Bergantiños). Abrangue unha superficie de 110,9 km 2 cunha poboación de 5.587 h (2007), distribuídos en nas parroquias de Cerceda, As Encrobas, Meirama, Queixas, Rodís e Xesteda. A capital municipal, a aldea do Campo da Feira, na parroquia de San Martiño de Cerceda, está a 43° 11’ 20’’ latitude N e 8° 28’ de lonxitude O, 30 km ao S da Coruña e 47 km ao N de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O termo municipal de Cerceda está baixo o dominio climático oceánico húmido; dentro dos subtipos galegos pertence ao das plataformas occidentais, caracterizado por abundantes precipitacións e temperaturas con algúns síntomas de continentalización respecto á costa. A exposición favorable aos ventos húmidos do océano, tanto aos procedentes do NO e N, como aos fluxos ciclónicos do S e SO (debido á ausencia de relevos interpostos dende o litoral), incide nunhas precipitacións elevadas da orde de 1.700 mm de media anual. O réxime pluviométrico presenta un máximo invernal, estación na que se recolle o 33% das precipitacións anuais, aínda que nas estacións intermedias os rexistros de chuvia tamén son importantes (27% na primavera e 29% no outono). O verán, pola contra, presenta unha acusada seca (11%), cunha grande aridez nos solos durante o mes de agosto. As xornadas anuais de precipitación aproxímanse ás 140. O relativo afastamento do mar propicia uns contrastes térmicos máis acusados, sobre todo nos valores absolutos. A temperatura media anual sitúase en 12,5°C e a oscilación acada os 11°C; a mínima rexístrase en xaneiro con 7,5°C e a máxima en xullo con 18,5°C. O risco de xeadas é elevado durante o inverno. A estrutura xeomorfolóxica caracterízase polo dominio da chamada Superficie Fundamental de Galicia, arrasada durante o Terciario, cunha litoloxía dominante de xistos de metamorfismo baixo. Esta superficie de aplanamento aparece descomposta en varias unidades levantadas, orixinadas por pequenos outeiros fendidos mediante unha intensa rede de drenaxe. A serra de Montemaior, que ten o seu cumio no pico Cedeira, de 595 m de altitude, separa o municipio das terras de Bergantiños polo NO e actúa como divisoria de augas entre a conca do río Anllóns e a do Tambre. No NL érguese o bloque granítico dos montes do Xalo, que rexistra as súas máximas cotas no monte Frío, de 536 m de altitude, e no pico Anxelino, de 527 m. Os montes do Xalo separan o concello de Cerceda da comarca natural das Mariñas. Ao S deste cordal montañoso ábrese a depresión de Meirama, formada no Mioceno e ocupada pola conca do río Barcés, cunha orixe ligada a unha liña de falla, que ten no fondo un xacemento de lignitos. Ao S desta fosa aparece o relevo achaiado das terras de Ordes, que só se interrompe nos vales dos numerosos regos que van desembocar ao encoro de Vilagudín, no extremo oriental do concello. Estes vales están separados por unha serie de outeiros que constitúen os interfluvios (Marzaz, 406 m de altitude; Portixo, 385 m; Ramalliño, 398 m; e Pedreira, 389 m).
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada dende o primeiro censo de 1887, cando o concello contaba con 4.821 h, reflicte un claro período expansivo ata 1960, ano no que se acadou o máximo poboacional con 7.929 h. A partir de entón principiou unha etapa de declive ininterrompida en toda a serie analizada (ata o padrón de 1996). Deste xeito, ata 1960 o crecemento medio anual verificouse nunha taxa do 1,08%, con períodos nos que aínda tivo maior forza (entre 1930 e 1940 deuse un incremento do 2,4% ao ano) debido á gran produción agrícola. As correntes emigratorias (entre 1910 e 1930 fundamentalmente), contrarrestáronse por un elevado crecemento vexetativo. Dende 1960 ata 1991 a poboación descendeu a un ritmo do 1,05% de media anual. A emigración cara a América e Europa foi notable ata 1980, pero a partir dese momento as expropiacións motivadas pola instalación da central térmica de Meirama levaron a moitas persoas a domiciliarse na Coruña e noutras urbes galegas. Esta nova fonte de traballo non conseguiu reducir a sangría demográfica que entre 1981 e 1991 se situou nun 2,15 % anual.A mellora das comunicacións, a estabilidade do emprego na central térmica e o desenvolvemento terciario das localidades do Campo da Feira e A Silva, propiciaron un aumento demográfico no quinquenio 1991-1996, cunha taxa de incremento anual medio do 1,15%. O crecemento tornouse negativo e no período 1996-2001 situouse no -4,66%; no período seguinte 2001-2007 volveuse de novo positivo: 3,65%. O resultado desta evolución na estrutura por idades apréciase no elevado grao de avellentamento, pois o 27% da poboación supera os 65 anos e só o 12% se sitúa por debaixo dos 20 anos; o grupo intermedio representa o 61%. Así mesmo, a natalidade (2006) presenta uns valores baixos, 6,4‰, e a mortalidade unha taxa notable, 11,8‰, feitos que se reflicten nun saldo vexetativo negativo do -5,4‰. A distribución por sexos inclínase en favor das mulleres, que supoñen o 51,67% da poboación, fronte ao 48,32% dos homes.
Xeografía económica
A A taxa de actividade (2001) do concello de Cerceda é do 47,5% (58% a masculina e 37,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,4% (51,4% a masculina e 34% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (11,5% a masculina e 9,7% a feminina). Ata 1980, momento no que comezou a explotación dos lignitos, a base económica municipal residía no sector agropecuario. Malia que descendeu a súa importancia, aínda emprega o 18,2% da poboación ocupada. A gandería bovina ten moita importancia pois posúe 5.171 cabezas (1999). A dedicación gandeira é máis forte nas parroquias próximas a Ordes (Xesteda, Queixas e As Encrobas). A actividade agraria realízana, en boa medida, as mulleres, mentres que os varóns se empregan na industria ou na construción. A industria ocupa o 16,4% dos traballadores residentes no concello; moitos deles dedicados á extracción dos lignitos; tamén son moitas as persoas que se desprazan diariamente para desenvolver a súa actividade laboral nos concellos limítrofes. Paralelamente, existen movementos pendulares en sentido inverso debido a que moitas persoas doutros municipios traballan en Meirama na central termoeléctrica. Malia os efectos medioambientais negativos, a instalación da central térmica converteu o concello nun dos máis ricos de Galicia, por mor dos elevados ingresos procedentes de tributos e taxas que obtén anualmente. Os veciños afectados polas expropiacións levadas a cabo para edificar o complexo térmico beneficiáronse, en gran medida, economicamente; esta situación repetiuse coa instalación da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), empresa creada pola Xunta de Galicia para o tratamento dos residuos sólidos urbanos na Comunidade Autónoma. A construción de vivendas medrou nos últimos anos, sobre todo na capital, o que favoreceu a súa evolución, que xera o 15,6% dos empregos. Os servizos desenvolvéronse coa diversificación da base económica municipal e convertéronse na primeira actividade do concello, pois empregan o 49,9% da poboación ocupada. Entre eles destacan o comercio, a administración pública e os servizos sociais. As comunicacións son deficientes; conta só con dúas estradas locais (AC-400 e AC-413) que enlazan o municipio con vías máis importantes, como a estrada nacional N-550 que o comunica coa Coruña e con Santiago de Compostela.
Historia
A historia de Cerceda está condicionada, en parte, polo seu tradicional illamento e falta de comunicacións, pois no mapa catastral de 1929 non aparecía ningunha estrada no interior do municipio. As primeiras etapas de poboamento humano coñecidas remóntanse á época castrexa, cos castros de Coto de Guichar, nas Encrobas, e o castro de Cerceda, no que se atopou un torque de ouro. Existen poucos datos da historia destas terras durante a Idade Media. A finais do s XIII pertencía aoó arcebispo de Santiago de Compostela, que o doou no s XV a Xoán Becerra, quen, á súa vez, llo cedería a Fernán Pérez de Andrade. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Cerceda estaban adscritas ás xurisdicións das Encrobas e Vilarprego, ademais do couto redondo de Meirama. O señorío das xurisdicións correspondíalles, respectivamente, ao marqués de Astorga e ao conde de Graxal, mentres que o couto redondo de Meirama era administrado por un fidalgo. Ao proclamarse a Constitución de 1812, substituíuse esta administración señorial por unha administración municipal vixente nos períodos 1813-1814 e 1820-1823. A sinatura por parte do Rei Fernando VII de senllos decretos derrogatorios da Constitución en 1814 e 1823, supuxo en ambas as datas a supresión do concello das Encrobas, establecido ao seu abeiro e integrado no partido xudicial de Poulo e na provincia de Galicia (a partir de 1822 na nova provincia da Coruña), e a restauración da administración señorial propia do Antigo Réxime. A definitiva implantación do municipalismo tivo lugar en 1835 co establecemento do concello de San Martiño de Cerceda. A única alteración que sufriu o concello dende aquela refírese á súa capital municipal, que mudou dos lugares de Rabadeira (ata 1900) aos de Coence (1900-1910), Guntín, Pedreira e Antemil (1910-1981) e, a partir do 1981, no Campo da Feira, entidades da parroquia de Cerceda. En 1974 as Comisións Labregas, vinculadas á Unión do Povo Galego, promoveron as accións veciñais contra a explotación das minas de lignito en protesta pola expropiación das súas terras. En febreiro de 1977 volveron producirse movementos de protesta e reocupáronse algunhas propiedades xa expropiadas, o que forzou a FENOSA a negociar cos labregos.
Patrimonio cultural
A arte románica deixou unha pequena pegada en Cerceda coa construción de diversas igrexas que aínda conservan vestixios da época como Santo André de Meirama, San Martiño de Rodís, Santa Comba de Xesteda e San Román das Encrobas, construída no s XII pero reformada no s XVIII. De entre as trazas románicas conserva os arcos de entrada ao presbiterio, os contrafortes do interior da ábsida e as seteiras dos muros. Nesta parroquia estivo o castelo das Encobras, que pertenceu á igrexa de Santiago de Compostela e do que non quedan restos. No eido da arquitectura civil destacan o pazo das Lavandeiras, construción do s XVIII formada por un edificio de planta rectangular, capela e hórreos aos que se engadiron construcións modernas; o pazo-torre de Gotón, nas Encobras, do que só se conserva o pazo; e o pazo de Boedo, en Santa María de Queixas, declarado BIC en 1994. Na vila está o Museo do Moucho e, dentro do patrimonio natural, sobresaen os espazos da serra de Montemaior e o monte Xalo. Entre as festas que se celebran destacan a romaría do Santo Espírito, en Rodís; e as festas da Virxe do Carme, en Cerceda; de San Martiño, en Rodís; e da Nosa Señora, en Queixas.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 111 Km2 |
| Poboación Total | 5587 h |
| Poboación Homes | 27 h |
| Poboación Mulleres | 2887 h |
| Densidade de poboación | 50.33 h/Km2 |