cereal

cereal

(

    1. adx [MIT]

      Relativo ou pertencente á deusa Ceres.

    2. adx e s f pl

      Aplícase ás festas que se celebran en honor a Ceres.

    1. adx e s m [PLANTA]

      Planta pertencente, en xeral, ás familias das poáceas e poligonáceas, que produce sementes das que se poden obter fariñas panificables. A selección realizada por parte do home ao longo dos tempos fixo que estas herbáceas sexan todas anuais e ofrezan máis e maiores froitos, con espigas máis resistentes, o que facilita a súa recolleita. Os cereais constitúen o grupo máis importante de plantas cultivadas debido, sobre todo, ao seu rendemento e valor alimentario, así como á súa facilidade de almacenaxe. Os máis importantes son: a avea, o centeo, o orxo e o trigo (orixinarios do interior de Asia e do Mediterráneo); o arroz (orixinario do sudoeste de Asia), o millo miúdo e o sorgo (de rexións áridas de Asia oriental, India e África) e o millo (de América central e México). A parte máis importante da produción destínase á alimentación (consumo directo dos grans, de produtos elaborados ou de subprodutos). Interveñen nos procesos de transformación e elaboración as industrias fariñeiras e de pasta, as industrias panificadoras e as fábricas de galletas, de pastas de sopa e doutros produtos alimentarios, así como as fábricas de pensos, colas, aprestos, glute e derivados, dextrinas, amidóns, etc; e as de cervexa e outras bebidas alcohólicas destiladas. Constitúen un alimento altamente enerxético, debido aos glícidos en forma de amidón, e ricos en potasio e fósforo aínda que deficientes no aminoácido lisina. As fariñas que se fan de xeito integral (moendo tamén a casca do cereal) tamén son ricas en vitaminas do grupo B.

    2. s m

      Semente dos cereais. Constitúe unha das bases da alimentación humana desde o Neolítico. Aínda que as substancias nutricias están tanto no tegumento coma no mesmo gran, adoitan consumirse descascados. Existen dúas formas de consumo que enriquecen o almorzo: os cereais para o almorzo, cocidos ao vapor, esmagados e torrados, ás veces con mel, azucre ou vitaminas, que facilitan a dixestión; e o müesli, que procede do norte e centro de Europa e que consiste nunha mestura de cereais cocidos, uvas pasas, abelás, améndoas, etc, á que se lle pode engadir froitas, azucre e mel. OBS: Emprégase habitualmente en plural.

Refráns

  • Coa chegada do cuco vén o pan ao suco.
  • Para o pan engraiar ha de o boi tremar / o boi ha tremar.

Palabras veciñas

Cerdido | Cerdocyon | Cere | cereal | cerealeiro -ra | cerealícola | cerealicultor -ra