cerebelo

cerebelo

(< lat cerebellu, dim decerebrum ‘cerebro’)

s m [ANAT/FISIOL]

Parte do encéfalo bastante rudimentaria nos vertebrados inferiores e de certa complexidade nos superiores. No ser humano ocupa a rexión posteroinferior da cavidade craniana e está separado dos hemisferios cerebrais por unha dependencia da duramáter, chamada tenda do cerebelo. Está constituído por unha parte mediana ou verme e dous lóbulos laterais ou hemisferios cerebelosos. Do cerebelo parten os pedúnculos cerebelosos: dous superiores que comunican cos tubérculos cuadrixéminos, dous medianos que comunican coa protuberancia e dous inferiores que descenden ata o bulbo. Está formado pola substancia gris, que forma o córtex cerebeloso e os núcleos internos, e a substancia branca, situada no medio da substancia gris, que adopta unha forma ramificada. A superficie externa está dividida por sucos nun gran número de circunvolucións. O córtex cerebeloso está constituído pola capa molecular e pola capa granular; entre estas dúas está a capa de células de Purkinje, á que chegan todas as vías cerebelosas aferentes. O cerebelo está relacionado principalmente coa coordinación, a exactitude e a suavidade dos movementos e co mantemento do equilibrio.