Cervantes
Concello da comarca dos Ancares, situado na provincia de Lugo no límite oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Navia de Suarna, ao L co de Candín (O Bierzo), aos S cos de Valcarce e Balboa (O Bierzo), Pedrafita do Cebreiro e As Nogais, e ao O cos das Nogais e Becerreá (Os Ancares). Abrangue unha superficie de 277,6 km 2 cunha poboación de 1.844 h (2007), distribuídos nas parroquias de Ambasvías, Castelo, O Castro, Cereixedo, Donís, Dorna, Lamas, O Mosteiro, Noceda, O Pando, Quindous, A Ribeira San Pedro de Cervantes, San Román de Cervantes, San Tomé de Cancelada, Vilapún, Vilaquinte, Vilarello, Vilasante, Vilaspasantes e Vilaver. A capital é a vila de San Román, na parroquia de San Román de Cervantes, situada a 42° 52’ de latitude N e 7° 32’ de lonxitude O, 161 ao L de Santiago de Compostela e 54,5 km ap SL de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Becerreá e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O termo municipal de Cervantes está baixo o dominio climático oceánico de montaña, caracterizado por uns rexistros termopluviométricos influídos pola altitude que se corresponde coa súa condición de espazo de montaña, encravado na serra dos Ancares. Deste xeito, a temperatura media do mes máis frío, xaneiro, con 2,2°C, é moi baixa para o contexto galego. Os veráns poden cualificarse como moi frescos xa que a media do mes máis cálido, agosto, é de tan só 16°C. Deste xeito, a temperatura media anual resultante é das máis baixas de Galicia, con 8,8°C, mentres que a oscilación anual é de 13,8°C. Polo que respecta ao réxime termopluviométrico, recóllense un total de 1.754 mm anuais, un volume semellante ao que se acada nas áreas litorais do dominio climático oceánico hiperhúmido. Esta elevada pluviosidade é consecuencia do carácter montañoso do municipio, que compensa a súa condición interior. A distribución estacional das precipitacións deixa notar unha importante seca estival, ao igual que no conxunto de Galicia, xa que no verán se recollen tan só o 11% do total das precipitacións anuais; pola contra, as estacións máis chuviosas son o outono (35,6% do total anual) e o inverno (34,1%) mentres que na primavera, que actúa como estación de transición, recóllense o 19% das precipitacións de todo o ano. Dende o punto de vista do relevo, o concello inscríbese plenamente dentro das serras orientais galegas, considerado como un municipio de alta montaña no contexto galego. O relevo érguese en dirección O-L, dende o val do río Navia, no O, cara á liña de cumios da serra dos Ancares, formada polos picos Mustallar (de 1.924 m de altitude), Penalonga (1.890 m) e Tres Bispos (1.793 m), que constitúen o límite administrativo das comunidades autónomas de Galicia e Castela e León. O resto dos cumios sitúanse nun nivel altitudinal entre os 1.200 m e os 1.800 m, mentres que por debaixo desta altitude as terras baixas se corresponden cos vales dos ríos Ser, Castro e Cervantes, todos eles afluentes do Navia, que articula a rede hidrográfica do municipio e serve de límite co concello veciño de Becerreá onde están a maior parte dos asentamentos. Dende o punto de vista litolóxico, a serra está formada por granitos, lousas e xistos, ademais de afloramentos de cuarcitas. Isto orixinou un relevo de carácter apalachense caracterizado pola alternancia entre os cumios, constituídos por unha litoloxía máis dura (xeralmente de tipo cuarcítica), e os vales, de litoloxía fundamentalmente metamórfica (lousa). Tamén hai que destacar a presenza na serra dalgúns enclaves litolóxicos calcarios e dolomíticos. Sobresae, ademais, o modelado cuaternario na configuración do relevo actual, non só a acción fluvial senón tamén o modelado glaciar würmiense. Dende o punto de vista bioxeográfico, Cervantes sitúase dentro do dominio Eurosiberiano; a especie máis abundante é o carballo (Quercus robur); ademais existen moitas comunidades de carácter atlántico, entre as que destacan bidueirais, reboleiras ou abeleiras. Especialmente significativa é a presenza de bosques de acivros (Ilex aquifolium), a piques de desaparecer. O monte baixo, tamén moi abundante, especialmente nas partes altas das ladeiras e nas solainas, está constituído fundamentalmente por matogueiras dos xéneros Erica e Ulex. Malia a riqueza do seu patrimonio bioxeográfico, só conta coa protección propia dunha Reserva de Caza que afecta á totalidade do termo municipal.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello nos últimos dous séculos inscríbese dentro das tendencias xerais experimentadas nos concellos do interior do país, caracterizados por unha estrutura económica con forte peso das actividades agropecuarias, o que implicou un forte descenso da poboación dende comezos do s XX ata as últimas datas. A poboación coñeceu unha primeira fase de crecemento a comezos do século que finalizou un pouco antes que no conxunto do país, no ano 1920, cando se acadou o máximo poboacional de toda a serie censual con 8.412 h. A década seguinte, 1920-1930, caracterizouse pola emigración ultramarina, o que implicou un descenso de poboación ata os 7.245 h que rexistraba o censo de 1930. Ata o ano 1950 a dinámica da poboación seguiu unha evolución discontinua, cun pequeno descenso na década dos trinta e un crecemento máis salientable na década seguinte ata chegar aos 7.952 h en 1950. Non obstante , a partir desa última data comezaron a deixarse notar as consecuencias do éxodo cara ás áreas urbanas de Galicia e España e tamén cara ao estranxeiro. En 1960, a poboación de Cervantes descendera xa ata os 5.570 h, cunha taxa media de crecemento anual do -2,9%. Nas tres décadas seguintes estas taxas foron respectivamente do -2,2%, o -2,8% e o -2,2%, ata acadar o mínimo poboacional de toda a serie censual en 1991, cando a poboación se reducira a 2.372 h, o valor mínimo de toda a serie. Na primeira metade da década dos noventa observouse un mínimo incremento da poboación ata chegar aos 2.414 h, debido fundamentalmente a factores conxunturais como o retorno de emigrantes. O descenso demográfico nos comezos do s XXI situouse en -13,62% no período 2001-2007. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo -13,3‰, froito dunha baixa natalidade (2,1‰) e unha elevada mortalidade (15,4‰), causada esta polo avellentamento da poboación. Deste xeito, os maiores de 65 anos representa o 31,3% da poboación fronte os menores de 20 que son o 8,5%; o grupo de adultos é do 54,2%. Por sexos dominan amplamente os homes, 56,02% da poboación froten ao 43,98% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cervantes é do 49% (55,2% a masculina e 41,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,8% (47,4% a masculina e 30,6% a feminina) e a taxa de paro é do 18,9% (14,2% a masculina e 26,5% a feminina). A base económica do concello é o sector agropecuario, no que se emprega o 50% da poboación ocupada. Predominan as explotacións de pequeno tamaño, cun claro carácter familiar e con escasa proxección no mercado. Dentro do total da superficie agraria útil (4.513 ha) máis da metade do terreo está dedicado a prados e 955 ha (o cultivo que ocupa máis extensión) a forraxes, feito que resalta a importancia da gandería. Entre as distintas especies gandeiras destaca a bovina, con 4.665 cabezas (2007). A agricultura ocupa un segundo plano; destacan sobre todo o cultivo de cereais de inverno como o centeo, a pataca ou o trigo. Tamén ten importancia a explotación forestal, unha das maiores fontes de ingresos da poboación. O sector secundario dálle traballo ao 16,9% da poboación ocupada, o 3,2% na industria e o 13,7% na construción. Pola súa banda, o sector terciario dá emprego ao 32,9% da poboación ocupada, no que destacan polo volume de empregos a hostalería e o ensino. No que respecta ás vías de comunicación, Cervantes está comunicado tanto internamente coma co exterior a través dunha rede de estradas locais que chegan a todos os núcleos de poboación.
Historia
O concello conserva restos dun antigo poboamento prerromano en Piornedo. Durante a Idade Media estivo dominado polo señor de Cervantes e conde de Villanueva de Cañedo e polos marqueses de Alcañices ou de San Sadurniño, que edificaron torres e fortalezas para exercer a xurisdición. As parroquias que integran o actual concello de Cervantes pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións de Cervantes (a maioría das parroquias) e Cancelada de Arriba (parroquias de San Tomé de Cancelada e Mosteiro), así como aos coutos redondos de Vilapún, Vilarello e Vilasante (que se correspondían con cadansúa parroquia homónima). Todas estas entidades pertencían á antiga provincia de Lugo e o señorío de cada unha delas correspondíalle, respectivamente, ao conde de Graxal, ao arcediago de Triacastela, ao hospital compostelán de San Miguel, á familia Bermúdez e ao marqués de Vilasante. Coa promulgación da Constitución de 1812, esta administración señorial substituíuse polo establecemento dos concellos de Cervantes e Cancelada, integrados no partido de Cruzul e na provincia de Galicia. A sinatura por parte do Rei Fernando VII dun decreto derrogatorio da Constitución en novembro de 1814, supuxo a supresión destes concellos e a restauración das xurisdicións e coutos señoriais. En 1820 promulgouse de novo a Constitución e os concellos de Cervantes e Cancelada volveron ter plena vixencia. En 1822 incorporáronse á nova provincia de Lugo. Un segundo decreto derrogatorio asinado polo Rei Fernando VII clausurou este período municipal e restaurou o sistema de administración territorial propio do Antigo Réxime. A restauración definitiva do municipalismo produciuse en 1835. En 1840 suprimiuse o de Cancelada e os antigos concellos de Cervantes e Cancelada constituíron un único concello que recibiu o nome de Cervantes. Ademais, producíronse algunhas alteracións no número de parroquias que remataron en 1845, data da derradeira variación. A finais do s XIX os veciños de Donís, cansos de pagar as contribucións, promulgaron a República Independente de Donís, mais a orde restableceuse aos poucos días.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as ruínas do convento de Dorna, a igrexa de San Xoán de Mosteiro, que pertenceu a un cenobio templario, e a igrexa de Santiago de Cereixedo. Máis abondosa é a arquitectura de carácter civil. En Vilaspasantes está o castelo de Doiras, declarado BIC en 1994, do mesmo xeito que o castelo de Frades en Cereixedo e o de Quindous. Sobresaen tamén a casa-torre de Donís e unha casa brasonada coa capela anexa en San Román de Cervantes. No eido da arquitectura popular destacan as pallozas en Piornedo, Donís, Robledo, Pozo, Pando, Sevande e Vilarello. Dentro do patrimonio natural cómpre salientar o espazo Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000, e as covas da Moura e da Meiga. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan a romaría da Virxe de Tarmas en maio, no santuario do mesmo nome; a festa de San Román en Cervantes, en agosto; e a festa dos monteiros dos Ancares en Campa da Braña (Donís), en xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ancares, Os |
| Extensión | 277 Km2 |
| Poboación Total | 1844 h |
| Poboación Homes | 1033 h |
| Poboación Mulleres | 811 h |
| Densidade de poboación | 6.66 h/Km2 |