cervantismo
(
Estudio crítico da vida e da obra do escritor Miguel de Cervantes Saavedra. O interese pola vida e obra de Cervantes fundaméntase na fama universal de El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha, un dos libros máis estudiados na historia da literatura. Non se pode falar con propiedade de cervantismo no s XVII; non obstante no s XVIII xa aparece un estudo erudito e crítico arredor desa idea, convertido nun clásico e comparado coa obra de Homero e Virxilio. En 1773 Gregorio Maians e Siscar publicou a primeira gran biografía de Cervantes como encabezamento da edición castelá de El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha de Tonson (1738). A primeira edición con notas foi a castelá de John Bowle (1781). Son tamén notorias as achegas de Saint-Evremond, Addison e Schlegel. O s XIX coñeceu o entusiasmo romántico pola figura do Quixote (edición crítica de Diego Clemencín, 1833-1839; e Juan Eugenio Hartzenbusch, 1863-1864). Destacados son os traballos de Juan Valera (1864), Morel-Fatio e Fitzmaurice-Kelly. A raíz do terceiro centenario da obra (1905), apareceron numerosos traballos sobre a vida e obra de Cervantes, entre os que cómpre considerar a obra de Menéndez y Pelayo Cultura literaria de Miguel de Cervantes y elaboración del Quijote (1907). A Xeración do 98 tamén contribuíu (Unamuno e Menéndez Pidal), e tamén son notables os traballos de Azorín (1905), Ortega y Gasset (1914), Américo Castro (1925), Helmut Hatzfeld (1927) e as edicións críticas de El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha de Clemente Cortejón (a partir de 1905), Rodríguez Marín (a partir de 1916) e a edición das obras completas iniciada en 1914 por R. Schevill e Adolfo Bonilla. Destacan tamén as biografías cervantinas de Herrero García (1948) e de Astrana Marín (1948-1955) e os estudios de Martín de Riquer. Desde 1951, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas publica uns Anales cervantinos onde se recollen periodicamente as principais achegas ao cervantismo.