Cervela

Cervela
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica. Parece ser que o nome de lugar homónimo ten que ver co latín cervus ‘cervo’, ao se tratar dun diminutivo da correspondente forma feminina. Neste sentido faría referencia á existencia no lugar dun animal desa especie ou ben dun gravado nunha rocha que representaba unha cerva; de feito, na parroquia da Cervela (O Incio) abundan os petroglifos e as insculturas. Non se pode descartar, sen embargo, a posibilidade de que se remonte a un nome de posesor posto que Cervelo se documenta como alcume na época medieval. O apelido Cervela atéstase no s XIV: “Pedro Rodriguez da Cervela” (doc ano 1325 en Emilio Duro Peña, El Monasterio de San Esteban de Ribas de Sil, 1977, p 302).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que se estableceu na Cervela (Antas de Ulla), en Riobó (Rodeiro) e en Pazos de Arenteiro (Boborás). As súas armas levan, escudo acuartelado: primeiro cuartel, en campo de azul, cunha serea; segundo cuartel, en campo de goles, cun leopardo; terceiro cuartel, en campo de sinople, cun cervo da súa cor; cuarto cuartel, en campo de ouro, con tres vieiras da súa cor. Outra variante ostenta, unha cerva atada a un carballo. Algúns representan unha árbore con dous cervos pasantes, diante do tronco; outros, en campo de sinople, un cervo de prata; e outros traen, en campo de goles, un monte de prata, sumado dunha árbore de sinople de cinco copas.

Palabras veciñas

Cervatos | Cerveira | Cerveiro | Cervela | Cervela, A | Cervela, A | Cervela, Antonio