César
Antropónimo masculino que se espallou fundamentalmente durante a época renacentista co gallo de recuperar a memoria de Caio Xulio César, conquistador de Brigantium (61-60 a C). Plinio o Vello relaciona este cognome coa lenda que dicía que César fora cortado do ventre da nai. Segundo outra hipótese, este nome viría dun alcume físico de familia, de xeito que caesarie faría referencia ao cabelo; tamén hai quen opinan que, en realidade, se trata dun nome de orixe etrusca, como a maioría da antroponimia romana. Trala extinción da casa Xulia, o Emperador Claudio converteuno nun título distintivo da casa reinante e de aí pasou á lingua común como sinónimo de ‘emperador’; de feito, é a orixe do Kaiser alemán e do tsar ruso. Na iconografía viste, normalmente, roupas militares romanas aínda que ás veces leva unha vestidura civil coa túnica dos patricios. A súa festividade celébrase o 3 de novembro.