cestodo -da
(< latín científico Cestoda, xénero de animais,do gr κειστός ‘cinto’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos cestodos.
-
s
m
[ANIMAL]
Platihelminto da clase dos cestodos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Clase de platihelmintos endoparasitos caracterizados pola ausencia de tubo dixestivo, polo que absorben os nutrientes a través das microvelosidades externas que, á súa vez, aumentan a superficie do animal. O corpo, que varía moito de lonxitude segundo as especies e mesmo pode acadar uns cantos metros, está constituído por unha parte anterior, chamada escólex, que funciona como órgano de fixación (ten ventosas, botrios ou botridios) e frecuentemente presenta unha serie de divisións, moitas veces aplanadas, chamadas proglotes; o conxunto do organismo chámase estróbilo. Teñen unha organización bastante simple. Cada proglote contén un aparello reprodutor completo e a cópula ten lugar entre proglotes diferentes do mesmo individuo. Nas especies máis grandes, as proglotes vanse desprendendo do estróbilo pola extremidade posterior cando chegan á madureza sexual; chámanse, daquela, cucurbitinos e están cheos de ovos. Son hermafroditas proterándricos que, xeralmente, para completar o seu ciclo vital requiren de dous hospedeiros; o primeiro un invertebrado e logo, na fase adulta, o tubo dixestivo dun vertebrado. Existen no mundo máis de 1.000 especies e os xéneros máis representativos son Diphyllobothrium, Dipylidium, Echinococcus, Hymenolepis, Taenia, Taeniarhynchus e Vampirolepis, coñecidos baixo a denominación vulgar de tenias.