champiñón

champiñón

(

s m [FUNGO]

Cogomelo de fungos do xénero Agaricus, de consistencia carnosa, con sombreiro branco ou acastañado, convexo ou plano, e de superficie finamente fibrosa e escamosa con láminas rosas, que cando madurecen se volven negras, e cun anel na parte superior do pé. En Galicia son frecuentes os cogomelos das especies: A. arvensis, en prados, de cheiro anisado e carne que se volve amarela ao corte, bo comestible; A. campestris, en prados, con carne branca que vira lixeiramente a rosa ao cortala, excelente comestible; A. silvaticus, localizada fundamentalmente baixo dos piñeiros, con carne que avermella, comestible; e A. xanthodermus, baixo dos carballos, con carne tóxica e cheiro desagradable que amarelece. A maior parte dos champiñóns consumidos en Galicia proceden do cultivo en instalacións específicas aínda que se considera que os silvestres son máis saborosos. Consómese novo, xa que resulta de mellor dixestión, tanto cru (en ensaladas, por exemplo) como cociñado ao allo, con bechamel, refogados con manteiga ou na grella. Utilízase en varios pratos, como as duxelles francesas. Desde 1990 ten lugar en Ordes (A Coruña) unha festa gastronómica do champiñón o último sábado de abril.