Chan da Arquiña

Chan da Arquiña

Mámoa situada en Moaña e restaurada en 1953 por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, quen realizara, xunto con Alfredo García Alén e Carlos Alonso del Real, as escavacións preliminares. Tipoloxicamente pertence ao grupo de mámoas de corredor, sen diferenciación neta entre cámara e corredor, e de forma xeral en V. A cámara, de planta poligonal, está formada por once chantas imbricadas; a tampa, que está partida, ten unhas dimensións aproximadas de 2 m no eixe maior. O corredor, orientado cara ao L, consta de cinco chantas e tres lousas que o cobren. A dimensión total é de 5,20 m no seu eixe maior, dos que 1,70 m son do corredor; a anchura da cámara é de 3,45 m e a do corredor diminúe a medida que se distancia da cámara. As catro lousas de cubrición están montadas de forma ascendente comezando polo extremo do corredor e a altura máxima, no interior da cámara, é de 1,70 m. No transcurso das escavacións descubriuse o seguinte enxoval: unha machada, un microlito, restos de ocre e varios fragmentos cerámicos, dos que un é dun vaso campaniforme de estilo internacional ou marítimo con bandas lisas que alternan con bandas decoradas con liñas impresas oblicuas. É o monumento megalítico mellor conservado do Morrazo.

Palabras veciñas

Chan | Chan | Chan da Armada | Chan da Arquiña | Chan de Castiñeiras | Chan de Razo | Chan do Rei, A