Chandrexa de Queixa

Chandrexa de Queixa


Concello da Terra de Trives, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Castro Caldelas (comarca de Terra de Caldelas) e San Xoan de Río, ao L cos da Pobra de Trives e Manzaneda (Terra de Trives) ao S cos de Vilariño de Conso (Viana) e Laza (Verín), e ao O co de Montederramo (Terra de Caldelas). Abrangue unha superficie de 171,8 km 2 cunha poboación de 719 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cadeliña, O Candedo, Casteligo, Casteloais, Celeiro, Chandrexa, Chaveán, Drados, Fitoiro, Fonteita, Forcadas, Parada Seca, Parafita, Queixa, Rabal, Requeixo, San Cristovo e Vilar. A capital municipal é o Lugar de Celeiros, na parroquia homónima, situada a 42° 18’ de latitude N e 7° 23’ de lonxitude O, 172 km ao SL de Santiago de Compostela e 67 km ao L de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Pobra de Trives, á provincia de Ourense e ás dioceses de Astorga e Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Chandrexa de Queixa está baixo o dominio climático oceánico de montaña. Situado nun espazo de alta montaña, resgardada dos ventos dominantes, os rexistros termopluviométricos vense influenciados por este factor, co que resulta un prolongado período frío desde novembro a abril e unhas precipitacións moderadas. A temperatura media anual é de 10,2°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, é de 3,9°C, mentres que a do mes máis cálido, xullo, é de 18°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,0°C. Os días libres de risco de xeada son 172. A precipitación anual media é de 1.176 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 37,9% das precipitacións recóllense en inverno, fronte ao 9,3% do verán, mentres que a primavera e o outono adoptan un comportamento de estacións de transición cuns valores medios, o 20,8% e o 32%, respectivamente. O relevo está condicionado pola sucesión de bloques elevados, que rodean unha porción máis deprimida, coincidente co val do Navea, cunha orientación predominantemente SO-NL. O primeiro dos bloques elevados é a serra do Burgo, que abrangue o O e o NO municipal, e que ten como principal elevación o monte Cruz, de 1.287 m de altitude, situado entre a parroquia de Fitoiro e o concello de Castro Caldelas. O centro do concello está ocupado por unha serie de vales fluviais cunha altitude media entre os 850 m e os 1.000 m, articulados todos eles polo val do Navea. O segundo bloque elevado, de maior entidade respecto ao anterior, é a serra de Queixa, que se estende polo L e polo S do municipio; a súa liña de cumes acada altitudes de entre 1.600 e 1.750 m; dos seus montes principais destaca o Seixo, de 1.707 m, na parroquia de Requeixo. Tamén neste concello se estenden os contrafortes meridionais e orientais de Cabeza de Manzaneda, aínda que con cotas máis moderadas. A súa rede hidrográfica está presidida polo río Navea, afluente do Bibei (da conca do Sil), que segue unha dirección SO-NL e que atravesa as parroquias de Candedo, Casteligo, Casteloais, Chandrexa, Chaveán, Fonteita, Paradaseca e Vilar; o seu curso permanece parcialmente asolagado no seu percorrido polo concello, primeiro polo encoro de Chandrexa e logo pola cola do encoro de Guístolas. Os principais tributarios do Navea son, na súa cabeceira, o Chandrexa, o rego de Acerral e o río Grande, que drenan conxuntamente o S do municipio (parroquias de Forcadas, Queixa e Requeixo); río abaixo recibe pola esquerda o río Rabal, principal curso do NO do concello (parroquias de Cadeliña, Fonteita e Rabal), e pola dereita o Casteligo e o Tornos, que regan á súa vez as parroquias do NO (Casteligo, Paradaseca e Parafita). Unha pequena porción do SL municipal (parroquias de Forcadas e Requeixo) pertence ás concas dos ríos Camba (as cabeceiras dos ríos Casarello e Cerveira) e Conso (o curso alto do río Conselo). No concello hai dous espazos naturais relevantes: o do río Navea, que se estende polo L do concello, e o da serra de Queixa-Montes do Invernadoiro.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Chandrexa de Queixa ao longo do s XX pode dividirse en varias fases diferentes: unha primeira de crecemento ata 1910, unha segunda de certo estancamento (1910-1940) e unha última de decadencia demográfica; esta evolución rematou por configurar un dos municipios demograficamente máis febles de Galicia, feito derivado da súa condición de territorio de alta montaña e cun grao de ocupación do espazo mínimo. As primeiras décadas do século tiveron un moderado incremento demográfico, cifrado no 0,51% de media anual, propias dun concello onde a emigración non era intensa, debido fundamentalmente ao seu illamento. Entre 1910 e 1940 a poboación estabilizouse, cunha leve tendencia á perda de efectivos demográficos ao manter un crecemento do -0,22%, síntoma do arranque da emigración no territorio municipal. Finalmente, a partir de 1940 aumentou a emigración e produciuse un descenso demográfico a un ritmo do -1,21% anual. Esa emigración só se detivo parcialmente nos últimos anos, cando as perdas diminuíron ata taxas de -0,54% de media anual. O s XXI comezou tamén con perdas demográficas: -14,81% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural da poboación foi moi negativo (19,6‰) froito dunha moi baixa natalidade (2,6‰) e unha elevada mortalidade (22,2‰), causada esta polo avellentamento que se reflicte na pirámide de idades: os menores de 20 anos representan só o 7,1% %, fronte aos maiores de 65 anos que son o 42,1%; o grupo intermerdio representa o 50,8%. A distribución por sexos amosa un gran desequilibrio a prol dos homes, que constitúen o 55,91% da poboación fronte ao 44,08% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Chandrexa de Queixa é do 41,5% (49% a masculina e 32,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 37% (42,7% a masculina e 30% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (12,8% a masculina e 7% a feminina). Chandrexa de Queixa é un municipio esencialmente agrícola. No conxunto das actividades primarias traballa o 42,4% da poboación ocupada A superficie cultivada esténdese polo 8,49% do territorio municipal, por ser un concello de alta montaña. Os principais cultivos son as forraxes, o centeo e a pataca. Os pastos esténdense por un 40,7% do termo municipal; esta extensión e a difusión dos cultivos forraxeiros fan que sexa importante o gando bovino (1.753 vacas, 2007), na súa maioría destinadas á produción de carne. O gando porcino conta con 96 prazas reprodutoras (2005); o gando ovino caracteriza un tradicional pastoreo extensivo na serra de Queixa. A industria acolle o 4,1% da man de obra, ben en pequenos talleres semiartesanais de carácter local, ben traballando fóra do concello; neste sentido destaca a presenza da central hidroeléctrica de Chandrexa. A construción emprega o 15,5% da poboación ocupada. O sector terciario é a segunda fonte de emprego (37,9% dos traballadores). A poboación ocupada no sector comercial e servizos traballa na Pobra de Trives ou en Castro Caldelas. As principais vías de comunicación do concello son as estradas locais que o comunican con Castro Caldelas e A Pobra de Trives.
Historia
Os restos materiais megalíticos, castrexos e romanos ofrecen unha data de ocupación temperá. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Chandrexa de Queixa pertenceron ás xurisdicións de Castro Caldelas (parroquias de Cadeliña, O Candedo, Casteloais, Chaveán, Fitoiro, Fonteita, Queixa, Rabal, Pedrazas), Parada Seca (Casteligo e Parada Seca) e Queixa (Celeiros, Chandrexa, Forcadas, Parafita, Requeixo e Vilar). O señorío das dúas primeiras correspondíalles respectivamente ao conde de Lemos e á abadía de San Bréximo de Trives, mentres que os seus veciños administraban a de Queixa. As tres xurisdicións estaban representadas pola antiga provincia de Ourense. Esta administración señorial suprimiuse coa promulgación da Constitución de 1812, que estableceu a organización territorial do estado en municipios. Non consta en fontes históricas a concreción desta administración municipal no actual territorio de Chandrexa de Queixa naquela primeira xeira constitucional (1812-1814), polo que hai que agardar ata 1820, data da rehabilitación da Constitución, para ter a primeira constancia da formación de concellos: o de Chandrexa de Queixa e Bretelo, e o de Fonteita, adscritos ao partido de Castro Caldelas e á provincia de Galicia. En 1822 integráronse na nova provincia de Ourense, como resultado da división da provincia de Galicia. En 1823 un decreto derrogatorio da Constitución, asinado polo Rei Fernando VII, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial. En 1834 restableceuse definitivamente o municipalismo, e este territorio pasou a formar parte do partido da Pobra de Trives. No ano seguinte, 1835, naceu o actual municipio de Chandrexa de Queixa, sen que dende entón se produciran variacións na súa superficie.
Patrimonio cultural
A presenza romana no concello amósase nas pontes de Bibei, Cavalar e Navea, reformadas posteriormente. A igrexa de Sobrado de Trives é unha construción románica. Na arquitectura civil destaca o Casal de Drados, construción do s XVIII que foi rehabilitada como instalación turística, e na arquitectura popular, o forno comunal de Forcadas. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Macizo Central, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as da Virxe de Guadalupe no Chao e a Inmaculada en Celeiros, ademais da romaría de Chandrexa de Queixa.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Trives
Extensión 171 Km2
Poboación Total 719 h
Poboación Homes 402 h
Poboación Mulleres 317 h
Densidade de poboación 4.2 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias